Arquivos da etiqueta: Festividades de inverno na provincia de Ourense
Un estudo sobre o entroido ourensán, premio Risco de ciencias sociais
Desde Sermos Galiza:
“Festividades de inverno na provincia de Ourense é o título do ensaio co que Carlos Xabier Ares Pérez (Viana do Bolo, 1971) vén de se facer co premio Vicente Risco de ciencias sociais, outorgado pola Fundación Risco.
Subtitulado Máscaras, personaxes e rituais, a obra baséase, explica o xurado, “nun extenso traballo de campo, unha catalogación dos personaxes e figuras do entroido e das festas de inverno ourensás”. “O traballo poderá ser moi interesante para un coñecemento das figuras que protagonizan estas festividades”, engade o fallo.
Carlos Xabier Ares Pérez publicara numerosos achegamentos ao entroido en xornais ou publicacións periódicas. Escribiu ademais varias contribucións á historia da súa localidade natal, Viana do Bolo, onde a máscara tradicional é o boteiro.
O xurado da XXIII edición do premio Vicente Risco formárono Luzia Oca, da Universidade de Trás-os-Montes; António Carlos Gomes, do mesmo centro; Teresa Devesa, polo Concello de Allariz -sede da fundación-; Manuel Carrete, polo de Castro Caldeas; e con José María Eguileta, da fundación, como secretario.”