Arquivo da categoría: Lingua
Asinado convenio entre a AELG e o Consello da Cultura Galega
O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) asinaron onte un protocolo de colaboración institucional no que se comprometen a fomentar a creación de literatura na lingua do país e a difundir o seu coñecemento dentro e fóra das fronteiras autonómicas.
Os presidentes de ambas as dúas institucións, Cesáreo Sánchez Iglesias, da AELG, e Ramón Villares, do Consello da Cultura, asinaron onte en Santiago este documento, no que plasman os mecanismos polos que colaborarán nun futuro para “fomentar o intercambio de experiencias no ámbito da escrita, a docencia da escrita literaria ou científica, histórica, etc., a investigación e a promoción cultural”.
Entre outras cousas, o CCG e a AELG colaborarán na organización dunha serie de xornadas de debate sobre os textos de creación literaria, crítica e científica en galego, no deseño de obradoiros literarios destinados á sociedade galega, así como en actividades para vencellar as letras galegas e outras literaturas do mundo. Ao mesmo tempo, as entidades colaborarán na consolidación das súas respectivas webs, co establecemento de relacións de comunicación e de servizos destinados ó público. (AELG)
Iº Curso de verán de Lingua e Cultura Galegas paraestranxeiros da Universidade da Coruña
“O curso terá unha duración de 80 horas lectivas e desenvolverase ao longo do mes de xullo (do 2 ao 27), na Facultade de Filoloxía da Coruña. Este ano ofertaremos só o nivel elemental, isto é, o de iniciación á lingua galega, se ben nos próximos anos ampliaremos a oferta aos niveis superiores.” Máis información no seguinte enderezo:
carme@udc.es
A próxima semana na Galería Sargadelos de Ferrol
O luns día 14 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar a conferencia “O galego na Universidade”, a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato.
O martes día 15 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre “O libro no mundo editorial galego”, na que intervirán Antón Cortizas, (Tambre-Edelvives) e Miguel Toval (Editorial Embora).
O mércores día 16 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar a mesa redonda “O galego nos medios de comunicación”, na que intervirán: Germán Castro (Diario de Ferrol), Xan Morales (Club de Prensa), Uxío Fernández Fernández (Ferrol Hoy), Antía Díaz (Voces de Ferrol de Radio Voz) e Raúl Salgado (Localia TV).
O venres día 18 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar un Recital de versos de María Mariño, a cargo de diversos poetas de Ferrolterra.
Esta semana na A. C. Alexandre Bóveda…
O martes 8 e o xoves 10 terá lugar un curso intensivo de galego intitulado “Por un modelo digno de lingua”, de 20:00 a 22:00 horas no salón de actos da asociación, a cargo dos profesores Xosé Ramón
Freixeiro e Xosé M. Sánchez Rei.
O venres 11 presentarase o libro A Escola Dramática Galega na configuración do sistema teatral, de Carlos Biscainho, con Francisco Pillado, Manuel Lourenzo e Dores Sánchez Alegre. Será ás 20:30 horas no local da asociación.
A Semana das Letras da Galería Sargadelos de Ferrol
O luns 7 de maio, de 12:00 a 13:30 horas, terá lugar a presentación do libro de Fina Casalderrey A lagoa das nenas mudas, editado por Xerais. No acto, enmarcado dentro da Campaña Educar para ler, intervirán a autora e Manuel Bragado, director de Edicións Xerais.
O mesmo luns 7 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación do libro Textos filosóficos-políticos de Ramón Vilar Ponte, editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo. O acto, en colaboración coa Asociación Cultural Medulio, será presentado por Elia Rico e Pilar García Negro, autora da introducción do libro.
O martes 8 de maio, ás 20:00 horas, o Grupo Gadisa celebrará o Día das Letras Galegas presentando o libro de José Díaz Dopico A noite de Reis, editado por Gadisa. O libro será presentado por Perille, Xosé María Dobarro, Antonio Cortés e Ana Lago, e contaremos coa presenza ademais do
autor e do artista Xosé María González Collado, ilustrador da obra.
O xoves 10 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre o uso do galego na ESO. No acto intervirán Eduardo Fra Molinero e Bernardo Máiz, profesores do IES Concepción Arenal e Anxos García Fonte, profesora do IES de Mugardos.
O venres 11 de maio, de 16:00 a 21:30 horas, terá lugar unha gravación en vídeo e unha sesión fotográfica da lectura de poemas clásicos e propios dos socios da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Ferrolterra: Tucho Calvo, Francisco Pillado, Antón Cortizas, Rosa Méndez, Antonio Yáñez, Arturo Casas, Carmen Sotelo, Medos Romero, Xosé Leira, Ramón Loureiro, Alexandre Ripoll Anta, Xavier López, María Xosé Lamas…
Actos da A. C. Alexandre Bóveda en maio de 2007
Entre as actividades previstas para o mes de maio de 2007 pola A. C. ALEXANDRE BÓVEDA figuran:
Venres 4: Presentación do libro Os ríos pasan cheos de Deus. Poesía relixiosa en galego, de Victorino Pérez Prieto, ás 20:00 horas no salón de “Portas Ártabras” (rúa Sinagoga, 22). Intervirán Manuel Espiña, Luz Pozo, Modesto Vázquez, Iria Lago, e o autor.
Martes 8 e xoves 10: Curso intensivo de galego, intitulado Por un modelo digno de lingua, de 20:00 h. a 22:00 h., no salón de actos da asociación, a cargo dos profesores Xosé Ramón Freixeiro e Xosé M. Sánchez Rei.
Venres 11: Presentación do libro A Escola Dramática Galega na configuración do sistema teatral, de Carlos Viscainho, con Francisco Pillado, Manuel Lourenzo e Dores Sánchez Alegre, ás 20:30 h., no local da asociación.
Martes 22: Conferencia a cargo do escritor portugués, D. José Braga-Amaral, que falará d´A Visión de Galiza na literatura dos escritores do Douro: Miguel Torga, Camilo Castelo Branco e João
Araujo-Correia, ás 20:30 h, no salón de actos da asociación.
Xoves 24: Conferencia a cargo do dramaturgo, D. Manuel Lourenzo, que falará da Literatura de tradición popular en Galiza, ás 20:30 h, no salón de actos da asociación.
Convocado o “Albaroque da lingua 2007”
Iº Premio de artigos xornalísticos normalizadores “Concello de Vilagarcía”
O Concello de Vilagarcía convoca a primeira edición do Premio de Artigos Xornalísticos Normalizadores, co obxectivo de promover e a normalización do uso da lingua galega no municipio. Pódense consultar aquí as bases.
Concurso de declaracións de amor na rede
O Consello da Xuventude de Galicia pon en marcha un concurso de declaracións de amor na rede: “Lingua de amor”. Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas e do Día Internacional da Internet, preséntase este concurso que se apoia as novas tecnoloxías e fomenta o uso da lingua. (Consello da Xuventude de Galicia)