Desde Sermos Galiza:
“De marzo de 1982 a xaneiro de 1983 publicouse en Compostela A Saia, a primeira revista feminista integramente en galego que botaban a andar desde o Colectivo Feminista Independente Galego. Máis de trinta anos despois, a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega toma o mesmo nome para titular a Hemeroteca Feminista Galega que vén de poñer na rede na que se incorporan números íntegros de revistas de referencia no movemento como a propia A Saia ou Andaina e a Festa da Palabra Silenciada.
En colaboración co Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona, a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega recupera e difunde a través da rede relevantes materiais, de maneira especial as propias publicacións, do movemento feminista, nun proxecto coordenado por Helena González e Mariam Mariño. Recupéranse así textos, publicacións e debates esenciais para construír a historia do feminismo galego e do propio país ademais e textos e traballos descoñecidos de diversas autoras e protagonistas do movemento. (…)”