Arquivos da etiqueta: Celia Díaz Núñez
Ángela Fernández Rey gaña o X Premio Pura e Dora Vázquez de Narración
A
obra Por que está triste Miañas?, da escritora ourensá Ángela Fernández Rey, foi elixida por unanimidade polo xurado como gañadora da X edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O xurado deu a coñecer o fallo hoxe trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, destacando da obra premiada “o feito de que fomenta e transmite o sentido do compañeirismo, a amizade e a solidariedade entre os nenos”, e subliñando tamén “o áxil ritmo narrativo e cunha linguaxe perfectamente acaída para o público infantil”. O xurado destaca asemade a orixinalidade do enfoque narrador da obra, que radica en que transmite a través dos animais os valores máis destacados do ser humano. Sinala tamén o xurado que esta obra de Fernández Rey “sirve para poñer en valor o fomento da literatura dirixida aos máis novos e o xénero literario da fábula”, e “permitirá acadar un perfecto equilibro entre narración e ilustración”, pois este é un galardón que premia estas dúas facetas creativas: a literaria e a artística. Tamén destaca da obra o rápido ritmo narrativo da historia, que “atrapa” ao lector de principio a fin, cuns diálogos moi ben conseguidos. Para Ángela Fernández Rey este é o seu primeiro premio literario. Segundo a normativa do premio, a obra gañadora será enviada aos interesados en participar no X Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración, para o cal a Deputación de Ourense abre a convocatoria dende hoxe. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais -non menos de dez ilustracións-, tomando como base o texto premiado de Ángela Fernández Rey. Nesta modalidade establécese un premio de 1.500 euros, e a data límite para presentar os traballos é o 20 de decembro de 2012. O xurado do X Premio Pura e Dora Vázquez de Narración estivo presidido por Avelino García Ferradal, e integrado por José Manuel Fernández López, José Antonio Santos Guede, Isabel Almuíña González e Celia Díaz Núñez (gañadora da edición 2011), actuando como secretario Fernando R. Méndez, responsable de Comunicación da Deputación de Ourense.” Desde a Deputación de Ourense.
Pilar Marco Padín gaña o IX Premio de Ilustración Infantil Pura e Dora Vázquez
“A coruñesa residente en Barcelona Pilar Marcó Padín foi escollida como gañadora da novena edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración infantil e xuvenil, convocado pola Deputación de Ourense e dotado con 3000 euros e a publicación da obra. O orixinal sobre o que se debían presentar as ilustracións é obra de Celia Díaz Núñez, gañadora da primeira fase do certame, sobre textos literarios. O xurado considerou que as ilustracións «conforman un traballo harmónico, contemporáneo e cun grande atractivo plástico».” Vía AGPI.
Celia Díaz gaña o Premio de narración Pura e Dora Vázquez novelando as ferreirías de Quiroga
“Celia Díaz Núñez
(O Páramo, 1961) fíxose coa IX edición do Premio de narración Pura e Dora Vázquez -que xa gañou na súa primeira edición, no 2004-, na súa modalidade de narración, que convoca anualmente a Deputación de Ourense e que está dotado cun premio de 3.000 euros. O texto premiado, Rugando, sitúase neste lugar de Quiroga, e a autora parte da base histórica do funcionamento das antigas ferreirías para constuir un relato de intriga. Como explicou, a obra estrutúrase, fundamentalmente, en dúas partes. A primeira sitúase no presente e os protagonistas son un grupo de xornalistas da TVG que se trasladan a Quiroga para realizar un documental sobre a elaboración do ferro. En pleno labor, atoparanse cun misterio, que Díaz Núñez, obviamente, non quixo desvelar. Na segunda parte da novela, o lector viaxará ata o século XIX, cando un monxe de Samos chega a Rugando para administrar a ferreiría. É precisamente nesta época onde se fragua o misterio que percorre a obra. “Logo hai un epílogo breve non que esas dúas épocas únense para resolvelo”, resume a escritora. (…)”. Vía El Progreso.
