A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura saca por primeira vez a concurso público a organización dos actos das feiras do libro de Galicia 2010 por un importe de 260.000 euros, segundo o publicado no Diario Oficial de Galicia de onte, día 21 de xaneiro. A Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e a Federación de Libreiros de Galicia organizarán dez feiras en diferentes vilas e cidades galegas de abril a agosto do 2010. Nestes eventos o sector editorial ofertará unha ampla variedade das novidades literarias en todo tipo de soportes. [Ler nova completa]
Arquivo da categoría: Feiras do Libro
Praza dos Libros: literatura, pan, animación, audiovisual e feira tradicional durante catro días en Carballo
Libros, actividades lúdicas, presentacións, actuacións, autoras e autores da comarca e do país, cinema, recitais, pan e moitas outras propostas encherán de vida, imaxinación e creatividade o Xardín Municipal de Carballo durante catro días. Unha nova edición da Praza dos Libros que cada ano pretende promocionar a lectura e achegarlle á cidadanía o libro e os produtos culturais galegos.
O inicio será o xoves 27 ás 10.30 h e a inauguración ás 13.00 h cun orixinal pregón do contador, actor e director teatral Quico Cadaval. Ao longo dos catro días haberá diversas presentacións e sinaturas de libros. Así, o xoves 27 ás 19.30 h presentarase a antoloxía poética De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía da Costa da Morte, na que participarán diversos poetas da zona como, entre outros, Miro Villar e Modesto Fraga. O venres 28 ás 12.30 h presentarase Marcelo o morcego, de Beatriz Fraga e ás 21.00 h o poemario Olladas dun intre de amor, de Alberte Suras. O sábado 29 ás 12.30 h Alberto Varela Ferreiro presentará O Misterio na selva de Ngorongón e ás 21.00 h Fernando Cabeza Quiles fará o mesmo con Contos azuis. Finalmente, o domingo 30 ás 12.00 h terá lugar a presentación de A cociña dos larpeiros, de Benigno Campos, e ás 19.30 h de Sidecar, o último libro de Alberto Lema.
Pero a Praza dos Libros irá máis aló, polo que haberá diversas actuacións e actividades de animación. Deste xeito, tanto o xoves pola mañá como o domingo pola tarde estará na feira a Ciclobiblioteca pilotada polo contacontos Anxo Moure. O xoves 27 ás 21.00 h Quico Cadaval traerá Fantasmas familiares, un espectáculo das súas orixinais historias. O venres 28 ás 20.00 h será a hora do circo de rúa, con Á pista, malabarista!, da compañía Picompé. O sábado estará todo o día na feira a Caixiña dos mistos, unha orixinal caravana con cinema infantil itinerante sobre rodas coas mellores pelis para peques. O mesmo sábado 29 ás 19.00 h, Teatro Patán animará aos nenos e nenas con Palabra de Chapeu. Contos para xogar. Ademais, o domingo 30 pola mañá terá lugar a gravación dun capítulo da serie de internet Para mariñeiros nós, protagonizada por Suso Lista e Manolo de Laxe, e dirixida por Omar Rabuñal.
E os libros virán cun pan debaixo do brazo… Durante toda a mañá do domingo 30 todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pan da marca Pan de Carballo. Ademais, durante os catro días de feira, cada compra será agasallada cun exemplar do Alba de Gloria de Castelao ou coa edición do poema Víspora de San Xuan, de Alfredo Brañas, do que se celebra o 150 aniversario do seu nacemento. E ao lado dos libros estarán os mellores produtos da zona, pois o xoves 27 pola mañá a Praza dos Libros convivirá coa Feira Tradicional de Carballo e o domingo 30 co Feirón de Verán 2009, con compra, venda e difusión dos mellores produtos alimentarios locais e de tempada.
Nesta feira da palabra participan sete librarías: Brañas e Trasgo (de Carballo), Como unha novela (da Laracha), Roget (de Vimianzo), Couceiro e Orizales (da Coruña) e A Palavra Perduda (de Santiago). Ademais, tamén participa Kamisolas-Rei Zentolo (de Carballo), A Mesa pola Normalización Lingüística e o Concello de Carballo.
Viveiro: presentación de No cubil da Lúa
Baía Edicións presenta en Viveiro No cubil da Lúa, do mestre e poeta mariñán Xoán Neira. Será o sábado día 15 de agosto , ás 21:00 horas, na Feira do Libro de Viveiro (Xardíns Noriega Varela) e no acto participarán ademais do autor, a poeta, narradora, ensaísta e dramaturga Marica Campo acompañados dunha representación de nenas e nenos da vila, que recitarán poemas do libro, ilustrado polo galego-cubano Juan Darién.
En No cubil da Lúa conflúen poesía, plástica e animais coñecidos do noso medio, xuntos en 14 poemas que achegan a nenos e nenas outros tantos animais que viven en liberdade e dormen baixo o amparo da Lúa, descritos con fermosas e evocadoras figuras que perfilan poéticamente os seus lazos singulares.
Cee: presentación da antoloxía poética De Pondal ao Batallón Literario
Hoxe mércores ás 19.15 horas terá lugar o acto de presentación da antoloxía poética De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte, editada por Sotelo Blanco en colaboración coa Asociación Neria.
A actividade terá lugar na Fundación Fernando Blanco de Cee (no paseo da Alameda), dentro da programación da Feira do Libro 2009.
Remata a Feira do Libro da Coruña
Programa do luns 10 de agosto
18.00 A feira dos nenos. Espectáculo de monicreques: Os tres porquiños e algún outro, realizado por Mario Tomás.
19.30 O escritor Xavier Seoane presentará o seu libro Raíz e soño (Canción de Oleiros) 1976-2008, publicado pola Editorial Trifolium. Xunto co autor, tamén participarán Miguel Anxo Fernán-Vello e o editor Xan Arias. Ao remate do acto, o escritor asinará exemplares do seu libro.
20.00 A escritora Leticia Dotras Méndez asinará exemplares do seu libro Océanos de una orilla, editado por Publicaciones Arenas.
20.30 A Associaçao de Amizade Galicia e Portugal fai a presentación do libro Galiza: Língua e sociedade (XIV Ensaios). Presenta e modera, Fernando Vasques Corredoira (traductor). Interveñen: António Gil Hernández (editor e co-autor) e Ernesto Vázquez Sousa (co-autor).
Feira do Libro da Coruña: programa do domingo 9 de agosto
19.00 A feira dos nenos. A escritora Irene Castelos Cortizas asinará exemplares do seu libro Pesadillas al anochecer, publicado por Éride Ediciones.
19.00 A editorial Trifolium presenta o libro de María Casares Residente Privilexiada. Presentará o acto María Lopo. Tamén participarán no mesmo María Xosé Bravo, concelleira de Cultura do concello da Coruña e o editor, Xan Arias.
19.00 O escritor Luis Sepúlveda asinará exemplares do seu libro La sombra de lo que fuimos (Premio Primavera de Novela), publicado pola Editorial Espasa Calpe e do resto dos seus libros.
19.30 A escritora Consuelo Mariño Bobillo asinará exemplares do seu libro La Coruña bajo el reinado de Fernando VII, editado por Publicaciones Arenas.
20.00 Presentación libro Hasta el fin del mundo, do escritor Manuel Sánchez Dalama.
21.00 A escritora Magdalena del Amo, presentará o seu libro Déjame nacer, publicado pola editorial La Regla de Oro.
Feira do Libro da Coruña: programa do sábado 8 de agosto
19.00 A feira dos nenos. Contacontos da escritora Yolanda Castaño e do debuxante Mario Tomás, arredor do seu libro Cando eu saiba ler, publicado pola Editorial Galaxia.
19.00 O escritor, debuxante e actor Moncho Borrajo, asinará exemplares do seu libro Gatos, publicado pola Editorial Ir Indo.
20.00 Presentación do libro Os días adiados, de Correa Corredoira, publicado por Edicións Espiral Maior. Xunto co autor, participan no acto o poeta e profesor Xavier Seoane e Miguel Anxo Fernán Vello, director da editorial.
20.00 A escritora Espido Freire asinará exemplares dos seus último libros: El trabajo os hará libres, publicado pola Editorial Páginas de Espuma e Cartas de amor y desamor, publicada por 451 Editores.
20.30 O escritor Xavier Alcalá asinará exemplares do seu libro Habana Flash, publicado por Ediciones Nowtilus e do resto das súas obras.
21.00 Edicións Laiovento presenta o libro Rosalía de Castro. A luz da ousadía, do escritor Diego Pardo Amado.
Feira do Libro da Coruña: programa do venres 7 de agosto
18.00 A feira dos nenos. A compañía de teatro de rúa Seisdedos, representará a súa obra O galo Kiriko e os seus amigos.
19.00 A escritora Concha Blanco asinará exemplares dos seus libros.
19.00 A asociación MusicArte presentará o seu libro-CD Once máis 15. Poemas musicados.
19.30 O escritor Vicente Iglesias Martelo asinará exemplares do seu libro La Calle Real Coruñesa. Historias y vivencias, editado por Publicaciones Arenas.
20.00 Edicións Laiovento presenta os libros De fala a língua: un proceso inacabado, de María del Pilar García Negro e Sobre o racismo lingüístico, de varios autores e coordinado pola mesma autora.
20.00 Xabier P. Docampo (autor) e Xosé Cobas (ilustrador), asinarán exemplares do seu Libro das viaxes imaxinarias (Premio Irmandade do Libro 2009 da Federación de Libreiros de Galicia), publicado por Edicións Xerais de Galicia.
20.30 O escritor Luis Lamela asinará exemplares do seu libro Escapado, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
21.00 O humor na feira do libro. Monólogo humorístico de Cándido Pazó.
Feira do Libro da Coruña: programa do xoves 6 de agosto
18.00 A feira dos nenos. A escritora Heidi Kühn-Bode presenta a súa Actividade teatral para nenos realizada arredor do seu libro Falou un queixo, publicado pola Editorial Galaxia.
19.00 O escritor e xornalista Carlos G. Reigosa asinará exemplares do seu libro A vida do outro (premio Torrente Ballester 2008), publicado por Edicións Xerais de Galicia.
19.00 O escritor Carlos L. Medrano, presenta o seu libro Esfinge. Relatos de pensamento creativo, publicado por 3C3 Editores. Xunto co autor, participan no acto Salvador Naya e Amancio Liñares Giraut.
19.30 O escritor Ignacio del Valle, asinará exemplares do seu libro Los demonios de Berlín, publicado pola Editorial Alfaguara.
20.00 O escritor Luis Pousa Rodríguez asinará exemplares dos seus libros La noche de las palabras, gañador do IX Premio Literario Fernando Arenas Quintela (2009), editado por Publicaciones Arenas e Embigo do mar, publicado por Edicións Espiral Maior.
20.00 O escritor Carlos Mella presenta o seu libro Memorias dun ninguén, publicado pola Editorial Galaxia.
20.30 O escritor Javier Sáez de Ibarra asinará exemplares do seu libro Mirar al agua (Premio Ribera del Duero de Narrativa Breve), publicado pola editorial Páginas de Espuma.
21.00 Recital narrativo musical de Xosé Carlos Caneiro arredor do seu libro Blue moon, publicado por Biblos.
Feira do Libro da Coruña: programa do mércores 5 de agosto
18.00 A feira dos nenos. Acto arredor do libro O arco da vella, de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás e publicado por Edicións Xerais de Galicia. Participarán os autores do libro.
18:15 Espectáculo de escapismo co Mago Pedro Volta
19.00 O escritor Bieito Romero asinará ejemplares do seu libro Xeometrías máxicas de Galicia, publicado pola Editorial Ir Indo.
19.00. Presentación do libro A casa máxica. O meu primeiro libro de maxia do Mago Pedro Volta, publicado por Baía Edicións.
20.00 O escritor e xornalista Luis Rei Núñez presenta o seu libro Monte Louro, gañador do Premio Blanco Amor de Narrativa 2009 , publicado por Edicións Xerais de Galicia. Xunto co autor, participarán no acto o escritor Xavier Seoane e Manuel Bragado, director xeral da editorial.
20.00 O actor e escritor Moncho Borrajo, asinará exemplares do seu libro Dende a outra beira, publicado por 3 Editores
21.00 A Editorial Galaxia presenta os últimos títulos da colección Árbore Os Duros. Participan Xosé A. Neira Cruz e os autores e ilustradores dos libros: María Lires, Alberto Varela Ferreiro, Margarita Ledo, David Pintor, Xabier P. Docampo e Xosé Cobas.