Desde a Xunta de Galicia:
“Un total de 22 representantes dos 55 docentes que interveñen este curso na segunda edición do proxecto de dinamización lingüística Dragal participaron o xoves 15 de xaneiro no encontro organizado pola Consellería de Cultura e Educación no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para poñelos en contacto, informalos sobre o funcionamento das ferramentas de traballo con que conta o proxecto, entregarlles material e coordinar as tarefas para os dous vindeiros trimestres.
O encontro celebrado en Santiago enmárcase nunha experiencia que a Consellería –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- está desenvolvendo por segundo ano en centros de educación secundaria das catro provincias galegas. Trátase do Proxecto Dragal, unha iniciativa multimedia con base na triloxía homónima de Elena Gallego Abad que promove a lectura, a creación e a investigación multidisciplinar en galego.
Se no primeiro ano participaron na experiencia sete CPI e institutos, este ano o programa esténdese a catro centros máis. Deste xeito, 659 e alumnas de primeiro e segundo da ESO do IES Rafael Puga Ramón da Coruña, CPI Virxe da Cela de Monfero, IES da Pobra do Caramiñal, CPI da Cañiza, IES Castro Alobre e IES Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, IES de Valga, IES Xesús Taboada Chivite de Verín, IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, IES Alfoz-Valadouro e IES de Becerreá participan este curso no Proxecto Dragal da man dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, encargada de coordinalos.
Tras a lectura da primeira novela da triloxía, A herdanza do dragón, e da ambientación ou dragalización de cada centro educativo, o alumnado participante este ano no proxecto prepárase para recibir a escritora Elena Gallego, que visitará durante as dúas vindeiras semanas os CPI e institutos que interveñen este ano no proxecto. Os encontros rematarán cunha videoconferencia que poñerá en contacto o alumnado dos once centros Dragal. A partir de aí, sucederanse os traballos de análise, de pescuda e de creación arredor da temática da novela, traballos que se realizarán ou compartirán no wiki do proxecto.
Está previsto rematar o curso, igual ca na pasada edición, cun xogo de rol no Pico Sacro, lugar lendario cun importante papel na triloxía Dragal. (…)”
Arquivo da categoría: Literatura e ensino
Compostela: inaugurado o Máster Literatura Infantil e Xuvenil como achega á formación e desenvolvemento de hábitos lectores, dirixido por Blanca-Ana Roig
O día 12 de xaneiro inaugurouse o Máster Literatura Infantil e Xuvenil como achega á formación e desenvolvemento de hábitos lectores, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela-ICE-Familias Mundi, dirixido por Blanca-Ana Roig Rechou (da AELG) e codirixido pola directora do ICE.
Están matriculados 38 alumnos e alumnas provenientes de varios países de Hispanoamérica. Realízase na Facultade de Filosofía, aula 2, da Universidade de Santiago.
Ten como obxectivos:
– Formar sobre a evolución psicolóxica e a madurez lectora dos discentes até os 18 anos.
– Adquirir coñecementos teórico-prácticos sobre lectura, educación literaria e formación lectora.
– Dar a coñecer como se constituíu a Literatura Infantil e Xuvenil, as súas fortalezas e debilidades, tendo en conta a lectura textual e a ilustración.
– Adquirir as habilidades necesarias para deseñar e realizar programas de animación e estimulación lectora, na familia, a escola e a biblioteca.
– Desenvolver competencias para seleccionar obras literarias de valor estético, que respondan aos intereses dos lectores.
– Coñecer as prácticas de estimulación lectora no labor editorial, bibliotecario e de aula.
– Coñecer a visión de escritores da Literatura Infantil e Xuvenil e a súa obra para axudar a poñer en práctica os coñecementos adquiridos.
– Analizar os novos formatos da Literatura Infantil e Xuvenil.
– Valorar a importancia da familia na formación e desenvolvemento do hábito lector.
– Adquirir destrezas para a realización de traballos de investigación.
E como finalidade axudar a mellorar os índices de lectura, dada a súa importancia no desenvolvemento integral de nenos e mozos e recoñecer o papel fundamental que cumpre a familia no achegamento lúdico ao libro e á lectura.
A parte da evolución psicolóxica e métodos está impartida por profesorado da USC e a de Literatura Infantil e Xuvenil, educación literaria, lectura en aula e biblioteca e educación artística corre a cargo de Blanca-Ana Roig Rechou, Eulalia Agrelo Costas, Marta Neira Rodríguez, Mª del Carmen Ferreira Boo, Isabel Mociño González e Mar Fernández Vázquez (da AELG) ademais doutro profesorado da USC, da Universidade de Santiago de Chile, de Sevilla e Portugal, educadores galegos e editores (como Hércules de Ediciones).
Nel tamén interveñen escritores galegos como Agustín Fernández Paz e Antonio García Teijeiro, a escritora Fina Casalderrey Fraga, o escritor portugués João Pedro Mésseder e o escritor sevillano Antonio Rodríguez Almodóvar. Faranse encontros con profesores de diversos países, co director da Real Academia Española, Darío Villanueva Prieto, e coa Editorial Kalandraka.
Concurso Es de libro
NOTA. O concurso Es de libro, iniciativa de CEDRO, admite orixinais en calquera das linguas oficias, co que animamos ao envío dos mesmos en galego. As inscricións pódense realizar aquí.
Con Pere Tobaruela, no Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” (IES Valadares), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Foi un pracer retomar onte as actividades do Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” do IES Valadares. Nesta ocasión Pere Tobaruela mantivo un encontro coas lectoras e lectores de Formig4s, o primeiro volume dunha serie ambiciosa orixinal que gozou dunha maioritaria aceptación entre quen se achegou a ela. Loxicamente, parte do encontro xirou arredor deste volume, isto é, das súas orixes, da dinámica creativa que mantiveron autor e ilustrador -Andrés Meixide-, da configuración e inspiración dos personaxes, das temáticas que ocupan -e ocuparán- cada unha das entregas, da premeditada escolla da tipografía e das claves do deseño do propio libro, da consideración do proxecto como unha achega literaria exportable, da aposta pola visualización e a secuencialidade nos seus contidos e doutros asuntos que saíron ao fío dun diálogo enriquecedor e, ao tempo, divertido que tamén se detivo -creo que resulta inevitable- en cuestións que se relacionaron tanto coa escolla dun rexistro lingüístico como o galego para un escritor de orixe catalá, como doutras que repararon na singularidade dunha proposta narrativa que persegue a innovación e, dalgún xeito, adaptarse aos tempos.
Tobaruela evocou asemade que nos seus comezos tiña que abrazar un exercicio de contención expresiva que supuña escribir textos de once liñas para un xornal, e que aí aprendeu técnicas para escribir prescindindo do accesorio. Moito disto vese neste Formig4s, que non dá as costas á dosificación de contidos didácticos, se se quer, nin tampouco ao criterio do entretemento: “as historias de entretemento non teñen que considerarse literatura banal”, e abofé que neste caso non é así. Agradecido pola visita e o diálogo.”
Presentación por videoconferencia de Silencio, de Fran Alonso
A novela Silencio, de Fran Alonso, publicada en Xerais, será presentada o xoves 27 de novembro, ás 10:00 horas, por videoconferencia ante o alumnado dun Instituto de Vigo e outro de Ferrol. O encontro terá lugar no IES Valadares de Vigo, desde onde será retransmitido ao IES Saturnino Montojo de Ferrol, que participará de forma activa. No acto de presentación intervirán, xunto ao autor, Manuel Bragado, Ramón Nicolás e o alumnado dos dous centros de ensino galegos, que realizarán comentarios sobre o libro e preguntas dirixidas a Fran Alonso.
Así mesmo, a presentación será retrasmitida por twitter baixo o hashtag #Silencio e desde a conta @bretemas. Durante os dous días seguintes, os rapaces/as que o desexen poderán formularlle preguntas ao autor a través da súa conta de twitter: @franalonso
Booktrailer de Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e resposta nas aulas
Cinco títulos galegos entre os dez máis lidos nos clubs de lectura do ensino
Desde Cultura Galega:
“O blog Ler en mancomún acaba de publicar unha listaxe das obras máis lidas nos clubes de lectura das bibliotecas escolares do noso país. Segundo os datos achegados por 209 destas entidades, O curioso incidente do can a media noite de Mark Haddon é o que máis aceptación tivo, xa que se leu, nas súas versións en galego, castelán e inglés, nun total de 19 clubs. Ségueo a pouca distancia O neno do pixama a raias de John Boyne (18) e a pouca distancia dous autores galegos, Domingos Villar con A praia dos afogados (16) e Agustín Fernández Paz con Cartas de inverno (14).
En total, dos dez títulos máis seguidos, 5 son de autores galegos. Canda aos dous mentados, Xulia Alonso, Marcos Calveiro e Pedro Feijoo foron os seleccionados, en competencia con clásicos com J. D. Salinger, José Mauro de Vasconcelos ou a serie Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly. Na maior parte dos casos optouse polas versións en galego das obras para traballar con elas.”
Conversa virtual por Twitter entre Marcos Calveiro e alumn@s do Colexio La Salle de Compostela
O mércores 5 de novembro, ás 09:25 horas, terá lugar unha conversa virtual por Twitter, entre Marcos Calveiro, autor de Todos somos, e alumnos e alumnas de 2º da ESO do Colexio La Salle de Santiago de Compostela.
Crónica videográfica das IV Xornadas de Literatura e Ensino: mesa redonda O pensamento escríbese con -As (o ensaio no século XXI)
O sábado 18 de outubro, no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, tiveron lugar as IV Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o título A Xeración Nós-outr@s, organizadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Esta á e crónica videográfica do acto, onde se poden ver as seguintes intervencións:
– Presentación da mesa redonda O pensamento escríbese con -As (o ensaio no século XXI), con Mercedes Queixas.
– Intervención de Rebeca Baceiredo.
– Intervención de Montse Dopico. Tamén pode consultarse a versión escrita aquí.
– Intervención de María Reimóndez.
– Coloquio da mesa redonda O pensamento escríbese con -As (o ensaio no século XXI). Con Rebeca Baceiredo, Montse Dopico e María Reimóndez.
Crónica videográfica das IV Xornadas de Literatura e Ensino: mesa redonda Imaxinarios narrativos para o século XXI
O sábado 18 de outubro, no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, tiveron lugar as IV Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o título A Xeración Nós-outr@s, organizadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Esta á e crónica videográfica do acto, onde se poden ver as seguintes intervencións:
– Presentación da mesa redonda Imaxinarios narrativos para o século XXI, con Carlos Negro.
– Intervención de Rosa Aneiros.
– Intervención de Inma López Silva.
– Coloquio da mesa redonda Imaxinarios narrativos para o século XXI, con Rosa Aneiros e Inma López Silva.