Presentación n’ A Coruña de “Punver”, de Yolanda Castaño

Mañá sábado día 16, ás 12:30, preséntase Punver, o último libro da escritora Yolanda Castaño. Será na Biblioteca Municipal Infantil Xuvenil (r/ Durán Loriga, 10 – baixo), “nun acto aberto a todo o público interesado, en especial aos máis pequenos, a partir de 3 anos. A actividade está pensada coma un contacontos moi participativo a cargo de Yolanda Castaño, seguido dun obradoiro de pintura no que os nenos e nenas poderán gozar con Punver da man do ilustrador Eduardo Hermida.”

Asinado convenio entre a AELG e o Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) asinaron onte un protocolo de colaboración institucional no que se comprometen a fomentar a creación de literatura na lingua do país e a difundir o seu coñecemento dentro e fóra das fronteiras autonómicas.

Os presidentes de ambas as dúas institucións, Cesáreo Sánchez Iglesias, da AELG, e Ramón Villares, do Consello da Cultura, asinaron onte en Santiago este documento, no que plasman os mecanismos polos que colaborarán nun futuro para “fomentar o intercambio de experiencias no ámbito da escrita, a docencia da escrita literaria ou científica, histórica, etc., a investigación e a promoción cultural”.

Entre outras cousas, o CCG e a AELG colaborarán na organización dunha serie de xornadas de debate sobre os textos de creación literaria, crítica e científica en galego, no deseño de obradoiros literarios destinados á sociedade galega, así como en actividades para vencellar as letras galegas e outras literaturas do mundo. Ao mesmo tempo, as entidades colaborarán na consolidación das súas respectivas webs, co establecemento de relacións de comunicación e de servizos destinados ó público. (AELG)

Obradoiro de creación literaria na Fundación Granell

Nos meses de abril e maio a Fundación Eugenio Granell realizará un obradoiro de animación á lectura e á creación literaria. Será impartido por Antía Otero, quen tentará levar “a reflexión artística a un ámbito máis pedagóxico para achegalo a un público máis novo”. Para máis información: didactica@fundacion-granell.org. (Fundación Eugenio Granell)