Entrevista a Xesús González Gómez na Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Qual é a tua visão sobre Antonio Gramsci? Que relevância tem esta figura em relação à(s) sociedade(s) de hoje?
– Xesús González Gómez (XGG): A miña visión de Gramsci continúa a ser, acho, a primeira que tiven del hai xa moitos anos: un dirixente obreiro, perdón, dun partido obreiro, que intenta atopar unha estratexia para a realización dunha revolución comunista en Occidente. De aí a súa distinción entre posición e guerra de manobras. Nesta última distinción de Gramsci, con outros conceptos desenvolvidos por el nos cárceres fascistas e antes, radica a súa actualidade intempestiva. Penso, tamén, que doutros momentos gramscianos, 1920, a ocupación de fábricas en Turín e a experiencia dos consellos, se poden tirar ensinos para a conformación dunha(s) organizacións(s) revolucionarias que visen un cambio de sociedade. A distinción gramsciana entre consello e sindicato e a función que cumpre, ou debe cumprir, cada unha destas institucións no plano do traballo político nas fábricas e lugares de traballo, aínda poden servir, eu penso que serven, para a creación de novas organizacións revolucionarias que impliquen á maioría da poboación sen que esta deba estar encadrada en partidos políticos determinados. Organizacións revolucionarias, porén, que non esquezan a teoría, pois como avisaba Benjamin Péret, unha acción sen teoría é un deporte e, xa que logo, tan va como todo deporte: é dicir unha acción sen futuro e sen incidencia. Isto no plano xeral, é dicir, político. Noutros planos, como o cultural, a posición ou posicións gramscianas, a pesar das “desviacións” ou manipulacións realizadas polos denominados estudos culturais, continúan a estaren á orde do día. Evidentemente, os apuntamentos débense enriquecer coas teorizacións e descubrimentos que se realizaron desde que Gramsci escribía nos seus cadernos: non en van pasaron oitenta anos e o capitalismo transformouse (e continúa a se transformar) radicalmente para continuar a hexemonizar a sociedade (hexemonía que nunca perdeu), como xa avisaran no Manifesto os fundadores do materialismo histórico. (…)
– P: Que perspectiva tens sobre a tradução? Como é a tua forma de trabalho neste campo?
– XGG: As traducións son fundamentais para calquera cultura. Traducións de clásicos, tanto da literatura como do pensamento e da ciencia, evidentemente, mais tamén de libros, e non só novelas ou poesía, de actualidade. Ora, existe entre nós un mercado para estes “produtos”?: velaí o problema. É moi bonito falar, e laiarse, sobre a falta de traducións, mais hai que entender que unha editorial é un negocio e non pode ninguén publicar libros, traducións, que pode resultar que non se vendan. Polo demais, o problema das traducións, penso eu, solucionaríase facilmente se houbese na Galiza librarías que ofertasen as que se fan en Portugal e, por que non, no Brasil. Só nos faltaría entón traducir o que non traducisen nin portugueses nin brasileiros. De momento, todos bebemos das traducións ao español, e así están as cousas, e difícil será cambialas como non cambie a sociedade. Como dicía Ramón Piñeiro, é o país que temos e é sobre este país co que debemos traballar en todos os terreos… se é que o queremos cambiar.
As traducións que eu fixen até hoxe (agás catro que foron de encarga) de libros ou temas que me interesan (é dicir, textos cos que teño “afeccións electivas”) e que, normalmente, non interesan aos editores por múltiples causas –outras veces polos dereitos–, o que me parece ben: ninguén ten a obriga de se interesar polo que me interesa a min ou calquera outra persoa, así que normalmente traduzo (e non publico) aquilo que me gusta ou me produciu un certo gozo ao lelo. A miña “forma de traballo” neste campo é moi sinxela: traduzo dun tirón (previamente xa lera o texto que me poño a traducir) e logo, deixando repousar o texto na gabeta durante un tempo, empezo as revisións, optando sempre pola solución que me parece máis simple, até que as dou por acabadas. O certo é que as revisións nunca deberían acabarse, mais entón nunca se publicaría nada. (…)”