Ano María Mariño: un balance

«Para que serviu o ano de María Mariño? Remocicaron as Letras nas sombras do Courel e da autoría? Que fica tras os pasos á procura do mundo dos furados? É Noia distinta? Crebar a lingua, tensar o idioma, abríronse os portóns? Que vento escoitamos agora na fosa de altura? Cóase Palabra no tempo e Verba que comenza polas fendas do canon? Independizouse María Mariño dos adxectivos? Lémola? Lerémola outra? Doce meses despois, que sabemos?, que queremos saber?» (Consello da Cultura Galega)

Este evento, organizado pola Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega e que terá lugar no Salón de Actos do Consello o 12 de decembro ás 16: 30 horas, proponnos unha mesa redonda sobre o tema e un recital poético. Ver folleto en PDF.

Luís González Tosar e Marcos Valcárcel participarán nunha homenaxe a Blanco-Amor en Ourense

En Ourense terá lugar o día 4 de decembro a IV Xornada de homenaxe a Eduardo Blanco-Amor. Ás 12:00 horas Luís González Tosar intervirá no acto de lembranza do autor no Cemiterio de San Francisco. Ás 17:00 horas o historiador literario Marcos Valcárcel tamén intervirá, na súa vez, diante da estatua do escritor nos Xardíns da Alameda. (P.E.N. Clube de Galicia)

Preséntase en Compostela O neno que tiña medo dos robots / O robot que tiña medo dos nenos, de Miguel Vázquez Freire e Xosé Tomás

<em>O neno que tiña medo dos robots / O robot que tiña medo dos nenos</em> é un dobre conto que o martes día 4 de decembro presentan na Biblioteca da Fundación Galicia (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16, Santiago) os seus autores: o escritor Miguel Vázquez Freire e o ilustrador Xosé Tomás. No acto de presentación un grupo de compoñentes do grupo de teatro do IES Eduardo Pondal, onde imparte clases Miguel Vázquez Freire, fará unha lectura dramatizada do conto acompañada dunha banda sonora seleccionada para a ocasión e a proxección das imaxes de Xosé Tomás.

Yolanda Castaño asinará n’ A Coruña exemplares de Punver

A edición galega do xornal EL PAÍS, xunto á editorial Galaxia, iniciou no pasado mes a iniciativa “No país dos contos”, consistente na reedición de obras infantís representativas dos títulos da editorial galega.
No cadro desta divulgación da nosa literatura Yolanda Castaño asinará exemplares do seu libro Punver o día 3 de decembro na libraría Azeta d’ A Coruña (Praza González Dopeso). Será ás 19:00 horas.

II premio de relatos Mulleres Progresistas

Até o 31 de decembro de 2007. Pode participar calquera muller cun máximo de dous relatos, de tema libre. As obras deben ser orixinais e inéditas, cunha extensión mínima de 15 páxinas e máxima de 30 (duplo espazo, unha soa cara, fonte 12, Arial ou Times New Roman). Enviar anonimamente (baixo plica e con seudónimo). Os datos a incluír dentro da plica son nome, apelidos, domicilio e teléfono. Remitiranse cinco copias impresas e máis en soporte informático (diquete ou disco compacto). Enviar a: Asociación de Mulleres Progresistas de Vigo (Policarpo Sanz, 12-14 2º, 36202 Vigo); tel: 986 43 48 74. (Mulleres progresistas)