Convocado o 9º Premio Ramón Piñeiro Facer País

O premio Ramón Piñeiro Facer País, organizado pola Asociación Cultural Val de Láncara, recoñecerá por noveno ano consecutivo o labor de persoas ou entidades que destacasen pola promoción, defensa e vertebración de Galicia en calquera manifestación cultural, económica ou de creación ao longo de “toda unha vida” ou con “meritoria” constancia no tempo. Este premio, que carece de dotación económica, consiste na entrega ao gañador dunha obra de arte dalgún creador galego nun acto solemne que se celebrará no municipio de Láncara, podendo propor candidaturas todas as asociacións culturais de Galicia e aquelas creadas na emigración ata o próximo día 15 de agosto. Unha vez recibidas as candidaturas, a asociación convocante realizará unha listaxe con todas as propostas recibidas e convocará un xurado composto por membros de asociacións da comarca de Sarria, Val do Neira e Corgo mais un representante do CEIP Ramón Piñeiro do concello de Láncara. Eles decidirán o gañador deste premio, que se entregará ao redor do 27 de agosto coincidindo co aniversario do pasamento do intelectual Ramón Piñeiro. As propostas deberán enviarse á Asociación Cultural Val de Láncara (Láncara número 59. C.P. 27367 Láncara-Lugo) ou por correo electrónico a: arroxo@edu.xunta.es (á atención de Carlos López Sierra). As edicións anteriores deste certame recoñeceron o labor e a traxectoria do intelectual Isaac Díaz Pardo, o actor Luís Tosar, o grupo Milladoiro, o político Xosé Manuel Beiras, o escritor Xosé Neira Vilas, A Nosa Terra, o intelectual Avelino Pousa Antelo e a escritora Luz Pozo Garza. Con este premio, que recoñece de maneira real e desde abaixo o traballo daquelas personalidades destacadas nos traballos de defensa e promoción de Galicia e a súa cultura, o municipio de Láncara convértese no escenario da cultura galega durante os actos de entrega. A nova aparece recollida en A Nosa Terra, Xornal e El Progreso.