Pontevedra: presentación de Pan prós crocodilos, de Calros Solla

O poemario Pan prós crocodilos, de Calros Solla, publicado en Edicións Barbantesa, será presentado o venres 25 de xuño na galería Sargadelos de Pontevedra, ás 20:30 h. No acto participarán Ana Acuña, Joao Bieites e Rafa Quintía (Serpe Bichoca), Óscar Franco e os Chichisos de Pontevedra.

Santiago: presentación de Cantares Galegos e Ayes de mi país, patrocinadas pola AGLP

O sábado 26 de xuño, a partir das 18:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago (Praza de Cervantes, 6), preséntanse a edición de Cantares Galegos, de Rosalía de Castro, ao coidado de Higínio Martins, publicada pola Academia Galega da Língua Portuguesa e Edições da Galiza, xunto á do cancioneiro de Marcial Valladares, intitulado Ayes de mi país, en edición de José Luís do Pico e Isabel Rei Sanmartim, publicado pola editora Dos Acordes coa colaboración da Central Folque e a AGLP. A presentación será seguida por un recital de poesía e música.

Soutomaior: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O venres 25 de xuño ás 20:30 horas, no Multiusos de Arcade en Soutomaior, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Edicións Xerais. No acto participarán o autor, Nacho Carballal (portavoz de Queremos galego en Soutomaior) e Manuel Bragado.

Boiro: presentación Dicionario Uxío Novoneyra, de Esperanza Mariño

O venres 25 de xuño, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura “Ramón Martínez López”, de Boiro, preséntase o libro Dicionario Uxío Novoneyra, de Esperanza Mariño Davila, xunto á edición especial conxunta dos números 26 a 50 do suplemento cultural de A Voz de Barbantia. No acto estarán presentes Esperanza Mariño, Amancio Liñares, director de tresCtres Editores; Antón Riveiro Coello, presidente de Barbantia; Moncho Ares, delegado de La Voz de Galicia no Barbanza; e Xosé Deira, alcalde de Boiro.

Ferrol: presentación do libro Un traballo é un traballo, do Colectivo Garola

O martes 22 de xuño ás 19:30 horas, preséntase na Galería Sargadelos de Ferrol o libro Un traballo é un traballo, dos autores: Miguel García-Cernuda, Fusa Guillén e Carlos Labraña, do Colectivo Garola, publicado en Edicións Embora. No acto participarán os autores e Eduardo Fra Molinero.

Vigo: presentación de Denso recendo a salgado, de Manuel Portas

O xoves 24 de xuño, ás 20:00 horas, preséntase Denso recendo a salgado, de Manuel Portas. O acto celebrarase na Libraría Librouro (R/ Eduardo Iglesias, 12, Vigo), e contará coa participación do autor e de Manuel Bragado. Ao remate, Clara Pino (integrante de Covalblú), tocará coa Arpa Celta o tema “Alalá do Viquingo”.

Santiago: presentación de Camiño ao mar, de X. H. Rivadulla Corcón

Este martes 22 de xuño, ás 21:30 horas, presentarase o libro de X. H. Rivadulla Corcón, Camiño ao mar, no marco do I Encontro internacional sobre literatura de Viaxes (LITVI 2010). O acto terá lugar nunha carpa instalada no paseo central da Alameda, en Santiago de Compostela. A presentación correrá a cargo da escritora Anxos Sumai, e o autor dará un recital poético acompañado polo trompetista Franky Valencia.

Camiño ao mar de X. H. Rivadulla Corcón, é un poemario narrativo, no que un mariñeiro que vive de vagabundo en Compostela, atopa unha gaivota morta na Quintana dos Mortos, e este feito motívao para iniciar a viaxe de regreso ao seu mundo, o mar, coa intención de enterrar unha pluma desa gaivota nunha praia da Costa da Morte. A viaxe transcorre a través do Camiño Xacobeo de Santiago-Fisterra-Muxía. En realidade trátase dunha viaxe na procura da verdade interior do vagabundo.

O poemario está estruturado en cinco partes, compostas cada unha delas por un poema longo de 126 versos cada un. A primeira parte refírese a cidade de Compostela, e as outras catro aluden cada unha as catro etapas que tradicionalmente configuran a rota Xacobea a Fisterra e Muxía.