O Código europeo para a Intelixencia Artificial (IA): un ‘porto seguro 3.0’ para as tecnolóxicas, pero non para autoras/es e editoras/es

Desde a AELG divulgamos a versión en galego deste artigo publicado polo Director Xeral de CEDRO, Jorge Corrales.

A Comisión Europea recibiu o pasado 10 de xullo a versión final do Código de boas prácticas para a intelixencia artificial, un marco voluntario que estabelece pautas para aplicar o Regulamento de IA. Con todo, o texto non garante a protección mínima para os dereitos de autoría fronte ao uso non autorizado das súas obras por parte dos desenvolvedores desta tecnoloxía.

O Código foi redactado por trece expertos e polas achegas, avaliadas pola Oficina Europea de Intelixencia Artificial, de máis de mil axentes do sector (tecnolóxicas, representantes de titulares de dereitos, etc.).

O director xeral de CEDRO, Jorge Corrales, explica que «pedimos que este Código sirva para garantir unha regulación europea que respecte os dereitos de autoras/es e editoras/es e evite que os modelos de IA se adestren a costa do seu traballo, sen o seu consentimento e sen compensación para eles/as». «Lamentabelmente, este protocolo ofrece un “porto seguro 3.0” ás tecnolóxicas e outros desenvolvedores para que continúen espoliando os dereitos de escritoras/es, tradutoras/es e editoras/es de libros, xornais e revistas», engade.

Tres capítulos, tres valores

O Código estrutúrase en tres capítulos:

  • Transparencia.
  • Dereitos de autoría.
  • Seguridade e protección.

Unha oportunidade perdida

Aínda que estas directrices recoñecen que adherirse ao Código non equivale a cumprir coa lexislación vixente da propiedade intelectual, entre a que non menciona explicitamente o Regulamento de IA, o seu contido non é abondo para protexer os dereitos de autoría ante a actuación das empresas tecnolóxicas. En opinión de CEDRO, estas carencias dirixen directamente aos tribunais para resolver os conflitos que se poidan presentar coas tecnolóxicas, situación dificilmente sostíbel polos/as titulares.

Sobre todo, tal e como analiza Corrales, «se se ten en conta que o Código é un marco voluntario, polo que non soluciona o desequilibrio que existe desde hai máis de dúas décadas entre os dereitos de propiedade intelectual de autoras/es e editoras/es e os intereses das grandes multinacionais tecnolóxicas. Esta desigualdade orixinouse polos distintos procesos de dixitalización que vivimos –e estamos a vivir na actualidade– e a pouco eficiente regulación dirixida a protexer as/os creadoras/es e produtoras/es de cultura».

Neste sentido, o texto deixa sen aclarar distintas situacións, o que vén perpetuar esta situación de desvantaxe para autoras/es e editoras/es. Por exemplo, estabelece que os desenvolvedores de IA deben pedir permiso ás e aos titulares de dereitos antes de usaren os seus contidos; porén, insiste na importancia de reservaren os seus dereitos para deixar que as súas obras non poidan utilizarse sen a súa autorización. Ademais, considera que esta exixencia non afecta aos acordos privados que poidan ter coas tecnolóxicas, deixando sen aclarar se neses casos segue sendo preciso facer esa reserva de dereitos.

O Código tamén especifica que os desenvolvedores de intelixencia artificial só serán responsábeis legalmente se cometen actos relevantes para que se active o Dereito de Autoría. Cómpre ter en conta, ademais, que esa responsabilidade só se aplica dentro do territorio dos Estados membros da Unión Europea.

Por outra banda, esta guía de boas prácticas tamén recolle compromisos básicos xa previstos explicitamente na regulación actual, como non eludir as medidas de protección de dereitos (DRM, etc.) nin usar obras pirateadas, polo que non achega nada do que debe agardarse dun código de boas prácticas. Tamén menciona a posibilidade de levar a cabo a reserva de dereitos a través de protocolos web, cando estes sistemas levan anos sendo ignorados por moitas grandes plataformas tecnolóxicas e foron deseñados con outra finalidade. Pola contra, non recolle un compromiso de aceptar reservas de dereitos efectuadas en linguaxe natural a través dos clásicos termos e condicións.

O Código lembra a obriga de que as empresas de IA utilicen única e exclusivamente obras protexidas ás que accedesen de xeito legal. Con todo, deturpa completamente esta obriga legal. E iso porque a reduce a un mero compromiso de exclusión de uso daquelas obras que proveñan de sitios web que fosen recoñecidos por algunha autoridade europea como reiterados e persistentes infractores de dereitos a escala comercial.

Así mesmo, advirte que os buscadores non poden adoptar medidas discriminatorias, como reducir o tráfico cara a unha web, cando un/ha titular decide exercer o seu dereito de reserva. O problema agravouse coa chegada dos chatbots con intelixencia artificial integrados nos buscadores web, dado que moitas veces amosan respostas sen enlazar aos contidos orixinais. Todo iso, a pesar de que esta práctica xa foi cuestionada polas autoridades de competencia no pasado. A esta situación tampouco dá resposta este texto.

En materia de transparencia, o Código estabelece unha solución para dúas obrigas fixadas no referido artigo 53.1 puntos a) e b) e, porén, o formulario inclúe vagamente a cuestión fundamental da información das obras utilizadas no adestramento dos modelos de IAX (punto d) do devandito artigo 53), pois non se publicou o formulario previsto para iso.

O director de CEDRO afirma ao respecto que «Este texto representa unha oportunidade perdida para volver conectar a actuación dalgúns gobernos e das grandes empresas tecnolóxicas cos valores da sociedade. Tanto uns como outros dispoñen de códigos éticos que, na práctica, parecen non aplicarse», e engade: «cada paso nesta dirección limita aínda máis as posibilidades de preservar piares fundamentais para a cohesión social. Non pode haber innovación entendida só desde o técnico, se se ignora como eses avances se integran na vida en común –un proceso en que as humanidades e, por tanto, o traballo de escritoras/es, tradutoras/es e editoras/es é esencial–».

Folla de ruta

Unha vez aprobado polos Estados membros e a Comisión Europea, as empresas que se adhiran ao Código deben axustar o seu comportamento ao estabelecido nel, sen que a sinatura supoña de xeito automático que cumpren co Regulamento da IA. Do mesmo xeito, non recolle ningunha mención aos usos de obras protexidas que as empresas de IA veñen desenvolvendo até a data. «Este Código segue a liña do Regulamento, que prioriza o funcionamento das tecnolóxicas no mercado sobre a protección dos dereitos de autoría», subliña Jorge Corrales. «Non serve para protexer os dereitos de propiedade intelectual de autoras/es e editoras/es. Vén perpetuar o espolio cultural que supón a IA», conclúe.

Está previsto que a Comisión publique este mes de xullo unha guía con instrucións prácticas sobre quen debe aplicar as normas de IA de uso xeral e como facelo.

A AELG súmase á Carta Aberta dirixida por Creators for Europe United á Comisión Europea sobre a Intelixencia Artificial

Transcribimos a carta escrita por Creators for Europe United dirixida a Henna Virkkunen, vicepresidenta executiva da Comisión Europea responsábel de Soberanía Tecnolóxica, Seguridade e Democracia, en que se solicita unha maior protección dos valores europeos e as obras creativas.
Creators for Europe United está formado por autoras/es, músicas/os, actrices, actores, cineastas, fotógrafas/os, ilustradoras/es, compositoras/es, deseñadoras/es, arquitectas/os, xornalistas, tradutoras/es, artistas, produtoras/es, editoras/es e representantes dos medios de comunicación e as industrias culturais de toda Europa.

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega mantemos o noso compromiso na defensa das/os creadoras/es de contido e sumámonos ás voces europeas en defensa dos dereitos de autoría. No final do texto, podes acceder ao formulario de sinatura para apoiar a Carta.

“25 de abril de 2025

Estimada Vicepresidenta executiva Virkkunen,
Protexa a alma creativa de Europa!

Europa é moito máis que unha área xeográfica. É unha promesa cultural, unha promesa de liberdade, diversidade, innovación e cooperación. Esta promesa inspirou artistas, creadoras/es e visionarias/os durante xeracións.
Hoxe, porén, esta herdanza vese ameazada, non só pola división política, senón por un desenvolvemento tecnolóxico que degrada o noso traballo creativo a un mero recurso: a intelixencia artificial xenerativa.
Nós, as voces das industrias creativas europeas –autoras/es, músicas/os, actrices/actores, cineastas, fotógrafas/os, ilustradoras/es, compositoras/es, deseñadoras/es, arquitectas/os, xornalistas, tradutoras/es, artistas, produtoras/es, editoras/es e representantes dos medios de comunicación e as industrias culturais–, estamos dando a voz de alarma.
Os nosos dereitos como creadoras/es e titulares de dereitos están sendo sistematicamente erosionados baixo o pretexto de «promover a innovación». Miles de millóns de obras creativas estanse utilizando como base para sistemas de IA sen o noso coñecemento, sen o noso consentimento e sen remuneración. A Comisión Europea fixo moi pouco para protexernos disto.

Por tanto, instamos a que se tomen medidas decisivas e rápidas:
1. Transparencia total sobre os traballos, contribucións e actuacións que se usaron e se usarán para adestrar modelos de IA xenerativa e outro fins.
2. Remuneración axeitada polo uso das nosas obras.
3. Aplicación coherente das leis de dereitos de autoría aplicábeis, mesmo contra as empresas tecnolóxicas.
4. Participación das industrias culturais, creativas e dos medios de comunicación en todos os procesos reguladores para o goberno da IA.

A intelixencia artificial depende do noso contido creativo para funcionar. Sen ela, a IA está cega, baleira e sen palabras. Na actualidade, son exclusivamente os/as desenvolvedores/as dos modelos os que se benefician, mentres as/os creadoras/es e titulares de dereitos están sendo expropiadas/os.
A IA pode ser un motor de progreso, pero só se se basea en sólidos alicerces xurídicos e éticos.
Se Europa perde as súas creadoras e creadores, non só perderá a súa identidade cultural, mais tamén un dos seus sectores económicos máis fortes. Sacrificar este potencial significa pór en perigo o futuro de Europa.

Facemos un chamamento encarecido para:
Protexer a alma creativa de Europa, protexer os valores e as obras europeas. Actuemos agora para garantir un desenvolvemento xusto, transparente e conforme á lei da intelixencia artificial. Europa non pode ficar de brazos cruzados mentres se desvalorizan os seus fundamentos culturais.
Con énfase e moita preocupación, mais tamén coa esperanza de contar cunha potente e xusta regulación.”

Ligazón para asinar a petición

O sector do libro mostra o seu rexeitamento á guía da Comisión Europea para a transposición da Directiva sobre os dereitos de autoría

“Diferentes asociacións do sector do libro estatal, entre as que se atopa a AELG, expresamos o noso rexeitamento pola redacción da guía elaborada pola Comisión Europea para a transposición do artigo 17 da Directiva 2019/790 sobre dereitos de autoría no mercado único dixital.
Este artigo estabelece por primeira vez a responsabilidade xurídica das plataformas tecnolóxicas cando nelas hai tráfico de contidos dixitais. En opinión destas organizacións, a pesar de que a Comisión Europea recoñece que este documento non ten carácter vinculante, a forma en que foi redactado, cun carácter case lexislativo, parece que quere outorgarlle un carácter maior ao habitual, extralimitándose nas súas competencias.
O documento elaborado pola Comisión está cheo de conceptos xurídicos indeterminados, encadeados uns con outros, que fan imposíbel a súa implementación, creando unha grande inseguridade xurídica.
Á hora de pór en marcha unha regulación nova sobre un dereito, consideran que é preciso crear a máxima claridade e seguridade xurídica posíbel, e, polo xa mencionado, a Guía sobre o artigo 17 non mellora a interpretación dese precepto concreto. Esta guía pode colaborar a que a transposición do artigo 17 resulte tan complicada como o está a ser a do artigo 15 da mesma directiva naqueles estados que xa a encararon.
En opinión destas organizacións, a Comisión non está sendo neutral neste proceso. Como revela unha análise filolóxica, utiliza unha linguaxe máis coactiva en relación ás obrigas das/os titulares dos dereitos de autoría do que usa para as plataformas. En concreto, esixe máis obrigas e condicións ás/aos titulares do dereito que o que se lles esixe ás plataformas. Mesmo crea dereitos que non existen no texto literal da directiva.
Por este motivo, as organizacións confían en que a Comisión rectifique e retire a ‘guía’ enviada aos estados, de xeito que se consiga unha transposición da directiva europea sobre dereitos de autoría no mercado único dixital que garanta acaidamente os dereitos de propiedade intelectual.

Asociacións asinantes:
– Asociación Colegial de Escritores de España (ACE).
– Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
– Associaciò d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC).
– Asociación Colegial de Escritores de Cataluña (ACEC).
– Asociación de Autores Científico-Técnicos y Académicos (ACTA).
– Asociación de Escritores de Castilla-La Mancha (AECLM).
– Asociación Navarra de Escritores – Nafar Idazleen Elkartea.
– Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO).
– Euskal Itzultzaile, Zuzentzaile eta Interpreteen Elkartea (EIZIE).
– Federación de Gremios de Editores de España (FGEE).
– Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE).
– Visual Entidad de Gestión de Artistas Plásticos (VEGAP).”