Vilaboa, Culleredo: obradoiro sobre tradución e creación O trasvase das augas, a cargo de Xoán Abeleira

Todos os martes do 15 de novembro do 2011 ó 3 de xaneiro do 2012 (con posibilidade de prolongación), de 19:00 a 21:00 horas, na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra, Pazo de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), terá lugar un obradoiro sobre tradución e creación, baixo o título de O trasvase das augas, impartido por Xoán Abeleira.
O curso consta dun total de 16 horas presenciais, repartidas en 8 clases de dúas horas de duración. O prezo do obradoiro –material didáctico incluído– será de 100 euros (50 euros ó mes), a ingresar ó principio do mesmo. Está destinado a calquera persoa, en xeral, e estudantes ou afeizoados á tradución, en particular. É recomendable (mais non imprescindible) ter certos coñecementos de galego, castelán, inglés e francés, linguas que manexaremos durante o obradoiro, aínda que tamén analizaremos algunha tradución feita dende o italiano (Cesare Pavese) e o alemán (Rainer Maria Rilke). As prazas teñen un límite máximo de 15 alumnas/os. Para máis información e reservas, poden contactar co autor no número de teléfono 686397847, ou no correo xalundes@mundo-r.com.
O programa do obradoiro será enimentemente práctico, co obxectivo claro de constatar o feito de que o tradutor é tamén, e sobre todo, un creador. A partir dos seus máis de trinta anos de experiencia, tanto en galego coma en castelán, o poeta, narrador e tradutor Xoán Abeleira irá poñendo exemplos concretos de todas as clases de problemas cos que pode bater un tradutor-creador de poesía ou de prosa, e das distintas maneiras nas que estes se adoitan e/ou se poden resolver. Asemade, a segunda hora de cada clase estará dedicada a analizar e comentar as traducións que os asistentes ó obradoiro realizarán tanto individual coma colectivamente –xa que ámbalas dúas fórmulas de achegamento á tradución serán abordadas durante o cursiño.
Aquí pode descargarse a información en .pdf: O trasvase das augas, obradoiro de tradución.

Vilaboa, Culleredo: presentación do libro Mazás vermellas

O mércores 26 de xaneiro, ás 20:00 h., na Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), preséntase o libro Mazás vermellas, editado por Espiral Maior e a Concellaría de Cultura de Culleredo, froito do II Taller de Poesía dirixido en 2010 por Miguel Anxo Fernán-Vello. No acto, que contará coa participación de Celestino Poza e o director do Taller, haberá un recital dos poemas recollidos na publicación, acompañado do Dúo de Guitarra e Voz do Conservatorio de Música de Culleredo.

Vilaboa, Culleredo: homenaxe a Manuel Rivas

O mércores 1 de decembro, ás 20:00 h, na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra, e dentro do programa do Concello III Outono das Letras en Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), realízase unha homenaxe a Manuel Rivas, na que participan Celestino Poza, Luciano Rodríguez Gómez e o propio autor. A continuación haberá unha actuación do Dúo de guitarra e voz do Conservatorio de Música de Culleredo, a cargo de Cristina López Fraga, voz, e Antía Seijas Vieites, guitarra.