Yolanda Castaño en Nicaragua

O Festival Internacional de Poesía de Granada (Nicaragua), que atinxe este ano a súa cuarta edición, representa unha das maiores celebracións da Poesía en América. Por volta dunha centena de poetas de 45 países serán os convidados deste IV Festival. Este ano estarán presentes a galega Yolanda Castaño e o catalán Jordi Virallonga, para alén dos poetas en español Luis García Montero, Luis Antonio de Villena e o responsable da Editorial Visor Jesús García. O evento terá lugar do 11 ao 17 de febreiro.

Preséntase en Madrid a estratexia de internacionalización da cultura galega

«O Goberno galego presentou esta mañá en Madrid a súa estratexia de promoción da cultura galega. A súa conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, acompañada de Suso de Toro e Fina Casalderrey, -Premios Nacionais de Narrativa e de Literatura Infantil e Xuvenil, respectivamente-, ademais da cantante Ugia Pedreira (Marful e Nordestinas), explicou a vontade do seu departamento de internacionalizar a cultura galega e falou do primeiro gran evento exterior protagonizado por Galicia, a Feira Internacional da Habana que comeza o próximo día 13 de febreiro. […]» (Consellaría de Cultura e Deporte)

Vázquez Pintor recibirá a ‘Letra E’ da Asociación de Escritores en Lingua Galega

«A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) outorgará este ano a sua Letra E a Xosé Vázquez Pintor. Así se aprobou na Asemblea Xeral de Socios que se celebrou en Santiago e na que se presentou unha proposta de actividades para este ano, informou o presidente Cesáreo Sánchez. […]

A Letra E entregarase nun acto de homenaxe que se celebrará en Melide, terra natal do autor, o vindeiro 7 de xuño. Dentro deste acto, o escritor é honrado coa Letra E, coa plantación dunha árbore simbólica elixida polo autor e coa inauguración dun monolito conmemorativo ou dun espazo público co seu nome.» (A Nosa Terra)

Solicitan cátedras de galego, catalán e eusquera nas universidades andaluzas

«A Asociación Diversidad y Convivencia pediu aos partidos políticos que concorren nas próximas eleccións andaluzas que inclúan nos seus programas a creación de cátedras de catalán, galego e eusquera nas universidades da rexión e nas escolas oficiais de idiomas.

O presidente desta asociación en Andalucía, José Antonio Sierra, explicou a Efe que a iniciativa xurdiu tras comprobar que, mentres o catalán, o galego e o euskera poden aprenderse en cidades como Berlín, Bucareste e París, a aprendizaxe dalgunha destas linguas non é ofertada en ningunha universidade andaluza ou nas escolas oficiais de idiomas.

A realidade é, segundo Sierra, que moitos andaluces teñen que trasladarse a outras comunidades para traballar e precisan aprender as linguas cooficiais que alí se falan, polo que considerou necesario impulsar esta iniciativa que ten como pretensión facilitar a aprendizaxe de todas as linguas oficiais do Estado.

Deste modo facilitaríase a movilidade laboral e estudiantil, fomentaríase a integración de moitos andaluces que marchan para residir en comunidades bilingües e impulsaríase a convivencia entre todos os españois.

Dáse o “paradoxo” de que, por exemplo, o catalán pode ser estudado en cidades como Moscú, Múnich ou Sofía, mentres que en Andalucía no hai ningún centro oficial que oferte o seu estudo.» (EFE)

Letras de Galicia: unha web para a promoción internacional da literatura

«A Consellería de Cultura e Deportes creou márcaa Letras de Galicia, que tamén dá nome a unha web (www.letrasdegalicia.com), para apoiar a promoción do a literatura galega no mundo. Esta páxina inclúe información actualizada dos autores e autoras da comunidade, así como da súa presenza nas distintas feiras nacionais e internacionais. […]

Principalmente, a nova web está dedicada ao mundo hispano, que se converteu nun mercado preferente dentro desta estratexia de internacionalización. Agora ben, tamén presenta espazos escritos en inglés, como o que explica como se poden comprar os dereitos de autor de creadores galegos. […]» (La Voz de Galicia)

ARREDEMO e BURLA NEGRA organizan un espectáculo en defensa da Ría de Ferrol

Este sábado 2 de febreiro, ás 20:30 horas, o centro sociocultural Torrente Ballester (Ferrol) acollerá o espectáculo colectivo ULTRANOITE en defensa da Ría, producido pola rede de acción sociocultural Arredemo e Burla negra, a modo de homenaxe aos veciños de Mehá e á xente do Comité Cidadán de Emerxencia, e como denuncia da actitude servil a intereses económicos particulares manifestada polos gobernos da anterior e da actual lexislatura, e que se traducen na imposición da planta regasificadora contra os intereses da cidadanía e do ben común.
O espectáculo que está programado para o sábado 2 ás 20:30 horas, contará coa participación, entre outros de: Chévere (Mónica García, Miguel de Lira, Xesús Ron…), Carlos Santiago, Espido (Guadi Galego e Guillermo Fernández), o Mago Romarís, Os da Ría, Clara Gayo, A Caricia da Serpe (Lino Braxe, Rómulo Sanjurjo), Volta e dalle (Pepe Penabade, Comba Campoy…), o colectivo de circo Pista Catro, Rebeca Montero, e os músicos Bernardo Martínez, Xoan Piñón, Xaquín Blanco, Suso Alonso e Xabier Olite, coa actuación estelar das “cantareiras e cantareiros de Mehá”.

Letras de Galicia a Cuba

«[…] Coa intención de que galegos e cubanos retomen o contacto epistolar que houbo tradicionalmente entre ambas as dúas beiras, a CRTVG proponlles aos galegos que lles escriban “unhas letras” aos cubanos, nos días previos á Feira do Libro de La Habana. As mensaxes deben ser breves, de non máis de 160 caracteres, estar escritas en galego e ter vontade literaria. Os participantes poden deixar os seus microrrelatos na web do concurso (http://www.crtvg.es/Galiciaahabana). […]» (Compañía de Radio Televisión de Galicia)

Presentación en Vigo de Nos dominios da incerteza. Historias económicas, de Manolo Blanco Desar

O xoves 31 de xaneiro, ás 20:00 horas na Casa do libro (Velázquez Moreno, 27) de Vigo, presentarase Nos dominios da incerteza. Historias económicas (Sotelo Blanco Edicións – Col. Medusa Narrativa), de Manolo Blanco Desar. Intervirán Ricardo Beiras (Profesor de ecoloxía mariña) e Ánxela Gracián (directora da colección Medusa Narrativa).