“Estimada/o amiga/o:
A través deste escrito convídamoste a participar nun proxecto editorial que xorde por iniciativa da Asociación Monte Pindo Parque Natural, e que coordinamos os escritores Francisco “Chisco” Fernández Naval e Miro Villar. O noso obxectivo vai ser a publicación dunha antoloxía poética, cuxos beneficios económicos (se os houber, como é o noso desexo) serán integramente destinados ás campañas da devandita entidade pola declaración do Monte Pindo como Parque Natural. A achega de cada escritor/a será un poema xa publicado ou orixinal e inédito que mencione ou se inspire no Monte Pindo. Xa temos compilado algúns textos poéticos, mais cómpre agrandarmos o volume para crearmos un libro importante na cantidade e na calidade textual. A extensión e a forma dos poemas ten absoluta liberdade, porén recomendamos que a colaboración non exceda dos 100 versos e a poder ser escritos en caracteres Times New Roman a tamaño 12. E cada poeta debe ceder todos os dereitos de reprodución do texto poético para esta edición, o que non será impedimento para que poida dispoñer do poema da súa autoría para o publicar noutro libro propio ou colectivo. A fin de irmos organizando todo o material que integrará o volume, cómpre que nos fagas chegar, o antes que che sexa posíbel, a túa creación. Se desexas participar neste proxecto, o prazo de envío remata o vindeiro 31 de outubro. Os textos poéticos, publicados ou orixinais e inéditos deben enviarse a calquera destes dous enderezos: fxnaval@gmail.com ou mirovillar@gmail.com. Antecipando a nosa gratitude por colaborares nesta antoloxía, recibe unha aperta atlántica.”
Chisco Fernández Naval e Miro Villar (coordinadores).