Entrevista a Xiao Berlai en Sermos Galiza:
“Desconhecido é o primeiro libro-disco de Berlai, o proxecto musical impulsado por Xiao Berlai, ex membro de Fía na Roca, que se bota a cantar por primeira vez. Un produto que se constrúe nun formato moi coidado e que enfía o texto e o son cunha banda deseñada a cargo de Ernesto G. Torterolo, que alimenta o disco e que recrea unha historia real, emotiva e vencellada ao rural galego. Preséntase en directo o día 30 de novembro na compostelá sala Riquela.
– Sermos Galiza (SG): Como nace a idea do Desconhecido?
– Xiao Berlai (XB): Nace coa historia dun tio-avó meu que se chamaba Alfonso e morreu no 2010. Eu nunca compuxera temas vocais, soamente instrumentais. Mais el era unha persoa importante para min e foi despois do seu falecemento cando escribín o primeiro tema do Desconhecido. Pediumo o corpo. Fíxeno como un impulso necesario. Mais a canción quedou aí. Dous anos despois comecei a compoñer algúns temas máis cantados e a abordar a idea de facer algo dedicado a Alfonso. Entón falei con Ernesto.
– Ernesto Torterolo (ET): Cando me mandou os temas pensei que era un disco-libro infantil. De aí naceu a idea de contribuír a narrar unha historia. A partir de aí, cando coñeces o suceso e es consciente de que é para adultos esa necesidade narrativa cobra máis forza. Decantámonos pola banda deseñada para contala. (…)
– SG: En ‘Far West’ -unha das primeiras cancións do libro- escóitase o himno galego. Eu aí tamén vin cor azul.
– ET: Si. A cor azul tamén é por iso.
– SG: Por que introducir esta melodía?
– XB: Para fozar na ferida. Dándolle voltas ao himno e baseándonos no libro Far West de Carlos Negro, quixemos ‘ensuciar’ tanto a banda deseñada como a música. Nos debuxos mesturamos un salón cunha taberna da aldea. Pretendemos ‘ensuciar’ a televisión que é ese ‘Far West’ que mancha a realidade e un final no que se queima a pianola, buscando un paralelismo coa vida do protagonista. Para min Alfonso era coma un apache que se meteu na súa reserva. Por iso metín esa canción. Mais non só por amor, senón tamén por vinganza á propia sociedade e ás normais sociais.
– ET: ‘Far West’ coloca a historia que se vai narrar no contexto. De feito, nese tema tamén aparece a bandeira galega nunha das viñetas cunhas características simbólicas que axudan a ‘ensuciar’ esa idea dun contexto fronteira entre o rural e o urbano.
– SG: Ese foi o sentido no que o poemario de Negro influíu na historia? Tamén o citas ao final nos agradecementos.
– XB: Lin o poemario tempo antes de compoñer o disco por recomendación de Ernesto. Relino varias veces. Cando comecei a facer as cancións para o proxecto do ‘Desconhecido’ botaba en falta a contextualización. Nese sentido, o libro de Carlos veume fenomenal. Mais loxicamente hai cousas que menciono nas cancións e que Carlos non trata. Carlos tende a un bardo máis feminino. (…)”