Laura Tato Fontaíña gaña o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

“Reunido o xurado do XVIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Antonio Blanco Rodríguez (en representación da Fundación Vicente Risco), Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco) e Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) acordou por maioría:
1.- Valorar o incremento de orixinais presentados, así como a súa calidade científica e ensaística.
2.- Conceder o XVIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais ó traballo presentado co lema Eirasvedras e co título Do teatro ao cinema. Obras dramáticas e guións de Ramón Otero Pedrayo. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Laura Tato Fontaíña, domiciliada en Narón.
Trátase dun rigoroso ensaio no que se analiza con detalle a diversidade de toda a produción dramática de Ramón Otero Pedrayo na procura dun teatro nacional galego. Estúdase a súa obra simbolista e o seu teatro de máscaras na liña das vangardas europeas no que música, danza, luz, etc… son tan importantes coma o texto literario. Finalmente, aténdese á produción de guións para o cinema, cando Otero Pedrayo na década de 1950, ve as posibilidades de intervención social que tiña este medio.
Este premio está dotado con 4.000 euros e a obra gañadora publicaraa Sotelo Blanco Edicións.

En Santiago de Compostela, a 3 de maio de 2013.”