Arquivos da etiqueta: En directo
Arteixo: acto de entrega do 31º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía
“Reunido o xurado, a organización do Certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 20 de maio, venres, ás 20:30 no Centro Cívico do Concello de Arteixo.
O xurado, reunido o 13 de abril de 2022 ás 13 horas mediante conexión telemática, e composto por Dona Antía Yáñez Rodríguez (nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Dona María López Sández (nomeada pola Asociación Galega da Crítica), Dona María Aránzazu Portabales Santomé (gañadora do 30º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía) e Don Alfredo J. Ferreiro Salgueiro, (director literario do Certame, que como secretario asiste ás deliberacións con voz e sen voto), decidiu por unanimidade premiar as seguintes obras finalistas (que aquí figuran por orde alfabética):
En directo, de Natalia Alonso Ramos
O rubor da dignidade, de José Ignacio Silva Regueira
Somos Adán e nada somos – Le temps, mon ami, le temps!, de Francisco Rozados Rivas
Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000€ e a edición da obra para o primeiro, 2000€ e a edición da obra para o segundo e 1000€ e a edición da obra para o terceiro.
O acto de entrega ofrecerá ademais outros alicientes para todos os asistentes: o libro, editado para a ocasión, A garza en chamas, consistente na publicación dos nove relatos finalistas das últimas tres edicións do Certame, e a actuación musical de Belém Tajes.
O evento incluirá ademais unha lembranza da figura de Florencio Manuel Delgado Gurriarán, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Finalizado o acto, o Concello ofrecerá aos asistentes un viño de honra.”