Versos galegos na Feira do Libro de Amberes

«O vindeiro domingo 11 de novembro, no contexto dos actos literarios de Europalia (Festival fundado en Bruxelas en 1969 co fin de organizar unha bienal de artes e cultura no corazón de Europa), os poetas oficiais de Bruxelas, declarados oficialmente como tal, despois dunha iniciativa literaria da comunidade neerlandófona de Bruxelas e da cidade durante o ano 2007 : Geert Van Istendael, Laurence Vielle, Xavier Queipo e Manza, participarán conxuntamente nun recital literario na Feira do Libro de Amberes. Os poetas van ler tres poemas cada un, dous de libre elección e outro adicado a saudar á Comunidade neerlandesa. A lectura será na língua orixinal de cada un deles (neerlandés, francés, galego e árabe) e simuntáneamente proxectaranse nunha pantalla as traducións dos poemas ao neerlandés e ao francés para que o público poida seguir o contido dos poemas de forma participativa.» (Europalia)

Nova colección de poesía EDOY LELIADOURA

«Sotelo Blanco Edicións publica, na súa nova colección de poesía Edoy Leliadoura seis títulos: Sextinario, trinta e seis + tres, de Marica Campo; Os poemas de como se rompe todo, de Daniel Salgado; Memoria de Ahab, de Rafa Villar; Derrotas con raíces, de Modesto Fraga; Onde o ollar comeza a doer, de X. Antón L.Dobao; e Bingo de Marica Campo.
A nova colección de poesía Edoy Leliadoura que presenta Sotelo Blanco Edicións, con deseño de Andrés Meixide, quere ser, como o seu nome indica, herdeira e continuación do labor realizado pola histórica e dalgunha maneira xa mítica colección Leliadoura, na que se publicaron algúns dos libros máis importantes da poesía galega dos anos 1980, e que foi, tamén, testemuño e actor do renacer poético da Galiza daqueles anos.» (Sotelo Blanco Edicións)

Marica Campo será nomeada Chairega de Honra

O día 10 de novembro, no IES “Poeta Díaz Castro” de Guitiriz terá lugar o nomeamento de Marica Campo como Chairega de Honra. Organizado pola Fundación Manuel María da Terra Cha e Xérmolos, o acto completarase cos seguintes eventos:
-Ás 12:00: unha mesa redonda sobre Marica na que interveñen X. M. Carballo, Pilar García Negro, Manuel López Foxo e Bernardo Penabade;
-Ás 14:00: xantar;
-Ás 17:00: representación dunha obra de teatro da autoría de Marica;
-Ás 18:00: concerto de poesía musicada de Marica Campo na voz de Tino Baz e A Quenlla.
Contacto no 646 413 890 e no 982 372 040.

Homenaxe a Lois Pereiro n’ A Coruña

image003.jpgimage007.gifA Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que mañá, martes 23 de outubro, a partir das 21:00 horas, terá lugar no mesón A saimia (R/ Emilio Pardo Bazán), unha homenaxe ao falecido escritor e poeta Lois Pereiro. A homenaxe, aberta ao público en xeral, consistirá nun recital poético-musical e nunha proxección fotográfica organizados polo Colectivo Poético “Amor e desamor”. (Asociación Cultural Alexandre Bóveda)