O ciclo Escrita(s) 2013, coordinado por Claudio Pato, terá lugar en Almáciga(s), na Travesa dos Basquiños, 14, de Santiago de Compostela. Dentro do programa (que pode ser descargado aquí: Escritas-2013), destacamos estes actos para o venres 4 de outubro:
– 18:00 h. Estética e emancipación, por Cristina López Parga. Usurpamos o concepto de reparto do sensíbel (Rancière) como condición material dun pensamento de resistencia, de emancipación e de abolición da intelectualidade. A estética é política, un modo de distribución de tempos e lugares, e a emancipación ten lugar participando nese reparto do sensíbel, como movemento resistente ao reparto excluínte dun tempo e dun espazo dado e inamovíbel.
– 20:30 h. Eskizotribo. Precísanse antropólogxs para entrevista en profundidade semiestruturada, por Paula Tomé Espiñeira. A tribo eskizo habitamos por eiquí tamén. Só recentemente empezamos a comunicarnos, a saír do armario nalgúns casos, a facer públicas costumes, historias, astronomía e tradición musical, entre outros rasgos de interese. Precísanse antropológxs con ou sen titulación para entrevista en profundidade semiestruturada. Prégase traer algunha pregunta da casa. Advertencia: Será un falso “ver desde fóra”.