«Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas ao Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano, co que se pretende recoñecer un libro infantil ou xuvenil editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2006 e o 30 de novembro de 2007, resultaron finalistas as seguintes obras: “Minimaladas”, de Carlos López (Edicións Xerais de Galicia), “O único que queda é o amor”, de Agustín Fernández Paz (Edicións Xerais de Galicia) e “Xela volveuse vampira!”, de Fina Casalderrey (Baía Edicións). Trala derradeira votación resultou gañadora EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA por “O único que queda é o amor”, de Agustín Fernández Paz.» (AGE)
Arquivo da categoría: Edición
Nova editorial empregará software e licenzas libres
«O xoves 20 preséntase en Compostela, na sede da Fundación Caixa Galicia, Urco Editora, un proxecto editorial pioneiro en Galiza, que aposta pola cultura libre e o software de código aberto. Segundo anuncia na súa web a empresa, todo o proceso de edición faise exclusivamente baixo o sistema operativo GNU/Linux e con programas de código aberto. […]» (Vieiros)
Libro das alquimias, de Xesús Constela
Xa está nas librarías a novela Libro das alquimias (Galaxia, col. Costa Oeste), de Xesús Constela: «Un rapaz moi tímido, construtor de mecanos e lector infatigábel dunha enciclopedia, a camiñar ao longo dun corredor de candeas acesas na procura da solución dun estraño misterio que vai cambiar para sempre a súa vida.»
Presentación en Boiro do Anuario e entrega dos Premios da Cultura da Asociación Cultural Barbantia
A Asociación Cultural Barbantia, o Concello de Boiro e mais a Deputación Provincial da Coruña presentan o terceiro Anuario de Estudos do Barbanza 2007. Terá lugar na Casa da Cultura “Ramón Martínez López” de Boiro, o venres 14 de decembro ás 21:00 horas.
No mesmo acto entregaranse os Premios Barbantia da Cultura 2007, que recaeron nesta primeira edición en Isaac Díaz Pardo, Xesús Santos Suárez e a Asociación Artesá e Etnográfica O Faiado-2.
Presentación en Vigo do proxecto CAMI III e o nº 11 de Maremagnum
Os socios do Proxecto CAMI III de Cooperación Transfonteiriza Galicia – Norte de Portugal: Camiño do Miño / Caminho do Minho presentarán os proxectos CAMI II e III ao longo do período 2003-2007. No mesmo acto terá lugar a presentación do nº 11 da revista Maremagnum, dedicado a “Formación e Discapacidade”. Será o dia 20 de decembro 2007 as 20:00 horas no Auditorio do Centro Cultural Caixanova en Vigo.
An Alfaya en Santa Comba
O venres 14 de decembro a escritora viguesa An Alfaya estará no IES Terra de Xallas (Santa Comba) para comentar co alumnado de 2º da ESO a súa novela Matei un home (tresCtres Editores, 2005), que resultara gañadora do Premio de Novela Curta “Xulián Magariños Negreira”, convocado en 2004 polo Concello de Negreira e a Fundación Feiraco, co gallo do centenario do nacemento do escritor negreirés (1904 – 1934).
Este acto literario está organizado conxuntamente polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, a Biblioteca e o Equipo de Normalización Lingüística do IES Terra de Xallas, co patrocinio de tresCtres Editores. Comezará ás 11:30 horas na Biblioteca deste centro de Secundaria de Santa Comba.
A revista mexicana Reverso publica un monográfico de poesía galega
«A revista mexicana Reverso presentou onte na Feira de Guadalajara a súa nova entrega, que inclúe un monográfico sobre poesía galega. O director da publicación, Carlos López de Alba, subliñou a “magnífica saúde” deste xénero en Galicia.
No mesmo acto, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, referiuse ás pontes recuperadas entre Galicia e México e a persoeiros galegos que viviron no país americano, como Carlos Velo, Lorenzo Varela ou Elixio Rodríguez.
O monográfico recolle poemas de Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Manuel Álvarez Torneiro, Xosé Luis Méndez Ferrín, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xulio Valcárcel, Xavier Seoane, Chus Pato, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello, Eva Veiga, Olga Novo, Yolanda Castaño e Emma Pedreira, acompañados por ilustracións de Alfonso Costa. […]» (Xeración Web)
Presentación n’ A Coruña d’ A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros, de Xosé Manuel Sánchez Rei
O xoves 13 de decembro terá lugar a presentación do libro A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros, a cargo do autor Xosé Manuel Sánchez Rei, Francisco Pillado Maior (director de Laiovento) e Xosé Ramón Freixeiro Mato (profesor titular da Área de Filoloxía Galego-Portuguesa da Universidade da Coruña). Será ás 20:30 horas no salón de actos da Asociación. (Asociación Cultural Alexandre Bóveda)
Presentación en Vigo de Profundidade de campo, de Yolanda Castaño
A presentación de Profundidade de campo (XV Premio de poesía Espiral Maior) , de Yolanda Castaño Xoves, terá lugar o día 13 de decembro ás 20:00 horas en El Corte Inglés de Vigo – Sala “Ámbito Cultural” (Gran Vía, 25, 7º andar).
Contará coa presenza do escritor e membro do xurado Xosé Mª Álvarez Cáccamo, o
director de Edicións Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello e a propia autora, que asinará exemplares da súa obra desde as 19:00 horas na sección de libraría.
Obradoiro en Ferrol sobre Minimaladas, de Carlos López e David Pintor
Dentro da campaña Educar para ler, terá lugar o obradoiro de ilustración e humor arredor do libro de Edicións Xerais Minimaladas, de Carlos López e David Pintor. Será na Galería Sargadelos de Ferrol o sábado 15 ás 11:00 horas.