Os autores de Vieiros en formato dixital

No lombo do atlántico é un libro en formato .pdf que recolle os doce relatos inéditos co mar como protagonista escritos este verán polos autores de Vieiros. Entre eles e elas figuran Alexandre Nerium, Marta Dacosta, Xosé Neira Vilas, Xurxo Souto, Rexina Vega, Xabier Paz, Francisco Fernández Naval, Xosé Vázquez Pintor, Agustín Fernández Paz e Suso de Toro.

O escritor anglosaxón Bali Rai percorrerá os institutos galegos ao longo da próxima semana

O escritor, que ten no seu haber preto dunha vintena de títulos, algúns de tanta repercusión coma Rani & Sukh ou The crew e prestixiosos premios coma o “Brandford Boase Award Shorlist” ou o “Angus Book Award”, percorrerá ao longo da próxima semana os centros educativos da Coruña, Sada, Arteixo, Silleda, Catoira, Boiro e Santiago de Compostela para partillar cos rapaces e rapazas a súa experiencia de fillo de emigrantes hindús -punxabis- e os seus problemas de integración dentro dunha cultura tan diferente como é a anglosaxona. Este diálogo cara a cara cos rapaces terá como punto de partida a presentación do seu libro Un casoiro ben mal amañado, editado recentemente por Sotelo Blanco. A obra, destinada a un público xuvenil, retrata, cunha linguaxe áxil e sen complexos, o conflito que representa para un rapaz adolescente desafiar as ríxidas estruturas patriarcais da cultura punxabi e forxarxe a si mesmo para procurar a propia identidade. (Sotelo Blanco Edicións)

Compostela: presentación de Sar, Sarela e os monstros de Compostela, de Paco López-Barxas e Kiko Dasilva

O escritor Paco López-Barxas e o ilustrador Kiko Dasilva, autores de Sar, Sarela e os monstros de Compostela, manterán hoxe un encontro con escolares dos colexios Raíña Fabiola e Colexiata do Sar, aos que van explicar o proceso creativo desta obra, publicada por KALANDRAKA en colaboración co Consorcio de Santiago e co Concello. Ao acto, a partir das 11:30 horas na Galería Sargadelos, asistirán tamén o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e representantes do Consorcio.

A Coruña: Presentación do libro O libro das viaxes imaxinarias, de Xabier Docampo e Xosé Cobas

Xabier P. DocampoO xoves 13 de novembro, ás 20:00 na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, terá lugar a presentación do libro O libro das viaxes imaxinarias, de Xabier Docampo e Xosé Cobas. Tamén será inaugurada unha exposición coas ilustracións de Xosé Cobas. (Biblioteca Pública Nodal Miguel González Garcés)

A Coruña: presentación da novela Daniel e a Porta do Ceo, de Xabier Iglesias

O venres día 31, ás 20:30 na libraría Sisargas da Coruña (Curros Enríquez, 9), terá lugar a presentación da novela de Xabier Iglesias Daniel e a Porta do Ceo (Biblos Clube de Lectores). O acto contará coa asistencia do autor, que será presentado por Carmen Abella, profesora de lingua e literatura galegas.

Vigo: mesa redonda sobro a narrativa actual

No contexto do III Ciclo de conferencias Escritores/as na Universidade, e xa celebradas en días anteriores as mesas redondas sobre os xéneros poético e teatral, mañá xoves día 30 de outubro, ás 12:00 no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, celebrarase unha nova mesa redonda nesta ocasión sobre “O xénero narrativo na actualidade”. Con presentación de Gonzalo Navaza, intervirán na mesa Francisco Castro, Xosé Miranda e Rexina Vega.

Vigo: presentación de Balada de los mares del norte, de Urbano Lugrís

O próximo mércores 29 (adiántase pois un día con respecto á data anunciada), ás 20 horas na Libraría Librouro de Vigo, terá lugar a presentación da obra Balada de los mares del norte, de Urbano Lugrís. No acto no que participarán Olivia Rodríguez, XL Méndez Ferrín e Henrique Alvarellos. A actriz María Inés Cuadrado fará un recital dalgúns dos seus textos.