Desde Galaxia (foto da propia Editorial Galaxia):
“Reunido o xurado do XVI premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado pola filóloga e tradutora Emma Lázare, en representación do Lucenza-Ateneo de Nigrán; por Yaiza Peixoto, mestra e Presidenta de Espazo Lectura; por Masha Álvarez, profesora e poeta gañadora da edición anterior; por Tamara Andrés, escritora e tradutora en nome da Editorial Galaxia; e por Miguel Anxo Mouriño, en representación do Instituto de Estudos Miñoráns, resolve por unanimidade que o poemario gañador desta XVI edición sexa o presentado baixo o lema Eu, belida, titulado Bosque, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Antón Blanco Casás.
O xurado valora a enunciación a través dunha voz épica e lírica a un tempo, a concepción da escrita como un oco a través do que se abre un bosque cunha capacidade de evocación insólita e a concepción da vida fluída e circular que integra corpo, natureza e escrita nunha relación intimamente ligada e horizontal.
Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas Antes da xabreira, e A illa sen reloxo, querendo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.
A obra gañadora será publicada baixo na colección Dombate de Editorial Galaxia. O acto de entrega do premio e a presentación do libro, celebrarase no mes de marzo de 2025, no cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo. Antes diso, no primeiro trimestre de 2025, o gañador impartirá un obradoiro de poesía para o que se abrirá o prazo de inscrición durante o mes de decembro.”