Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“Abrimos este espazo dedicado a compartir cos nosos seareiros algúns libros merecentes, ao noso xuízo, de divulgación de acordo con parámetros de calidade e interese que o noso equipo editorial decidirá. Perseguimos con esta iniciativa dous obxectivos. Por unha banda pór a disposición dos nosos amigos escritos que, posiblemente, non atoparían noutras canles. Pola outra, proporcionarlles a escritores (noveis ou non) a oportunidade de dar a coñecer a súa obra e sometela á consideración dos lectores que adoitan visitarnos.
O libro de enceto ten unha compoñente moi entrañable, pois recolle os traballos, feitos con dedicación e cariño, dun grupo de persoas adultas que se decidiron a mellorar a súa capacidade para a creación de textos literarios da man da poeta Marta Dacosta e expoñen aquí a súa obra chea de sensibilidade que acada en moitos casos cotas de calidade propias de escritores con maior dedicación. Titúlase Desenvolvendo o nobelo, título que fai mención a unha imaxe creada por Marta:
Escribir é…
atopar a punta do fío axeitado e tirar del até desfacer o nobelo.
Despregar diante de nós esa sucesión de palabras que constrúe o edificio do texto e abriga as ideas.“