Desde Agadic:
“Galicia Escena PRO, o mercado galego das artes escénicas organizado cada ano pola Agadic, inicia mañá a programación da súa sexta edición para brindarlles ás 19 compañías seleccionadas unha plataforma para presentar as súas últimas producións diante do público xeral e dos preto de 200 programadores e profesionais acreditados.
Nesta primeira xornada, a carteleira ofrece tres espectáculos teatrais e dous de danza, así como un taller profesional centrado en estratexias de comunicación.
Como converter o teu proxecto en noticiaé o título do obradoiro co que dá comezo a actividade profesional de Galicia Escena PRO. A xornalista cultural Marta Baeza, da plataforma La Locomotora, achegaralles aos 25 inscritos nesta acción formativa as claves para conseguir destacar as súas propostas nas informacións dos medios de comunicación e das redes sociais. A Biblioteca do Consello da Cultura Galega acollerá esta sesión, de 11,00 a 14,00 h.
Entrada gratuíta
Ao tempo, dará comezo a carteleira de exhibición, que como en anos anteriores tamén estará aberta ao público xeral. Os espectadores poderán retirar a súa entrada, de xeito gratuíto, no despacho de billetes correspondente desde unha hora antes do inicio das representacións.
Gaia, de Entremans, abrirá esta programación mañá, ás 11,30 h. no Salón Teatro. Trátase dunha peza de danza didáctica para un público familiar (a partir de 3 anos), a través da que se busca que os máis pequenos tomen conciencia da importancia de respectar o medio ambiente.
Katarsis participa en Galicia Escena PRO cunha proposta para os máis pequenos, recomendada de 2 a 6 anos: Bathtime, que poderá verse ás 13,00 h. na sala Germán Coppini da Fundación SGAE. Trátase dunha montaxe de teatro xestual a partir da historia de dous amigos que exploran todas as posibilidades lúdicas arredor dunha bañeira.
A xornada de tarde comezará ás 17,30 h. no Auditorio de Abanca con Fillos do sol, a nova proposta de Contraproducións. Escrito e dirixido por Cándido Pazó, este espectáculo preséntase como unha elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión con Os Eoas, a obra que lle ocupou toda a súa vida como escritor.
Ás 19,30 h. será a quenda de Talía Teatro, que subirá ao escenario do Teatro Principal con O servidor de dous amos, o clásico de Carlo Goldoni reinterpretado por Diego Rey para ambientalo na sociedade actual.
A danza contemporánea regresará ás 22,00 h. para pechar esta primeira xornada de actividade con Plastic (na imaxe), da compañía Paula Quintas-trasPediante. O corpo como contedor é a idea a partir da que se constrúe esta peza, que poderá verse no Salón Teatro.”