A literatura galega en Barcelona, Frankfurt e Guadalajara

«A promoción da industria cultural galega vén sendo un dos obxectivos prioritarios na liña de actuación da Asociación Galega de Editores (AGE) para o ano 2008. Nesa política de promoción do libro galego un dos pilares básicos é a asistencia dos editores e dos seus produtos ós diferentes encontros profesionais que se desenvolven en todo o planeta. É por iso que, nesta recta final de ano, a AGE afrontará tres novos retos: a asistencia á Feira Internacional do Libro Liber de Barcelona, a Feira Internacional de Frankfurt (Alemaña) e a Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México). […]» (AGE)

Praza dos libros: catro días de promoción da lectura e da cultura en Carballo

Praza dos libros de Carballo«Carballo acollerá entre o 21 e o 24 de agosto unha nova edición da Praza dos Libros, unha feira literaria que ten como obxectivo a promoción da lectura, das librarías da comarca, dos autores galegos e da cultura de rúa. Durante catro días o Xardín Municipal acollerá dez casetas que se encherán de libros, actividades lúdicas, presentacións, música, escritores e incluso recitais poéticos para que os veciños e veciñas poidan desfrutar dos libros.» Vexa o programa. (Concello de Carballo)

A triloxía Evanxélica memoria, de Xavier Alcalá, na Feira do libro da Coruña

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/lASPAlBSzAk" width="320" height="240" wmode="transparent" /]

A triloxía Evanxélica memoria (Galaxia), composta polas novelas de Xavier Alcalá Entre fronteiras (2004), Nas catacumbas (2005) e Unha falsa luz (2007), foi celebrada polo editor Víctor Freixanes e o crítico literario Alfredo Ferreiro con motivo da Feira do libro da Coruña de 2008. O autor, que había de participar propiciando un coloquio sobre a súa obra, non puido estar presente por motivos persoais; porén, si se puido contar coa testemuña principal do literaturizado na obra, Manuel Molares, quen confirmou a fidelidade do autor co acontecido e relatado por el. (Blogue de Xavier Alcalá)

Obra literaria de Urbano Lugrís na Feira do libro da Coruña

O día 10 de agosto, na Feira do Libro da Coruña (xardíns de Méndez Núñez) ás 13 horas, terá lugar a presentación do libro Balada de los mares del norte. Poesía, cuentos y ensayos, 1942-1973, de Urbano Lugrís (Alvarellos Editora). No acto participarán o xornalista e escritor Manuel Rivas, a autora da edición anotada do texto e profesora da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez e o editor Henrique Alvarellos. A actriz María Inés Cuadrado lerá fragmentos da obra.

Xavier Alcalá na Feira do libro da Coruña

Na Feira do libro da Coruña o xoves 7 de agosto ás 20 horas o escritor Xavier Alcalá presentará a triloxía “Evanxélica memoria”, composta polas novelas Entre fronteiras, Nas catacumbas e Unha falsa luz (Editorial Galaxia). No acto participarán xunto co autor Víctor Freixanes como editor e Alfredo Ferreiro como crítico literario.

Presentación en Boloña da revista Bloc

O martes 1 de abril de 2008, ás 10:00 horas no Translators Centre (Hall 30, Stand A41) terá lugar a presentación do número 1 de Bloc, revista internacional de arte e literatura infantil, na Feira do Libro Infantil de Bolonia. Participarán: Xabier P. DoCampo (director), Gerardo Domínguez (diseñador) e Teresa Duran (especialista en literatura infantil).