Vilaboa, Culleredo: Encontro coa poeta Pilar Pallarés

O mércores 13 de abril, ás 20:00 h., na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra (Pazo de Vila Melania, Vilaboa, Culleredo), terá lugar un Encontro-homenaxe coa poeta Pilar Pallarés, no que intervirán, acompañando á autora, Celestino Poza, Miguel Anxo Fernán Vello e Carlos Pereira Martínez. No acto haberá unha actuación do “Dúo de guitarra e voz” do Conservatorio de Música de Culleredo, a cargo de Cristina López Fraga, voz, e Antía Seijas Vieites, guitarra.

Culleredo: III edición do Obradoiro de poesía dirixido por Miguel Anxo Fernán-Vello

O III Obradoiro de Poesía de Culleredo será impartido, un ano máis, por Miguel Anxo Fernán-Vello, e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello de Culleredo e a Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo). O obradoiro constará de seis sesións, os luns 28 de marzo; 4, 11, 18 e 25 de abril; e o 2 de maio, cun total de 12 horas. Está dirixido a persoas maiores de 16 anos cun total de 30 prazas. A matrícula, que custa 20 euros, pódese formalizar na Concellería de Cultura (Edificio de Servizos Múltiples, (Ramón Cabanillas, 14, 15670, O Burgo), tlf. 981-665597, correo electrónico: servizosmultiples@gmail.com). Como en edicións anteriores, unha vez rematado procederase á edición dun caderno-libro que conterá unha selección dos mellores poemas escritos polos participantes en Espiral Maior (Poemas de amor e cidade no 2009, e Mazás vermellas en 2010).