Preséntase ‘prazadasletras.org’, portal de referencia para a promoción do libro galego e a lectura

«A Consellaría de Cultura e Deporte presentou hoxe o portal en Internet PrazaDasLetras.org, un proxecto creado para ser o referente do libro galego en Internet. Este portal web integra toda a información relacionada co sector do libro e nace para converterse na ferramenta de referencia para coñecer e complementar as campañas e as políticas de fomento da lectura e promoción do libro que desenvolve a Consellaría. […]» (Consellaría de Cultura e Deportes)

Galicia Encantada cumpriu 3 anos na Rede

«Galicia Encantada cumpríu tres anos o pasado 5 de marzo. Un trienio de traballos moi ben recompensados polo número de visitas recibidas e polo constante incremento de colaboradores.
A todas e a todos o noso agradecemento e o noso desexo de seguir construíndo entre todos esta república virtual onde convivimos os que amamos a mitoloxía e a literatura orais tradicionais.

Nestes meses incrementamos as seccións, participamos en numerosos encontros, divulgamos contidos, mudamos estética, creamos unha revista de investigación, incorporamos á páxina de inicio información sobre os últimos documentos incorporados e cada día, na medida que o permiten os nosos escasos recursos tentamos mellorar as propostas da web.

Recentemente incorporamos a “Mediateca”, nova sección que, polo de agora, presenta audios dunha colaboración sobre contidos da web que se emite os xoves no magazine da tarde da Radio Galega.

Queremos facer público o noso agradecemento a todas e a todos, e perdirvos que sigades axudándonos a mellorar día a día.

Moitas grazas. Saúdos de Manuel Fernández Prado (Lugonet), coordinador técnico, e de Antonio Reigosa, coordinador de contidos.
© 2007 | Galicia Encantada.com»

Certame de microrrelatos eróticos ‘Ferve a Rede’

Vieiros convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, un concurso online de textos de temática erótica, en galego e cunha extensión máxima de 550 caracteres. Os relatos poderán enviarse dende o 11 de febreiro e até o 10 de marzo, e o gañador será decidido e
anunciado o 17 de marzo por un xurado escollido polo xornal. Os textos poden enviarse dende a propia páxina do concurso e cada autor pode presentar un máximo de tres orixinais. (Vieiros)

AELG Editora publica a Revista das Letras do xornal Galicia-Hoxe

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg) vai publicar na súa editora virtual o suplemento literario “Revista das Letras” do xornal Galicia Hoxe. Os números atrasados do suplemento irán aparecendo ao longo deste ano.
A Aelg, alén de animar incesantemente a escribir, asume o compromiso real de se converter a través da súa editora virtual que as novas tecnoloxías nos ofrece, na difusora da literatura dos nosos creadores/as, en especial daqueles que inician o seu mergullo na arte da palabra, como experiencia lúdica ou con vontade vocacional.
Incrementar a presenza do idioma galego na web, brindarlle aos novos da nosa literatura un medio sinxelo, doado e de grande difusión para se dar a coñecer, ofrecer ao público lector un contorno en que achar literatura de calidade no noso idioma e onde poida coñecer en primicia a obra de novos valores creativos son algúns dos obxectivos primordiais que moveu a asociación a crear a súa editora virtual. (AELG)

Preséntase en Madrid a estratexia de internacionalización da cultura galega

«O Goberno galego presentou esta mañá en Madrid a súa estratexia de promoción da cultura galega. A súa conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, acompañada de Suso de Toro e Fina Casalderrey, -Premios Nacionais de Narrativa e de Literatura Infantil e Xuvenil, respectivamente-, ademais da cantante Ugia Pedreira (Marful e Nordestinas), explicou a vontade do seu departamento de internacionalizar a cultura galega e falou do primeiro gran evento exterior protagonizado por Galicia, a Feira Internacional da Habana que comeza o próximo día 13 de febreiro. […]» (Consellaría de Cultura e Deporte)

Letras de Galicia: unha web para a promoción internacional da literatura

«A Consellería de Cultura e Deportes creou márcaa Letras de Galicia, que tamén dá nome a unha web (www.letrasdegalicia.com), para apoiar a promoción do a literatura galega no mundo. Esta páxina inclúe información actualizada dos autores e autoras da comunidade, así como da súa presenza nas distintas feiras nacionais e internacionais. […]

Principalmente, a nova web está dedicada ao mundo hispano, que se converteu nun mercado preferente dentro desta estratexia de internacionalización. Agora ben, tamén presenta espazos escritos en inglés, como o que explica como se poden comprar os dereitos de autor de creadores galegos. […]» (La Voz de Galicia)

“Os libros de mañá. Novas tecnoloxías e novas linguaxes”, tema a tratar en Vigo por especialistas da letra dixital

Editorial Galaxia anuncia a derradeira mesa redonda do ciclo “As caras do libro”, dedicada a “Os libros de mañá. Novas tecnoloxías e novas linguaxes”. Participarán Óscar Sánchez (físico e autor do blog Días estranhos), Francisco Castro (escritor e autor do blog A canción do náufrago), Rosa Aneiros (escritora e xornalista dixital), María Yánez (xornalista dixital), e Manolo Gago (director de culturagalega.org) como moderador. Será o mércores 23 de xaneiro, ás 19:30 horas, no Auditorio da Fundación Caixa Galicia (Policarpo Sanz, 21, Vigo).