Desde a Fundación Manuel María:
“Fisterra, da autoría de Saúl Aguado de Aza, composta sobre o poema homónimo de Manuel María, foi a canción lírica, para voz e piano, que resultou gañadora da primeira edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais celebrada nunha gala-concerto, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. O autor que levou un premio de mil euros en metálico, verá a súa composición editada xunto as obras das outras finalistas nunha publicación que será distribuída gratuitamente por todos os conservatorios de música de Galiza.
A gala-concerto encadrouse ao redor do aniversario de Manuel María, o 6 de outubro, e contou coa presenza do barítono Gabriel Alonso e o pianista Aurelio Viribay que interpretaron nunha primeira parte as cancións finalistas Orballo de Teo Montero, A lúa de Saúl Aguado, Rosas de Teresa Bretal e Fisterra de Saúl Aguado. E nunha segunda parte presentaron en concerto o seu traballo No Camiño -dous séculos de canción galega-.”
Arquivos da etiqueta: Fisterra
Fisterra: presentación de Escapado de Luis Lamela
O próximo día 4 de setembro, ás 20 horas, no Salón de Plenos do concello de Fisterra se presentará o libro Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón, a primeira novela de Luis Lamela, editada por Edicións Xerais de Galicia. O autor estará acompañado polo escritor e poeta Modesto Fraga.
Fisterra: presentación do libro Mar de ausencias
O vindeiro domingo 5 de abril o escritor Modesto Fraga presenta en Fisterra a reedición do libro de poemas Mar de ausencias, editado por Follas Novas Edicións na súa colección Libros da Frouma. O acto terá lugar a bordo do barco turístico “María Elena”, propiedade de Oliver Moure Santos, unha embarcación de recreo con capacidade para 73 persoas e que realiza diversas rotas turísticas pola costa fisterrá. Durante o traxecto (que cubrirá o itinerario literario-xeográfico polo que transcorren os poemas: “As Lobeiras”, “Langosteira”, “Mar de Fóra”, “O Centolo”, “Arnela”, etc) darase lectura a algúns dos textos do poemario e, posteriormente, celebrarase un acto de lembranza aos mariñeiros afogados na costa fisterrá. Está previsto que participen no acto familiares das vítimas dos pesqueiros “Bonito” (afundido no “Cabo da Nave” en 1960), “Begoña” (nos “Siriales do “Berrón”, en 1976) e “Isleña” (tamén na década dos anos 70). O acto dará comezo ás cinco da tarde e terá unha duración aproximada de unha hora e media. As persoas interesadas en participar no acto deben confirmar a túa presenza antes do venres día 3 neste correo electrónico.