Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XXX)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse na Biblioteca Pública Municipal de Sober do seguinte xeito:
“Conmemoramos cun cartel o nacemento da nosa autora (24 de febreiro de 1837-1885). Lemos e copiamos os poemas de Follas Novas: Maio longo…, maio longo; Este vaise i aquel vaise; ¡Pra á Habana¡ e Unha vez tiven un cravo. Os seus poemas, cheos de ritmo e musicalidade, falan da paisaxe de Galicia, dos costumes da aldea e dos problemas da xente. A poeta expresa con estes versos os seus sentimentos máis íntimos.”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XXIX)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no IES Valle Inclán de Pontevedra do seguinte xeito:
“Varias alumnas colaboraron no deseño duns graffiti que quedaron colgados nos corredores do centro. Ademais durante toda a mañá do día 24 os alumnos baixaron á biblioteca coas súas profesoras de galego e recitaron poemas ante os seus compañeiros/as.
O centro quere converter esta data nun día de celebración todos os anos e por iso se sumou á chamada da AELG para facer visible a figura de Rosalía nos centros de ensino.”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XXVIII)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no IES de Chapela de Redondela, do seguinte xeito:
“O EDLG do IES de Chapela sumouse á iniciativa do Graffiti Rosalía: a fenda nos muros. Acordaron facer un recitado colectivo, coa participación de representantes de todos os cursos, profesorado, persoal non docente e nais e pais. Ademais, alumnado de 3º da ESO deseñou un mural.
Choveu e choveu durante xaneiro e febreiro e resultou imposible inaugurar o mural o día de Rosalía. Finalmente foi o 10 de marzo o día da homenaxe. Este é o vídeo coa crónica da actividade.”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XXIV)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no CEIP Rosalía de Castro, de Xinzo de Limia, do seguinte xeito:
“O día 24 de febreiro, despois de escoller e preparar uns versos de Rosalía, todo o alumnado do Centro e máis unha ex alumna artista adornamos desta maneira as paredes do noso patio. Moitas grazas a tod@s, especialmente a Alicia.”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XXIII)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no CPI Conde de Fenosa, de Ares, do seguinte xeito:
“O 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía co gallo da conmemoración do seu nacemento e para lembrar a súa obra,os alumnos e alumnas de primaria realizaron unha lectura dos seus poemas. Aquí tedes o magnífico resultado. Tamén realizaron un precioso mural que decora o corredor das aulas.”