O Concello de Arteixo, a través da Concellaría de Muller, convoca o VIII Certame Xornalístico Dora Vázquez. Máis información: Concellaría de Muller, Centro de Información ás Mulleres, teléfono: 981 601415. Bases: PDF, 718 KB.
Arquivos da etiqueta: Arteixo
Arteixo: recital poético e presentación dunha nova asociación cultural
Mañá sábado 23 de maio de 2009 terá lugar en Arteixo a presentación oficial da Asociación “Organización Literario Pluri-Cultural @mencer” (O.L.C.A) nun acto con aforo limitado no Hotel “Las Viñas”. Os asistentes tamén presenciarán un recital poético colectivo e darase a coñecer un libro, escolma colectiva, baixo o título de Latexos-Latidos dos autores-poetas Lucía Vilches, Antón Borrazás, Begoña Picón, Carmen Corral Boch e Óscar de Souto. En breve está previsto outro recital poético, tamén en Arteixo, desta volta a porta aberta. Para máis información, poden contactar co colectivo neste enderezo de correo.
Samuel Solleiro gaña o premio de relatos “Manuel Murguía” (Vídeo)
Samuel Solleiro (Tui, 1982) gañou o XVIII Premio “Manuel Murguía” de Narración Breve, convocado polo Concello de Arteixo. O xurado, formado por Xosé Manuel Martínez Oca, Xesús Pensado e Alba Martínez, concedeu por unanimidade o premio ao escritor e músico polo seu relato Caída de Abraham Rosenblath.
Arteixo: a Biblioteca Central levará o nome de Henrique Rabuñal
O día 23 de abril de 2009, Día do Libro, o Concello de Arteixo bautizará a súa rede de bibliotecas con nomes de escritores vinculados ao Concello. A Biblioteca Central de Arteixo, que cumpre 20 anos, pasa a chamarse “Henrique Rabuñal”. A Biblioteca posúe 16.000 libros, 3.100 socios e 100 usuarios diarios. Henrique Rabuñal, doutor en filoloxía e catedrático de lingua e literatura galegas, é arteixán de nacemento, historiador do seu concello e profesor no IES “Manuel Murguía”. Puxo en marcha e coordinou durante 15 anos o certame de relatos “Manuel Murguía”. Como escritor é autor dunha obra multixenérica nos ámbitos da creación (A fariña das horas, Ollos negros, O cristal da sede) e a investigación (A Coruña na historia, Manuel Murguía, Palabra e patria ou Poemas coruñeses).