EN DEFENSA DO TRABALLO XUSTO E ILUSIONANTE DOS SNL
“No comunicado feito público pola Coordinadora de Traballadores pola Normalización Lingüistica [pódese descargar no título deste texto] declárase que o traballo dos SNL procura «avanzar no consensuado proceso de normalización da lingua galega» e que estes desenvolven un labor «necesario, xusto e ilusionante de fomento do galego no nivel de contacto máis directo coa cidadanía». Así, indícase, os SNL «contribúen a difundir do xeito máis próximo entre a poboación, por exemplo, as creacións culturais galegas, desenvolven accións de dinamización da lingua, achéganlle á poboación máis nova alternativas de lecer en galego, difunden e xestionan cursos de formación en lingua galega, velan pola calidade lingüística e comunicativa das institucións, velan pola garantía dos dereitos lingüísticos, etc.».
Sinálase que «aínda que a situación dos SNL é moi precaria, chegar a ela significou un proceso de anos que non podemos botar por terra», e denúnciase a suspensión das axudas para a normalización lingüística desde os concellos por parte da Xunta en 2011 ou a drástica redución das axudas por parte da Deputación da Coruña, o que pon en perigo moitos dos SNL existentes, dos que ao remate de 2011 xa pecharon 16 por estes motivos.
Desde xeito, no comunicado demándase da Xunta que asuma a súa competencia de «impulsar e coordinar os SNL e de colaborar co fomento do uso do galego nos concellos, para o que debe dedicar os suficientes recursos económicos e materiais de xeito estábel». Para iso, proponse que «se cree unha estrutura real e coordinada de SNL que abranga o conxunto do país». Proponse tamén que, tanto concellos como Xunta, dediquen o 0,3% do seu orzamento xeral ao fomento da lingua, investindo eses recursos en «accións de fomento do galego e en servizos técnicos para planificar e xestionar o proceso de normalización lingüística». Neste momento son moi poucos os concellos que chegan a esa porcentaxe, e a Xunta de Galicia nin sequera chega ao 0,1% (dedícalle en 2012 o 0,09% do seu orzamento xeral á política lingüística, mentres en 2005 lle dedicaba máis do dobre, o 0,23%).
Apoian o comunicado:
–Real Academia Galega (RAG).
–Instituto da Lingua Galega (ILG).
–Deputación de Lugo.
–Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña (UdC).
–Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo.
–Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
–Associaçom Galega da Língua (Agal).
–Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
–A Mesa pola Normalización Lingüística.
-Concellos de Betanzos, Carballo, Carral, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Culleredo, Narón, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Salceda de Caselas, Teo, Vimianzo…”