“O documental Entrar aos Vilares, producido pola Lareira de soños e dirixido por Cibrán Tenreiro para acompañar o libro que está a rematar Pastora Veres sobre a parroquia chairega de Xosé María Díaz Castro, foi posto en aberto en Youtube para colaborar na corentena do coronavirus e facer máis levadeiro o encerro. En só dous días, o fil.e acadou na plataforma videográfica 1.000 entradas, o que supón un éxito para un fime modesto que foi finalista da #12MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico.
Desde a Lareira de soños non só nos alegra o éxito do filme entre o público senón tamén porque supón unha axuda para matar o tempo a máis de 1.000 persoas nesta situación. A Lareira de soños atópase neste intre coa montaxe do segundo documental, que será estreado este ano, dirixido por Antón de Guizán e a Factoría Nini sobre a vida de José Lobeiras Gómez co título provisional de O Armeiro de Berulfe, A Memória Retratada.”
Arquivos da etiqueta: Cibrán Tenreiro
Os Vilares: a terra baixo a poesía de Díaz Castro
Artigo de Marcos Pérez Pena en Praza:
“Todo comeza con Manuel María. “Aló polo ano 93 eu estaba na organización da Romaría Labrega da Chaira e fixéramos unha exposición de fotografías antigas da parroquia. Viñera Manuel María inaugurala e dixo que todo aquilo estaba moi ben, pero que había que completalo cunha pequena historia sobre a parroquia, porque é unha parroquia que tiñan certas peculiaridades. E, dese xeito, encomendoume dalgún modo o facelo”. Fala Pastora Veres, que ultima un libro sobre a parroquia dos Vilares, en Guitiriz, o lugar no que creceu e viviu Xosé María Díaz Castro.
De seguro que o autor de Nimbos será un dos protagonistas deste ano 2014 que comezaremos en poucas horas, e ao igual que noutras ocasións estes meses serán unha boa oportunidade para afondar en todos os aspectos que conforman a súa obra e que definiron a súa vida. E poucos tan importantes como a terra que pisou e a paisaxe que mirou: a parroquia dos Vilares. “Estívenlle dando voltas, falando con veciños, pero fun deixando o tema. Sempre tiña aí ese tema, e este ano, aproveitando a celebración da Letras, decidín sacalo adiante”, comenza Veres, que lembra que o propio Manuel María salientara naquel encontro que “era unha parroquia que ía dar que falar, referíndose precisamente ao tema de Díaz Castro e das Letras, pois supoñía que nun futuro sería homenaxeado”.
Porén, Os Vilares: Lareira de soños é moito máis ca un libro de textos e fotografías sobre a parroquia. O proxecto complétase cun documental en preparación, a cargo de Cibrán Tenreiro, que ao igual que a publicación, verá a luz nos vindeiros meses. Un e outro traballo recollen as imaxes das aldeas e da paisaxe, e tamén a voz dos veciños que habitan o lugar: “Cada veciño ara o seu rego para facer dos Vilares a Terra Sucada, sementada e traballada nas miles de páxinas que podería ter cada libro e cada vida. Sabemos que Os Vilares e Guitiriz van ser no ano 2014 o centro da cultura e as letras galegas pola homenaxe que o mundo rendirá ao indixena parroquiano Xosé María Díaz Castro. Independentemente da merecida dedicatoria ao poeta chairego, a contorna do seu nacemento e crianza merece tamen proxectarse ao coñecemento dos que alí nunca estiveron nin saben”. (…)”