Presentación en Pontevedra d’ As escolas de fundación en Galiza. Unha necesidade social de alfabetización, de Luís Obelleiro Piñón

O venres 16 de novembro presentarase o libro As escolas de fundación en Galiza. Unha necesidade social de alfabetización, de Luís Obelleiro Piñón. Será ás 20:00 horas no Centro Social de Caixanova en Pontevedra (Rúa Augusto González Besada). Este acto está organizado por “A Nosa Terra” como editores desta publicación e no mesmo participará, entre outras persoas, Francisco Rodríguez Sánchez.

Amigos de Uxío Novoneyra propóñeno para o Día das Letras

“Varios amigos do poeta Uxío Novoneyra decidimos facer honra ao seu legado literario e humanista reivindicando ante a Real Academia da Lingua Galega o Día das Letras Galegas de 2010. Con este fin, apelamos á cidadanía galega, e non só, que recoñece a súa obra e o seu pensamento como algo fundamental para abrir un debate ao redor deste inmenso escritor galego que foi Uxío Novoneyra. Pedimos a túa adhesión para que o 17 de maio de 2010 sexa homenaxeado dedicándolle o grande Día das Letras Galegas. Grazas.” Ver a páxina de apoios.

I Semana do mar en Compostela, do 22 ao 26 de outubro

«Galicia é un país debuxado por rías que penetran ducias de quilómetros no interior. Actualmente a maioría da poboación galega habita nas áreas litorais e nas súas zonas de influencia. Galicia é historicamente unha potencia pesqueira de nivel internacional e base dunha das frotas extractivas máis importantes. Tamén conta cunha actividade extractiva e de cultivo nas augas territoriais que constitúen o alicerce dunha potente industria conserveira e de produto fresco.
Froito da súa historia, Galicia ten ademais un patrimonio material e inmaterial que reborda a vertente estritamente económica para conformar unha cultura mariñeira que impregna toda a sociedade.
Así pois, a nosa dependencia do mar xera diálogos moi complexos que precisan análises globais que nos permitan actuar do xeito máis realista e racional posible.
FERNANDO GONZÁLEZ LAXE – MARÍA DO CARMO GARCÍA NEGRO – JUAN M. VIEITES BAPTISTA DE SOUSA – XOÁN LÓPEZ ÁLVAREZ – JOSÉ LUÍS GONZÁLEZ ESCALANTE – MANUEL SOTO CASTIÑEIRA – UXÍO LABARTA – FRANCISCO PELETEIRO – XABIER VÁZQUEZ PUMARIÑO – FERNANDO OTERO LOURIDO – LUÍS REI – FERNANDO PIÑEIRO – MARÍA XOSÉ CACABELOS – DIONISIO PEREIRA GONZÁLEZ – FRANCISCO FERNÁNDEZ REI»
(Descarga a programación da I Semana do Mar – PDF, 340 Kb) (Sotelo Blanco Edicións)

Debatido o primeiro plan formativo para xestores culturais

«A Consellaría de Cultura e Deporte porá en marcha durante o ano 2008 o primeiro programa integral de formación dos profesionais da xestión cultural de Galiza. Serán arredor de 30 accións formativas para mellorar as capacidades dos técnicos e técnicas culturais e, así, incrementar a calidade da oferta cultural. […]» (Consellaría de Cultura e Deporte)

 

Comeza a funcionar o Consello Asesor do Libro

«O Consello Asesor do Libro xa está en funcionamento despois de que o DOG publicase o Decreto que regula a súa composición e obxectivos. Este organismo adicado ao estudo e ao asesoramento da Administración forma parte da Lei do Libro e da Lectura de Galicia.
Informes sobre os índices de lectura e da produción en Galiza, propostas de actuación para o fomento da lectura, para mellorar a edición ou a comercialización son algúns dos obxectivos encomendados a este organismo, que xurde como substituto da Mesa do Libro para dar voz a todos os implicados no sector. Así mesmo, o Consello Asesor do Libro tamén se encargará de elaborar unha guía de recursos para o fomento da lectura, promover foros de intercambio e debate no que participarán expertos do país, organizar o Congreso do Libro Galego, editar a Axenda do Libro ou elaborar informes e estratexias para a promoción da literatura galega no exterior.» (Consellaría de Cultura e Deporte)

Cabo de ano Manuel María

O sábado 8 de setembro celebrarase o “Día de memoria e lealdade a Manuel María” (terceiro cabo de ano). Os actos previstos son os seguintes:

  • 12:00 horas (no Muíño do Rañego de Vilalba): Celebración literaria en honra de Manuel María arredor dos Soños na gaiola (con motivo dos trinta anos da súa publicación en portugués). Mesa Redonda. Colocación proba recordo desta publicación no Paseo dos Soños (propoñen levar un soño para lelo alí).

  • 14:00 horas: Xantar de irmandade no Restaurante Río Ladra de Gaioso (pregan confirmar asistencia nos tfnos 982372040 e 646 413890. Custa 17€ e debe facerse o ingreso na c.c. nº 0000100296 do Banco Pastor de Guitiriz).

  • 18:00 horas: Recital de poemas de Manuel María en Penas de Rodas (propoñen levar un poema para recitar alí).

  • 19:00 horas: Pregaria e ofrenda de flores no Cemiterio de Outeiro de Rei (pregan levar unha flor). De seguido no campo de Sta Isabel: Rito compartido: “A navalla de Manuel”. Recital de poesía e música: A Quenlla, Miro Casavella, Antón Valcarce e outras e outros.