A AELG promove un libro sobre a cidade da Coruña

Con motivo da celebración do 800 aniversario da cidade da Coruña, e en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, a Asociación de Escritores en Lingua Galega encargarase da elaboración dun libro que será publicado ao longo deste ano.
É por iso que a AELG lanza a proposta de participación aos seus asociados/as, solicitando un texto de creación literaria de non máis dun folio, inédito ou xa publicado, dedicado á cidade da Coruña ou que con ela teña relación.
Os textos poden ser enviados por fax, correo postal ou electrónico aos seguintes enderezos:
AELG
Asociación de Escritores en Lingua Galega
Avda. de Alfonso Molina, s/n.
Edificio de Sindicatos, 8ª planta.
15.008 – A CORUÑA
Tlf/Fax : 981 133 233
oficina@aelg.org

O prazo de recepción dos textos rematará o 30 de marzo de 2008. (AELG)

Henrique Rabuñal publica unha biografía de Xosé María Álvarez Blázquez

A editorial Laiovento, sumándose á celebración do ano Álvarez Blázquez, publica unha biografía do protagonista das Letras Galegas 2008 da autoría do tamén escritor e profesor Henrique Rabuñal.
O libro, escrito cunha evidente vocación de síntese, repasa todas as etapas vitais, os grandes proxectos intelectuais e o conxunto da obra literaria de Xosé Mª Álvarez Blázquez, da que o libro de Rabuñal achega unha antoloxía con diversos textos, poemas e mesmo un relato íntegro. Por estas razóns ademais de servir para un lector habitual, o libro é unha excelente ferramenta para o mundo do ensino e unha boa introdución para quen queira profundizar nun dos múltiples aspectos que se abordan no libro.
O libro fai fincapé no labor de Álvarez Blázquez como editor e contén unha descrición sumaria pero exhaustiva de todos e cada un dos libros e textos do autor tudense.
Henrique Rabuñal, doutor en Filoloxía Galega e directivo da AELG, xa publicou outras biografías de éxito de importantes figuras da nosa cultura como Manuel Murguía, Xenaro Mariñas, o Padre Sarmiento ou Lugrís Freire.

“Palabras con memoria”, proxecto da AELG para a recuperación de palabras en desuso

Segue en andamento o proxecto “Palabras con memoria”, que pretende xuntar un banco de palabras en desuso (e polo tanto en perigo de extinción) co afán de recuperalas e poñelas de novo en vixencia e nos dicionarios. En breve habilitaremos un espazo na web da Aelg que facilite a recolla de palabras.
Animámosvos a seguir facendo os vosos envíos ao seguinte enderezo electrónico a cargo do noso vogal por Lugo, Isidro Novo: palabra.con.memoria@aelg.org
Ao enviar a palabra, cómpre facer constancia do seu significado ou significados, así como a zona (ou zonas) onde aínda pode ser escoitada, tamén doutras características que se consideren oportunas para a súa rehabilitación. (AELG)

Preséntase na Baña Son para a “Unión Barcalesa de La Habana” (1907- 2007), de X. Amancio Liñares Giraut

No Salón de Actos da Casa da Cultura da Baña o 20 de febreiro, ás 20:30 horas, terá lugar a presentación do libro Son para a “Unión Barcalesa de La Habana” (1907- 2007) (tresCtres Editores), de X. Amancio Liñares Giraut. No acto intervirán Carlos Sixirei Paredes, Carolina García Borrazás, Paz Gago Gómez e o propio autor.

Chega ás librarías Para dicir abril, Premio Risco de Creación Literaria 2007

«Sotelo Blanco Edicións edita a nova obra narrativa do prolífico escritor de Melide Xosé Vázquez Pintor, “Para dicir abril”, incluída na súa colección Medusa Narrativa. Esta obra, que xa se pode atopar nas librarías, resultou gañadora do Premio Risco de Creación Literaria 2007, certame organizado anualmente pola Fundación Vicente Risco en colaboración co concello de Ourense.» (AGE)

Gabriel Arán Ferreiro gaña o “Letras de Galicia a Cuba”

«Gabriel Arán Ferreiro foi o gañador que obtivo unha viaxe para dúas persoas á Habana. Así o decidiu o sorteo ante notario celebrado este mércores, e retransmitido en directo pola Radio Galega. O seu microrrelato foi En poucas verbas dígolles a todos os cubanos: A NOSA CULTURA TAMÉN É VOSA!
Este texto, así como os outros 369 enviados ao concurso de microrrelatos Letras de Galicia a Cuba serán proxectados nunha pantalla situada no pavillón de Galiza na Feira. Ao tempo, calquera cubano poderá ir deixando alí mesmo as súas letras para o pobo galego, que se poderán ver na páxina web da CRTVG.» (Vieros)