Entrega do II Premio “Carlos Casares” de microrrelato

Mañá venres día 13 de xuño, ás 20:30 no Salón Nobre do Liceo de Ourense, terá lugar o Acto de Entrega do VII Premio “Carlos Casares” de Microrrelato. No transcurso do acto terá lugar unha lectura dramatizada con acompañamento musical do último capítulo da novela “O Sol do Verán”, a cargo de Teresa Devesa, Loly Conde e Ángel Losada (piano).

Marilar Aleixandre gaña o Premio Fundación Caixa Galicia

«[…] O Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil foi parar á escritora Marilar Aleixandre, grazas á súa obra ‘A cabeza de Medusa’.Nela, Aleixandre narra a historia da violación dunha rapaza por parte dun descoñecido ao saír dunha festa de Entroido. A través dunha prosa “áxil e dinámica”, a gañadora aborda “con valentía” un tema complexo no que as dúas protagonistas, Lupe e Sofía, buscan xustiza e sofren o castigo de parte da sociedade.» (Galiciae)

Santiago Jaureguizar gaña o VIII Premio Terra de Melide

«Jaureguízar é máis de Kafka que de Valle-Inclán. Lembra o moito que leu ao escritor alemán cando tiña vinte anos ou cando acudía ao circo para ver como o domador se metía na gaiola dos leóns. Algo daquilo chegou até a súa novela O Globo de Shakespeare que o sábado recibiu o VIII Premio Terra de Melide, dotado con 6.000 euros, sobre o descubrimento do manuscrito do primeiro Hamlet, perdido dende finais do século XVI e agochado nun pazo do Ribadeo do século XXI. […]» (Galicia-Hoxe)

Francisco Rozados gaña o X Certame de narración curta Ánxel Fole

«Do relato gañador, O vestiario máxico do abade, do pontevedrés Francisco Rozados, destacaron “o discurso Cunqueirano, a súa riqueza de vocabulario e a súa calidade literaria”. Do segundo clasificado, As sete tristes notas do meu vals, da ceense Rocío Leira, destacaron o feito de que como un relato tan breve poida enganchar ao lector pola súa poesía, a súa lírica e a súa densidade. O premio Ánxel Fole, que organiza a Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, contou este ano con 38 candidatos na categoría de galego.» (Vieiros)

Rubén Ceide Martínez gaña o XXXIII Premio nacional de narracións curtas Modesto R. Figueiredo

Ditame do XXXIII Premio nacional de narracións curtas Modesto R. Figueiredo, da Fundación do Pedrón de Ouro (en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Ourense):
Primeiro premio:
A caixa da costureira, de Rubén Ceide Martínez, de Lugo.
Segundos premios para:
Esperado regreso, de Alberto E. Aneiros, de Compostela.
Desartellados, de Manuel Quintáns López, de Compostela.
O xurado recomendou a publicación de:
Breve historia do pensamento contaxioso, de Xosé Luís Martínez Pereiro.
O ascensor, de Chelo Suárez Muíños.
Bonaval, de Adolfo Caamaño Vázquez.

O Acto de entrega será o 29 de decembro no Concello de Ourense.