Chamamento á participación na manifestación do domingo 17 de maio

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Confederación Intersindical Galega do Ensino (CIG-Ensino), apoian o manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego e fan un chamamento á participación na manifestación que o vindeiro 17 de maio sairá ás 12 da mañá da Alameda de Compostela.

A AS-PG, a AELG e a CIG-Esino coincidimos na necesidade de pór de manifesto a vontade de todas e todos os que amamos o noso idioma, e así o vindeiro 17 de maio convidamos a todas e a todos a participar na manifestación convocada pola Mesa Pola Normalización Lingüística, reclamando o noso dereito a convivir en galego, reclamando que o noso idioma, ese que é a meirande construción do noso pobo, lingua en que as escritoras e os escritores galegos edificaron a casa común da nosa cultura propia, teña os mesmos dereitos xurídicos có español.

Rexeitamos os reiterados anuncios de derrogación do Decreto 124/2007 realizados desde a Xunta de Galicia despois do 1 de marzo, porque o que cómpre, á vista das últimas investigacións sociolingüísticas que confirman o carácter recesivo da lingua galega no seo da súa propia sociedade, o que é urxente, é a aplicación dese Decreto e que se garanta que as nenas e os nenos, a mocidade, reciba ensino en galego, aprenda en galego, aprenda o galego, e poida así medrar coñecendo o seu idioma, facéndoo vivo na súa propia boca e na súa pluma, manténdoo vivo cara ao futuro.

Preocúpanos que se sigan repetindo argumentos que non se corresponden coa realidade, porque non é certo que o noso idioma se estea impoñendo, ben ao contrario, é a nosa vella lingua a que segue sometida á presión do español, inserida nun patente proceso de substitución lingüística, a que segue sen estar presente como lle corresponde no mundo da xustiza, no cine, nos medios de comunicación, na tecnoloxía, no ocio infanto-xuvenil, na nosa vida diaria, dificultándonos vivir en galego, impedindo que as xeracións futuras poidan medrar en galego.

Desde a AS-PG, a AELG e a CIG-Ensino facemos un chamamento a apoiar o manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego e a participar na manifestación do 17 de maio. E demandamos que o novo goberno da Xunta de Galicia cambie a súa postura sobre o noso idioma, que escoite ao pobo galego que xa está reclamando o apoio efectivo á lingua de noso e que o vindeiro día 17 deixará patente a súa vontade nas rúas de Compostela.

A Coruña: Historias da Coruña. A memoria da cidade

Do 19 ao 28 de novembro de 2008 deselvolveranse as Historias da Coruña. A memoria da cidade: “O futuro da cidade construímolo entre todos e todas, no día a día, aproveitando sempre o traballo e a experiencia de quen nos precedeu, ao tempo que planificamos en termos de futuro, transcendendo intereses inmediatos co pensamento nas vindeiras xeracións.”

Intervirán através dun amplo programa Xavier Seoane, Aurora Marco, María Lopo, Kathleen March, Tareixa Campo, Laura Tato, Cilha Lourenco, Carlos Biscaínho, Xosé António Fraga, Xosé Luís Martínez, Laura Mariño e Diego Pardo. Ver programa. (AS-PG)

Homenaxe “Os Bos e Xenerosos” á AS-PG

Debido a obrigas profesionais inaprazábeis por parte da organización, participantes e asistentes, a Aelg vese na inevitábel obriga de adiar para o SÁBADO DÍA 12 DE ABRIL a Homenaxe “Os Bos e Xenerosos” que se lle ía ofrecer á Asociación Socio-Pedagóxica Galega o 29 de marzo próximo.
Por tanto, o acto de recoñecemento público desenvolverase co mesmo programa o SÁBADO 12 de ABRIL, a partir das 11:45 da mañá, no Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (Rúa Valle Inclán, s/n).
Desta maneira, alárgase tamén o prazo para se apuntar para o xantar de confraternidade que que compartiremos no restaurante do Hotel Porta do Camiño (Rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n), a partir das 14:30. Podedes confirmar a vosa asistencia ata o 8 de abril en oficina@aelg.org ou no
teléfono 981 133 233, de 09:00 a 14:30 ou de 17:00 a 20:00. O prezo do menú, que se pagará no propio restaurante, será de 28€.