Desde Sermos Galiza:
“A triloxía da escritora Elena Gallego Abad creada arredor do último dragón galego, Dragal, xa ten forma na rede e comeza a botar lume tamén no sector audiovisual. No marco da MICAtlántica, presentouse o Proxecto Dragal, a través do que o dragón narrativo vai tomando forma en distintas áreas, a rede de maneira inicial e tamén nunha serie televisiva da que se está a preparar o guión mais que posteriormente se ampliará a formatos como videoxogos ou cómic.
A tradición literaria e popular dos dragóns chega así a novos formatos interactivos, participativos e moi próximos ás novas xeracións de lectores. En primeiro lugar, o Proxecto Dragal incluíu a creación dunha Dragalpedia. “O obxectivo é que os rapaces descubran que no seu entorno hai lugares máxicos e unha morea de lendas. Trátase de valorizar o patrimonio inmaterial galego e o dragón é un bo personaxe para facelo”, explica a autora Elena Gallego Abad dun proxecto no que están a traballar de forma colaborativa 518 rapaces en 7 centros de ensino. No proxecto educativo colaboraron estudantes de secundaria de toda a xeografía, despois da lectura da obra de Elena Gallego achegan os novos coñecementos á realidade próxima e aos tesouros que a rodean. Nace así a Fraternidade do Dragón unida para manter viva a lenda do dragón galego e todo o universo creado ao seu redor. (…)”