Letras novas promociona as novas creacións

«O volume presentarase o vindero venres día 4 ás 12 horas na sede de Vicepresidencia da Xunta, coa presenza do director xeral de Xuventude, Rubén Cela; do presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, e da vicepresidenta da asociación, Antía Otero.

O xornal, editado pola Dirección Xeral de Xuventude e que xa vai polos 20 números, deixa un espazo para a nova creación literaria na sección Letras Novas, froito da colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega. Nela conviven os escritores máis noveis e outros máis representativos das últimas décadas na literatura galega. […]» (Galicia-Hoxe)

Margarita Ledo entra na Real Academia Galega

«”Para min é un compromiso máis. Durante moito tempo foi moi difícil darlle corpo ao compromiso, agora temos a posibilidade de facelo a través de espazos coma este”. Margarita Ledo Andión comentaba onte deste xeito as primeiras impresións que lle produciu a noticia do seu nomeamento como membro numerario da Real Academia Galega en substitución de Miguel Anxo Araúxo. […]» (Galicia-Hoxe)

Preséntase ‘prazadasletras.org’, portal de referencia para a promoción do libro galego e a lectura

«A Consellaría de Cultura e Deporte presentou hoxe o portal en Internet PrazaDasLetras.org, un proxecto creado para ser o referente do libro galego en Internet. Este portal web integra toda a información relacionada co sector do libro e nace para converterse na ferramenta de referencia para coñecer e complementar as campañas e as políticas de fomento da lectura e promoción do libro que desenvolve a Consellaría. […]» (Consellaría de Cultura e Deportes)

Inaugurada a Feira Internacional do Libro da Habana con Galiza como protagonista

[…] Abreuse así o principal evento de proxección exterior da cultura galega, ao que asistiu a delegación galega de escritores e artistas, así como unha nutrida representación do resto dos países presentes e de autoridades cubanas. […]
O historiador e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, impartiu o día 14 a conferencia inaugural que deu comezo á apertura da FILH. Diante dun público moi numeroso, o historiador explicou o binomio “cultura” (un punto de vista sobre o mundo) e “país/nación” (modo de estar e actuar no mundo) aplicado ao caso galego e falou da importancia da cultura para a construción dunha identidade de país. Villares falou de Galiza como unha “nación cultura” atlántica e de finisterre, “un país en profunda transición” e que ten os seguintes rasgos básicos: peso da terra como marco social e comunitario, o mar, peso da igrexa e da relixiosidade. Tamén definiu tres vectores de influencia: Europa como porta de entrada; América como porto de saída; e Portugal e a Lusofonía como unha tradición cultural compartida.
O presidente do CCG afirmou que Galiza é un país de “construción lenta”, aludindo a unha historia cun reino con pouco goberno, á creba liberal e a unha “tardía” toma de conciencia política.

Ademais, o mesmo día a Cátedra de Cultura Galega albergou un encontro cos poetas galegos Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Cesáreo Sánchez Igresias, Chus Pato e Xavier Rodríguez Baixeras, tras o cal actuará a cantante especialista en música medieval Paulina Ceremuzynska. […] (Consellaría de Cultura e Deportes)

Liquids. Revista de estudos literarios ibéricos

LiquidsLiquids. Revista de estudos literarios ibéricos trátase dunha revista electrónica semestral que comezou a súa andaina en maio de 2007. Inclúe artigos e recensións, e ocasionalmente tamén un espazo de creación. Está aberta a todas as linguas peninsulares.
A coordinadora da sección galega convida a participar na revista con aportacións preferentes sobre a literatura galega. No seguinte número precisan de unha ou dúas recensións sobre libros de crítica ou investigación, escritos en galego ou sobre a literatura galega. (Liquids)

“O futuro do galego nunha Europa multilingüe”, xornada ofrecida pola Universidade da Coruña

Coincidindo co Día das Linguas, o vindeiro 21 de febreiro o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza unha xornada de análise baixo o título “O futuro do galego nunha Europa multilingüe”.
O acto contará coa participación de intérpretes galegos que desenvolven en varias linguas o seu labor profesional en instancias da Unión Europea, os cales falarán sobre a xestión das linguas en espazos multilingües e o papel das linguas minoritarias neste contexto. Como peche tamén se proxectará o documental Linguas cruzadas. (Universidade da Coruña)

Preséntase en Madrid a estratexia de internacionalización da cultura galega

«O Goberno galego presentou esta mañá en Madrid a súa estratexia de promoción da cultura galega. A súa conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, acompañada de Suso de Toro e Fina Casalderrey, -Premios Nacionais de Narrativa e de Literatura Infantil e Xuvenil, respectivamente-, ademais da cantante Ugia Pedreira (Marful e Nordestinas), explicou a vontade do seu departamento de internacionalizar a cultura galega e falou do primeiro gran evento exterior protagonizado por Galicia, a Feira Internacional da Habana que comeza o próximo día 13 de febreiro. […]» (Consellaría de Cultura e Deporte)

Letras de Galicia: unha web para a promoción internacional da literatura

«A Consellería de Cultura e Deportes creou márcaa Letras de Galicia, que tamén dá nome a unha web (www.letrasdegalicia.com), para apoiar a promoción do a literatura galega no mundo. Esta páxina inclúe información actualizada dos autores e autoras da comunidade, así como da súa presenza nas distintas feiras nacionais e internacionais. […]

Principalmente, a nova web está dedicada ao mundo hispano, que se converteu nun mercado preferente dentro desta estratexia de internacionalización. Agora ben, tamén presenta espazos escritos en inglés, como o que explica como se poden comprar os dereitos de autor de creadores galegos. […]» (La Voz de Galicia)