Erin Moure presenta en Santiago a edición galego-inglés do poemario Teatriños ou aturuxos calados

«A escritora canadense Erín Moure presenta hoxe martes en Santiago a edición bilingüe galego-inglés do poemario Teatriños ou aturuxos calados, xunto á tamén poeta Chus Pato e ao responsable de edicións en Galaxia, Carlos Lema. O acto desenvolverase ás 20:00 horas na librería Couceiro da capital galega.» (Xeración Web)

Poemas galegos en alemán

«O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará vai presentar hoxe no stand da Consellaría de Cultura na Feira do Libro de Frankfurt a obra ‘20 Gedichte aus galicien / 20 poemas galegos’. O representante da Consellaría de Cultura foi acompañado polos poetas Xosé Mª Álvarez Cácamo, Xavier Queipo e María Reimondez, ademais do coordinador da edición, Dieter Kremer, nunha presentación á que asistiron máis de cincuenta persoas.
Esta escolma dos poemas publicados nos diferentes números da revista Galicien Magazin, da Asociación Galego-Alemá acolle os poemas de Rosalía de Castro, Manuel Antonio, María Mariño, Álvaro Cunqueiro, Xosé María Álvarez Blázquez, Luz Pozo, Manuel María, Uxío Novoneyra, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Xosé María Álvarez Cáccamo, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Xavier Queipo, Miguel Anxo Fernán Vello, Ana Romaní, Marga do Val, María Reimóndez, Yolanda Castaño e Mónica Góñez.» (Máis información na web da Consellaría de Cultura)

“Galeguia. Encontro con Cabo Verde” n’ A Coruña e Compostela

«A Fundación Via Galego organizou para o próximo 19 de outubro, sexta feira, no Kiosko Alfonso da Coruña, unha mesa redonda titulada “Letras que unen” e un recital poético denominado “Cabo Verde lírico”. Na mesa redonda Letras que Unen intervirán Felisa Rodrigues (experta-galega en literaturas lusófonas africanas), Germano Almeida e José Vicente Lopes (escritores cabo-verdianos) e Xavier Alcalá e Carlos Quiroga (escritores galegos). Incluirá unha breve introdución á literatura cabo-verdiana da profesora Felisa Rodrigues e posterior debate arredor da lingua galego-portuguesa como ferramenta útil de traballo para os escritores galegos e cabo-verdianos. Terá lugar a partir das 17horas. No recital participarán varias poetas novas, como Yolanda Castaño, Lucía Aldao ou María Lado, que recitarán poemas de autores cabo-verdianos. Terá lugar a partir das 19:00 horas.
O acto insírese nas xornadas Galeguia. Encontro con Cabo Verde, organizadas pola Fundación Via Galego entre os días 17 e 20 de outubro co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, entre outras institucións e entidades. Galeguia ten por obxecto fundamental promover un maior relacionamento entre a Galiza e os países de fala portuguesa, para así aproveitar na medida do posíbel a facilidade comunicativa que a lingua galega habilita no plano internacional, de extraordinario relevo no mundo global.» (Fundacion Via Galego)

Presentación en Compostela da poesía completa de Luís de Aguirre

O libro Luís Aguirre. Poesía completa, con edición de Avelino Abuín de Tembra e Justo Cortizo Sóñora, será presentado o día 10 de outubro na Libraría Couceiro (Pza, de Cervantes, 6, Santiago) ás 20:00 horas. No acto intervirán Anxo Angueira (escritor e autor do prólogo), X. Amancio Liñares Giraut (director editorial de 3C3) e os propios autores da edición. (3C3 Editores)

Homenaxe a Manuel María n’ A Coruña

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa da súa adhesión á homenaxe ao escritor Manuel María no terceiro cabodano do seu falecemento. Terá lugar na taberna-mesón “A Saimia” (rúa Emilia Pardo Bazán, A Coruña), o mércores 26 ás 20:30 horas. Intervirán Miguel Mato, Xoán Abeleira, Lino Braxe, Rómulo Sanjurjo e Miguel Anxo Fernán Vello entre outros. Contarase coa presenza de Saleta Goy.

Homenaxe a Bernardino Graña no Morrazo

Os días 27, 28 e 29 de setembro de 2007 terá lugar no Auditorio Municipal de Cangas unha homenaxe ao escritor Bernardino Graña no seu 75º aniversario.

27 DE SETEMBRO – Cea con Bernardino. no seu 75º aniversario, no restaurante De’Carla na Praia da Borna. Isamil (Moaña) ás 21:00 horas. Os Interesados poden anotarse nos teléfonos 986302030 (A Cepa), 637054164 (Heitor) ou no correo electrónico fernandocpintos@hotmail.com

28 DE SETEMBRO – “Voces para Bernardino”, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal de Cangas: actuacións da Coral Polifónica de Bueu, a Coral Lestonnac de Cangas, o Coro músico-vocal Mornura, Tucho Perete e o Coro San José, e a coral Queixumes do Hío. Presentan o acto Elvira Ribeiro e Heitor Mera. Ao remate do acto cantarase o poema “Como hei vivir mañá sen a luz túa”.

29 DE SETEMBRO – No Auditorio Municipal de Cangas.
Ás 11:00 horas: Actuación da compañía de teatro SEISDEDOS, que estreará a obra “O Galo Kiriko e os seus amigos”, sobre contos infantís recreados por Bernardino, baixo a dirección de Anxo García e música de Carlos Quintá.
Ás 20:30 horas: Recital poético e concerto musical. O grupo Tromentelo (Coiro) ofrecerá un pasarrúas e un concerto previo ás actuacións de Na Virada, Tino Baz, Grupo A Quenlla, Mini e Mero, Pablo Costas, César Morán, Miro Casabella e Xavier Blanco. Contaremos coa presencia de poetas, escritores, amigos, compañeiros, veciños… recitando poemas de Bernardino Graña.

Esta homenaxe conta coa adhesión da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Presentación en Vigo de “A porta verde do sétimo andar”

O colectivo vigués A porta verde do sétimo andar presentará en Vigo a súa primeira colectánea poética. Unha edición dos autores que leva por título o nome da organización na que participan Alfonso Láuzara, Alfonso Rodríguez, Abilio Rodríguez, Luís Viñas, Elvira Riveiro Tobío, Cruz Martínez, Rosa Martínez, Manolo Pipas e Alberte Momán. Será o xoves 20 de setembro, na Galería Sargadelos de Vigo, ás 20:00 horas.