O día 16 de abril, ás 19:30 no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela terá lugar a presentación do número 31 da revista Dorna (2006/2007). A presentación consistirá nun recital poético-musical coa participación de Anxo Angueira, María do Cebreiro, Xiana Arias, Alberto Lema, Andrea Núñez, Lía Santiso e Manu Clavijo.
Con este número recupérase a traxectoria dunha das revistas máis importantes do panorama literario galego, que leva dende 1981 ofrecendo un lugar para a expresión de voces emerxentes xunto con outras longamente consagradas.
O presente número conta, entre outras, coas colaboracións de Anxo Angueira, Chus Pato, Darío Xohán Cabana, Elvira Riveiro, Fran Alonso, María do Cebreiro, María Lado, Marilar Aleixandre, Marta Dacosta ou Miro Villar, xunto con poetas que veñen de debutar hai pouco como Alberto Lema, Andrea Núñez, Rosa Enríquez ou Xiana Arias.
O número inclúe tamén unha antoloxía bilingüe do poeta vasco Kirmen Uribe e está ilustrado con obra fotográfica da artista Carmen Chacón.
Arquivo da categoría: Edición
Preséntase na Coruña Investigadoras galegas, de Iolanda Fernández Casal
O xoves 10 de abril, ás 20:30 horas, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (R/ Olmos 16-18, 1º), terá lugar a presentación do libro Investigadoras galegas, de Iolanda Fernández Casal. O libro recolle entrevistas con 50 investigadoras representativas da I+D de Galiza, e foi editado polo Grupo Correo Gallego, en colaboración co departamento de Educación da Xunta de Galiza.
Xosé Mª Álvarez Cáccamo recibirá o premio Irmandade do Libro
Natalia Colombo gañou o I Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados
A ilustradora e deseñadora arxentina Natalia Colombo gañou o I Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, convocado pola Concellaría de Educación de Santiago e a editorial Kalandraka, coa obra titulada Cerca. O galardón ten unha dotación económica de 12.000 euros e o libro será publicado a finais deste mesmo ano por Kalandraka, nas cinco linguas peninsulares. O xurado valorou un total de 335 traballos procedentes de numerosos países, entre os que se escolleu Cerca pola relación “perfectamente trenzada” entre relato e imaxes, que “narran, flúen e evolucionan”.
Letras novas promociona as novas creacións
«O volume presentarase o vindero venres día 4 ás 12 horas na sede de Vicepresidencia da Xunta, coa presenza do director xeral de Xuventude, Rubén Cela; do presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, e da vicepresidenta da asociación, Antía Otero.
O xornal, editado pola Dirección Xeral de Xuventude e que xa vai polos 20 números, deixa un espazo para a nova creación literaria na sección Letras Novas, froito da colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega. Nela conviven os escritores máis noveis e outros máis representativos das últimas décadas na literatura galega. […]» (Galicia-Hoxe)
Presentación en Boloña da revista Bloc
O martes 1 de abril de 2008, ás 10:00 horas no Translators Centre (Hall 30, Stand A41) terá lugar a presentación do número 1 de Bloc, revista internacional de arte e literatura infantil, na Feira do Libro Infantil de Bolonia. Participarán: Xabier P. DoCampo (director), Gerardo Domínguez (diseñador) e Teresa Duran (especialista en literatura infantil).
O sorriso de Daniela, publicado por Kalandraka, obtén a distinción ‘The White Ravens 2008’
O libro de Kalandraka titulado O sorriso de Daniela, escrito por Carmen Gil, con ilustracións de Rebeca Luciani, vén de ser incluido na lista ‘The White Ravens 2008’ (Os Corvos Brancos). Esta distinción recoñece O sorriso de Daniela como un dos mellores álbumes infantís publicados en toda España durante o pasado ano.
Nace o Consello Asesor do Libro
Preséntase ‘prazadasletras.org’, portal de referencia para a promoción do libro galego e a lectura
«A Consellaría de Cultura e Deporte presentou hoxe o portal en Internet PrazaDasLetras.org, un proxecto creado para ser o referente do libro galego en Internet. Este portal web integra toda a información relacionada co sector do libro e nace para converterse na ferramenta de referencia para coñecer e complementar as campañas e as políticas de fomento da lectura e promoción do libro que desenvolve a Consellaría. […]» (Consellaría de Cultura e Deportes)
Presentación na Coruña de Amor deshabitado, de Ánxeles Penas
O día 13 de marzo, ás 20:00 horas na Fundación Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande, 21-24), terá lugar a presentación do poemario Amor deshabitado, de Ánxeles Penas. No acto intervirán Xavier Seoane, Teresa Seara, Miguel Anxo Fernán Vello e a autora. Tamén se ofrecerán unha lectura-recital a cargo da actriz Ánxela G. Abalo e unha actuación musical do violinista Mijail Moriatov.