A memoria que reconstrúe un mundo, de Yanelis Velazco Fajardo, sobre a obra de Xosé Vázquez Pintor

A memoria que reconstrúe un mundo é o título do libro da profesora de Crítica Literaria na Facultade de Artes e Letras na Universidade da Habana, Yanelis Velazco Fajardo, que fora presentado na Feira Internacional do Libro da capital de Cuba no pasado mes de febreiro. Publicábase así a súa tese sobre unha parte da obra poética do escritor galego Xosé Vázquez Pintor. Este xoves, aproveitando a súa segunda visita a Galicia, a autora compartirá o convívio, coa palabra e obra que nos representa, con Felipe Senén e Xosé Vázquez Pintor. Será unha viaxe pola Literatura de noso, de Cuba a Galicia e viceversa. E tamén unha achega de actualidade á obra do escritor de Melide, que fora honrado no pasado mes de xuño coa Letra E da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Yanelis Velazco Fajardo (Matanzas-1976) colabora en revistas especializadas de Ensaio e Literatura, como “La jiribilla”, “ La letra del escriba” e “ La siempreviva”, onde no seu último número aparece un estudo sobre a novela “Para dicir abril”, editada por Sotelo Blanco e co patrocinio da Fundación Vicente Risco.

Será o día 17 de xullo nas Portas Ártabras-espazo de Cultura de Amigos dos Museos de Galicia (Rúa Sinagoga, 22 – detrás da Colexiata na Cidade Vella da Coruña), ás 20:00.

I Encontro Cidade da Coruña

Os próximos días 18 e 19 do mes que andamos a Asociación de Escritores en Lingua Galega organiza en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e Cedro, o I Encontro Cidade da Coruña, unha actividade que nace coa pretensión de estenderse a outras cidades do país.
O venres 18 de xullo celebrarase unha mesa redonda que, baixo o título “Narrativa con memoria histórica”, contará coa presenza de Lidia Jorge, Carme Riera e Manuel Rivas. Será na Casa Museo Casares Quiroga (Panadeiras, 12).
O día seguinte, no Teatro Rosalía de Castro, con presentación de Antía Otero, está previsto un recital poético e lectura de textos a cargo de Marica Campo, Yolanda Castaño, Lidia Jorge, Luz Pozo, Carme Riera, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras e Xavier Seoane, alén da actuación musical de “Carmen Rey Grupo”, cun son próximo do rhythm and blues, coa esencia do funk e do jazz.
A entrada é de balde até completar aforo. (Gabinete de Comunicación da AELG – Tfno: 660 530 525 – correo-e: prensa@aelg.org)

Manifesto da Federación de Asociacións de Escritores “Galeusca”

Perante o discurso pretendidamente homoxeneizador e centralista que subxace no “Manifiesto por la lengua común”, a Federación de Asociacións de Escritores “Galeusca”, da que fan parte a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e a Euskal Idazleen Elkartea (Asociación de Escritores Vascos), quere deixar constancia do seguinte:

1. A realidade plurilingüe que conforma e dá existencia ao estado español, lonxe de ser entendida como unha “asimetría” ou deficiencia per se, está a reproducir de xeito transparente unha diversidade lingüística e cultural común á maioría dos estados que conforman a Europa plurilingüe.

2. O galego, o éuscaro e o catalán non son “inventos” recentes senón linguas que foron normais nos seus territorios e sociedades respectivas durante centos de anos. A súa desnormalización, a súa perda de usos públicos, non se produciu de forma “natural”, senón, mesmamente, por invasión da lingua que se decretou como oficial do estado, sen consulta nin acordo previo.

3. O artigo 3 da Constitución española garante a presenza desa lingua común para todos os habitantes do estado, mediante a esixencia a toda a cidadanía do deber de coñecer o castelán. Toda a cidadanía de Galicia, Euskadi e os Países Cataláns asume na práctica esa esixencia, pois non hai persoa que non teña unha boa competencia en castelán, ora a teñan como primeira lingua, ora como segunda. Porén, respecto do galego, do éuscaro e do catalán a lexislación non prevé a obriga de seren coñecidos nos seus respectivos territorios, o que establece unha asimetría nos dereitos lingüísticos da cidadanía que quere exercer o dereito, que lles é recoñecido, a usalos.

4. O galego, éuscaro e catalán tamén son linguas oficiais nos seus territorios, que é o mesmo que dicir que son as linguas propias de aproximadamente o 40% da poboación do estado español. Estes códigos lingüísticos diferentes do castelán, lexítimos e nos que se recoñece o percorrido e expresividade dun pobo e dunha cultura, son instrumentos de comunicación igualmente “democrática”, ferramentas de relación interpersoal útiles e necesarias para a sociedade que as sustenta.

5. O dereito ao uso público, en todas as instancias, da lingua propia está recoñecido en todas as lexislacións democráticas do mundo. No ámbito europeo cómpre lembrar a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (aprobada e ratificada polo Estado español) ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, aprobada coa unanimidade do Congreso dos Deputados.

6. A visión anuladora que da enriquecedora realidade plurilingüe española se transmite desde o “Manifiesto” leva a pensar na similitude coas teses da etapa franquista: un Estado, unha lingua, e, consecuentemente, a reforzar as formulacións diferenciadoras entre cidadáns de primeira e de segunda por razón de lingua. A competencia plurilingüe, tamén para os cidadáns españois nados en comunidades autónomas cunha única lingua oficial, sempre será unha chave que abra o mundo, que abra as fronteiras do respecto polo outro desde a interpretación dunha relación de equidade entre os seres humanos, independentemente do seu lugar de nacemento, de residencia e de lingua propia. Además, o “Manifiesto” parte dunha premisa que non se corresponde coa realidade, pois en ningún caso o castelán corre perigo ningún en todo o territorio do Estado.

7. A aprendizaxe de linguas, ademais da propia, sempre debe ser entendido en positivo e como sinónimo de enriquecemento do individuo, pois coa aprendizaxe plurilingüe estimúlase a expresividade e cognición das persoas. No caso de Galiza, Euskadi e os Países Cataláns é imprescindíbel que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística.

8. Para garantir esa utilización libre das linguas precísanse medidas emanadas dunha política lingüística adecuada. É dicir, para garantir os dereitos constitucionais que temos tamén os falantes de catalán, éuscaro e galego precísanse políticas lingüísticas que creen as condicións para exercelos, tal e como ditou o Tribunal Constitucional na sentenza 337/1994 cando “avalaba un trato desigual, que non discriminatorio, para as dúas linguas oficiais en función do carácter propio dunha delas que fai preciso unha acción normalizadora que debe, necesariamente, implicar accións de apoio singularizado”.

9. As políticas lingüísticas aplicadas ao ámbito educativo nas chamadas comunidades bilingües teñen como obxectivo conseguiren que o alumnado acade unha boa competencia nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar. Para acadar ese obxectivo, é preciso desenvolver planificacións lingüísticas que garantan a consecución dese obxectivo e que pasan, necesariamente, pola utilización vehicular maioritaria da lingua máis desfavorecida socialmente. E isto, en vez de ir contra a liberdade lingüística, é, precisamente, unha actuación imprescindible para garantir esa liberdade lingüística.

10. As escritoras e os escritores galegos, vascos e cataláns PROCLAMAMOS a nosa vontade de seguirmos a escribir nas nosas linguas e a contribuírmos ao proceso, inacabado, de normalización das nosas linguas, como dereito humano, democrático, pacífico ao que non imos renunciar. Repudiamos enerxicamente todos os intentos de EXCLUSIÓN que colegas escritores españois realizan das nosas linguas e lamentamos que, no canto de se preocuparen pola saúde do español en Puerto Rico, Costa Rica ou os Estados Unidos, se dediquen a combateren o máis próximo e asimetricamente discriminado.

Xullo de 2008

___________________________________________________________________________________

Aquelas entidades, colectivos ou persoas que concorden co contido deste manifesto poden mostrar a súa adhesión no enderezo electrónico: oficina@aelg.org

(AELG)

IV Obradoiro “Cousas de mulleres” en Bos Aires

A Sociedade Galega de Arantei, Vilamarín e A Peroxa e a Asociación Civil Herbas de Prata organizan o cuarto encontro dos obradoiros “Cousas de Mulleres” o vindeiro sábado día 28 de xuño ás 15:30 na Sociedade Galega de Arantei, Vilamarín e A Peroxa. O encontro será o sábado 28 de xuño ás 15,30 na rúa Moreno 3281 da cidade de Bos Aires. (Herbas de Prata)

Yolanda Castaño no Festival Mundial de Poesía de Venezuela

Co lema “Sen tregua, coma as nubes” a 5ª edición do Festival Mundial de Poesía de Venezuela está a ter lugar no país caribeño dende o día 18 e ata o 25. O evento, organizado polo Ministerio do Poder Popular para a Cultura –que dirixe o galego Francisco Sesto- a través da “Casa Nacional das Letras Andrés Bello” celébrase en todo o territorio nacional, dedicándose este ano ao poeta margariteño Gustavo Pereira (Premio Nacional de Literatura 2000).
Nun percorrido pola totalidade dos 24 estados do país, 200 poetas venezolanos súmanse aos 38 internacionais provintes de 30 diferentes países de Europa, América, Oriente Próximo, África e Oceanía. Entre eles, a galega Yolanda Castaño, única chegada dende as linguas minorizadas do Estado, e que completa xunta Mª Ánxeles Pérez López a delegación española.
Este Festival Mundial, que xa contara con outro galego –Miguel Anxo Fernán-Vello- na súa segunda edición hai dous anos, experimenta un constante crecemento dende os seus comezos, colocándose coma o segundo en importancia en toda América Latina, despois do de Medellín (Colombia). O programa inaugurouse o día 19 ás 18:30, no emblemático Teatro Teresa Carreño da capital. Recitais, obradoiros e presencia editorial darán respaldo a este acontecimento cultural.

III Terceira xuntanza do obradoiro “Cousas de mulleres”, organizado por Herbas de Prata

(Bos Aires, 15 de maio) – O colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata organiza o sábado 31 de maio a terceira xuntanza dos seus obradoiros “Cousas de Mulleres” coa intención de abrir un espazo para a voz das mulleres, un sitio no que elas sexan escoitadas e teñan a liberdade de falar de todo canto viven, pensan e sinten.
A cita será no Centro Noia Rianxo o vindeiro sábado 31 de maio ás 15,30 horas na rúa Gral. Urquiza 1021, da cidade de Bos Aires.(Herbas de Prata)

II Xuntanza aberta do obradoiro “Cousas de mulleres”, en Bos Aires

(Bos Aires, 1 de maio) – Coa intención de abrir un espazo para a voz das mulleres, un sitio no que elas sexan escoitadas e teñan a liberdade de falar de todo canto viven, pensan e sinten, o colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata organiza este sábado a segunda xuntanza dos seus obradoiros “Cousas de Mulleres”. A segunda cita será na Asociación Residentes de Vigo o vindeiro sábado 3 de maio ás 15 horas na rúa Quintino Bocayuva 522, da cidade de Bos Aires.
Os obradoiros vivenciais están a percorrer as institucións da colectividade galega en Bos Aires, alí onde cada centro ou asociación abra as súas portas. “Unha vez ao mes abrimos estes faladoiros onde o que buscamos é escoitarnos, é falar do que nos pasa como mulleres, como emigrantes, como nais ou fillas ou avóas ou netas, como traballadoras ou como personas no paro. Falar, ou sexa, do noso vivir como mulleres”, detallaron dende Herbas de Prata.
Ademáis destes obradoiros, Herbas de Prata organiza xunto coa Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta o programa de capacitación, de formación, e encontro e reflexión para as mulleres da diáspora galega Tempos de Mulleres, que foi presentado na Delegación Exterior da Xunta de Galicia o pasado luns 28 de abril. Máis información: herbasdeprata@gmail.com (Herbas de prata)

Nancy Morejón recollererá o Premio “Escritora Galega Universal”

Como viñemos informando, a Aelg conta xa estes días coa presenza da escritora cubana Nancy Morejón no noso país, que vén recoller o Premio “Escritora Galega Universal” no marco da Cea das Letras deste sábado 26 de abril.
A Aelg organizou unha conferencia e unha lectura de poemas comentados segundo o seguinte programa:
• Xoves 24 de abril, ás 20,00 horas, conferencia de Nancy Morejón na Fundación Rosalía de Castro, en Padrón, baixo título “Nancy Morejón: a muller na súa obra e na literatura cubana e caribeña”. Estarán presentes a Secretaria Xeral de Igualdade, Carme Adán; a presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro, e a secretaria xeral da AELG, Mercedes Queixas.
• Venres 25 de abril, ás 19,00 horas, Lectura de poemas comentados, baixo título “A beleza de todos os días”, a cargo de Nancy Morejón, no salón de actos do Consello da Cultura Galega. Acompañarán á escritora cubana o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e Elvira Cienfuegos en representación da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela .
• Sábado 26 de abril, ás 20,30 horas, entrega dos Premios AELG na Cea das Letras, no Hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela.

Nancy Morejón nace en Cuba en 1944. Aos 18 anos foi incluída na antoloxía Novísima Poesía Cubana, e publica o seu primeiro libro de poemas, Mutismos. La duodécima noche de William Shakespeare. En 1989 asiste como invitada de honra ao 54 Congreso Mundial do Pen Club Internacional en Toronto e Montreal. En 1992 é invitada polo Congreso Nacional de Escritores Sudafricanos (COSAW) e percorre a República Sudafricana, onde ofrece recitais e obradoiros literarios. Asistiu como invitada de honra á III Conferencia de Escritores del Caribe, celebrada en Curazao, así como á V Edición de Carifesta, en Trinidad-Tobago. Entre 1986 e 1993 exerceu como directora do Centro de Estudios del Caribe da Casa de las Américas, función que volve asumir no 2000. Dirixiu a Editorial PM da Fundación Pablo Milanés desde 1993 a 1995, e foi asesora da Dirección do Teatro Nacional de Cuba desde 1995 a 2000. En 1991 foi elixida membro da Academia de Ciencias de Cuba. Conferenciante en institucións de Europa e América.
Entre as súas obras, caben salientar: Richard trajo su flauta y otros argumentos, Nación y mestizaje en Nicolás Guillén, Piedra pulida, Paisaje célebre, Elogio y Paisaje e Poemas 1987-1992. Obtivo numerosos premios, como: Premio de Poesía Rubén Martínez Villena da Universidade da Habana; Mención da Unión Nacional de Escritores y Artistas Cubanos; Premio Nacional de Ensayo Enrique José Varona; Mención no Premio Internacional de Poesía “Pérez Bonalde”; Premio da Crítica Literaria por Piedra Pulida, 1986 e Elogio y Paisaje, 1996, e en 2001 foi Premio Nacional de Literatura. (AELG)