Encontro Nacional da Memoria Histórica terá lugar na Illa de San Simón

A Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, está a organizar o Encontro Nacional da Memoria Histórica, que terá lugar na Illa de San Simón o próximo 19 de xullo. Neste ano, o acto central estará dedicado aos protagonistas do exilio galego.
Para reservar praza cómpre anotarse no correo electrónico anodamemoria@xunta.es

“O eco da memoria”: VIII Campaña de Animación á Lectura

Ata o 19 de maio pódense contemplar na Galería Sargadelos de Santiago (Rúa Nova, 16) ás ilustracións orixinais que compoñen a exposición “O eco da memoria”, título da ‘VIII Campaña de Animación á Lectura’ que organizan a Concellería de Educación e Kalandraka. Unha exposición de artistas internacionais formada pola obra da ilustradora galega Alicia Suárez, o extremeño Miguel Tanco e o suizo -afincado en Galicia- Marc Taeger. A mostra complétase cunha sala de instrumentos tradicionais e obxectos recuperados da vida cotiá na Galicia do século pasado.

II Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros da UDC

O Centro de Linguas da Universidade da Coruña, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da UDC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, organiza estes cursos de verán de Lingua e Cultura Galegas diríixidos a aquelas persoas que procedan de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e que estean interesadas en se introduciren no estudo da lingua galega, así como en ampliaren os seus coñecementos sobre a cultura galega.
O curso impartirase entre o 1 e o 24 de xullo de 2008. Máis información en breve na web do Centro de Linguas da UDC.

A Consellaría de Cultura crea este ano os Premios Nacionais da Cultura Galega

«Os Premios Nacionais da Cultura constitúense como unha ferramenta para visibilizar diante da sociedade o traballo de quen se teña destacado no enriquecemento da cultura galega pola súas obras, pola súa participación en iniciativas creadoras ou por contribuír ao afortalamento do noso patrimonio material ou inmaterial. A intención da Consellaría de Cultura é que estes premios sexan un novo paso adiante de cara á normalización da cultura galega, co obxectivo de que se convirtan na súa gran festa.» (Consellaría de Cultura e Deportes)