Ignacio Vilar e Galaxia levan ao cine A Esmorga de Blanco Amor

Desde Galaxia:
“O director de cine, Ignacio Vilar, e a Editorial Galaxia traballan para levar á pantalla cinematográfica a emblemática obra do escritor galego Eduardo Blanco Amor, A Esmorga, unha das obras máis vendidas e representativas da historia da literatura galega.
A rodaxe comezará este mesmo mes de novembro de 2013, e prolongarase ata finais de marzo, co apoio do Concello de Ourense, a Xunta de Galicia, a través de Agadic, e a Deputación Provincial.
Nun acto que contou coa presenza do alcalde de Ourense, Agustín Fernández, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, o director de cine presentou este novo traballo, inspirado na obra de Blanco Amor, que se rodará en Ourense.
Ignacio Vilar reivindicou a relevancia que tivo a novela A Esmorga, “unha das obras máis grandes da literatura universal” e “patrimonio noso”.
A obra relata a historia de tres personaxes, Cibrán, Milhomes e o Bocas, é unha das máis representativas da literatura galega. Nela, Cibrán o Castizo relata ante o xuíz as vinte e catro horas de borracheira que pasou xunto ao Milhomes e ao Bocas e pola cal crearon certos problemas en Auria, trasposición literaria de Ourense.
Para a súa versión cinematográfica, o director explicou que o obxectivo é captar “a atmosfera da novela”.”