Alba e Xabier, escritores de literatura infantil e xuvenil afincados na Limia

Entrevista a Alba de Evan e Xabier Domínguez en Dende a Limia:
“Xabier e Alba, Alba e Xabier son dous profesores, que dedican as horas que lle quedan libres no seu traballo, non solo para escribir contos para cativos e mozos, se non que aínda lles queda un pouco para dirixir a súa propia editorial, sendo a única que existe na Limia, en concreto en Vilar de Barrio. Xabier e Alba, non só son parella de escritores, facéndoo a “dúas mans”, se non como di Alba, non só comparten a paixón pola literatura, senón que tamén comparten a súa vida persoal.
Chegan ao dendealimia para presentar o seu último libro xuvenil, que fai o nº 20, Segredos soterrados, ambientado na Baixa Limia, no campamento de verán de Muíños e nas minas das sombras en Lobios.
Publicada en Xerais para mozos e mozas de máis de 12 anos di o resumo que é unha unha novela de maxia, intriga e acción que nos transporta á Galicia castrexa e á época da romanización.
O verán comeza prometedor no campamento que Anxela está a gozar en Muíños xunto con Sabela, Jorge e, por suposto, a gata Morriña. Mais, pronto, un misterio do pasado crúzase no camiño e dá paso a unha carreira contrarreloxo por descubrir a verdade e manterse a salvo. Que relación teñen unha mina abandonada, un avión dos Aliados e unha poderosa multinacional? Unha trepidante aventura que viaxa á II Guerra Mundial e descobre a presenza nazi en Galicia, os tesouros agochados no subsolo e as tramas de corrupción que manexan o mundo.
Xabier e Alba din que é a segunda parte dun, que estaba ambientado entre Vilar de Barrio, Vigo e a serra de S. Mamede.
Aínda que a súa idade sexa curta a súa traxectoria como escritores xa é moi longa tendo no seu “haber” máis de 20 títulos da colección Naturizo, dirixida sobre todo aos cativos que comezan coas súas primeiras lecturas. Tamén temos pequenos libros para máis de 8 e este último para máis de 12.
Outra das facetas das que xa falamos é que a parella tamén son editores, creando durante a pandemia a única editorial que existe na Limia, Antela Editorial.
A editorial xurdiu a comezos da pandemia despois de que nos xa tiveramos moitos libros publicados con outras editoriais. Antela Editorial está máis dirixida ao libro infantil e nos escribimos para o público máis xuvenil. Iso non quere dicir que non teñamos algún libro noso publicado en Antela Editorial, pero intentamos non abusar. Nos temos o criterio moi claro coas obras de outros autores, pero non seríamos moi obxectivos cos nosos libros.
– Como son os comezos dun libro que vai a ser escrito como se soe dicir a dúas mans?
– Ao principio poñemos en común unha historia que se nos ocorre a calquera dos dous. Unha vez aceptada desenrolamos o que despois serán os capítulos e comezamos a escribir nun documento de “Google docs”. Un escribe unha parte, o outro revísao e continua escribindo e vamos solapándonos. Desta maneira cando se remata, leva varias revisións, e case que nunca hai conflitos, polo que é moi difícil saber cal é a parte de cada un. (…)
Quédalles un pouco cara de “ummm”… cando teñen que recoñecer, que pode ser polo de profetas na terra, pero para ser a única editorial que existe na Limia, aínda nunca tiveron a oferta de facer a presentación na capital da Limia-Xinzo. Están confiados que, antes que remate o outono, se lles ceda a Casa de Cultura para facer a presentación, non solo das súas publicacións, se non da editorial, que pode servir para poder editar algún libro dos moitos escritores noveis que desputan na Limia.
Recoñecen que son máis coñecidos en Lugo, Pontevedra e Coruña que na propia provincia. Contan que despois desta entrevista e da presentación que esperan facer en Xinzo, xa sexan primeiro os coles da comarca os que coñezan máis os seus contos, escritos dende esta, a súa terra. De Xabier por nacemento e de Alba por decisión.”

Alba de Evan e Xabier Domínguez: “Para escribir xuntos é importante a empatía e o traballo en equipo”

Entrevista a Alba de Evan e Xabier Domínguez en La Región:
“(…) – La Región (LR): Segredos soterrados é o seu último libro.
– Alba de Evan e Xabier Domínguez (AEXD): Si, é unha historia de aventuras, onde a actualidade mestúrase co pasado a través de saltos temporais que van fiando a trama. Introducimos así á cativada nun episodio da nosa historia un tanto descoñecido: a presenza dos nazis en Galicia durante a ditadura. Entre os acontecementos que abordamos está o accidente de avión que tivo lugar en Calvos de Randín hai 70 anos, do que se conservan restos da fuselaxe nalgunhas portas do lugar. Unha trepidante aventura que viaxa á II Guerra Mundial e descobre a presenza nazi en Galicia, os tesouros agochados no subsolo e as tramas de corrupción que manexan o mundo. Apto para lectores de 10 a 99 anos.
– LR: É o seu libro número 20. Que supón isto para vostedes?
– AEXD: A verdade é que para nós é un soño que se cumpre, non porque soñásemos en publicar tanto, senón porque excede todas as nosas esperanzas no mundo da literatura. Gozamos moitísimo do proceso da escrita, pero o mellor é ver como esas historias que escribimos chegan aos seus lectores, que as aprecian e as desfrutan. A resposta dos lectores é excepcional e nunca viviremos o suficiente para agradecer a acollida que teñen as nosas obras, así como o agarimo co que nos tratan as libreiras, mestras e demais implicados.
– LR: Cando comezaron a publicar?
– AEXD: Pois a verdade é que foi un proceso natural, os dous estabamos de profes no mesmo centro educativo, e colaborábamos nun proxecto medioambiental. Escribimos catro contos para animar aos peques a participar no proxecto e fomentar a reciclaxe e valores ecolóxicos….gustáronlles tanto que pensamos que podería ter saída con algunha editorial. Así naceu a colección de contos Naturizo, e comezamos a escribir máis en serio. (…)”