Xa está dispoñible online o número 45 da revista Foeminas (Revista Virtual de Xénero), editada pola Concellería de Muller e Servizos Sociais de Lugo. Neste número especial e aniversario preséntanse diversos artigos de gran actualidade, con traballos de Marica Campo, Andrea Inocêncio, Jose Lemur, Luísa Brandt, Esther Vivas, Coral Herrera Gómez, Luís Valle Regueiro e Hugo Huberman.
Arquivos da etiqueta: Foeminas
Novo número da revista Foeminas
Xa está dispoñible online o número 42 da revista Foeminas (Revista Virtual de Xénero). Foeminas está editada pola Concellería de Muller e Servizos Sociais. Para ler este número e os seus números anteriores só é preciso entrar na web da revista. Podedes visitar tamén a canle de Foeminas en Youtube.
Xa está na rede o número de marzo da Revista Foeminas
Xa pode consultarse online o número de marzo de 2009 da revista Foeminas (Revista Virtual de Xénero), editada pola Concellería de Muller e Servizos Sociais. Neste número, a sección Historia de Mulleres dedica unha homenaxe ás pioneiras e máis representativas mulleres traballadoras galegas, e as primeiras en ser visibilizadas. A Galería de Arte recolle o traballo dunha pioneira e moi vixente profesional da fotografía, a lucense Mary Quintero. Contemporáne@ multiplícase ao presentar á poeta Emma Luaces, heterónima de Carmen Blanco. En Portada brinda a primeira parte dun informe denominado As mulleres e o traballo. Apuntes para saber por que e como se da a desigualdade entre homes e mulleres. A profesora e escritora Virginia Ferrer reflexiona no artigo E Darwin da súa costela creou á muller sobre o bicentenario do nacemento do científico inglés e a súa relación co xénero feminino. Javier Prado Espiñeira relata a súa admiración e recoñecemento pola pedagoga italiana María Montessori. Para rematar, en Mullerciclopedia publícase a crítica de Cristina Corral Soilán sobre a novela A elegancia do ourizo da francesa Muriel Barbery.
Novo número da revista Foeminas
Xa está dispoñible online o número de febreiro de 2009 da revista Foeminas (Revista Virtual de Xénero). Foeminas está editada pola Concellería de Muller e Servizos Sociais do Concello de Lugo. O número de Foeminas correspondente a febreiro pon o seu acento na linguaxe e na comunicación, e leva á portada a segunda parte do artigo de Cristina Corral Soilán chamado Limitacións na linguaxe non verbal: a imaxe da muller na publicidade. A sección Enlazad@s toma tamén como eixe central a linguaxe, o discurso e a comunicación cun artigo denominado O que non se nomea non existe. A sección Contemporáne@ recorda o ingreso de Margarita Ledo Andión na Academia das Letras Galegas. Historia de Mulleres recolle a conmovedora historia da “nai dos dereitos civís” en EE.UU., Rosa Parks. A Galería de Arte ofrece o traballo da destacada e tamén esquecida pintora mexicana María Izquierdo, mentres que Mullerciclopedia ocúpase do primeiro libro de poemas de Lupe Gómez chamado Pornografía.
Novo número de Foeminas (Revista Virtual de Xénero)
Xa está disponíbel o número 31 da revista foeminas. Para consultala, só é preciso entrar na web da revista.
Foeminas chega ao seu número o 31 celebrando o seu terceiro aniversario e conmemorando o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Estas datas están totalmente relacionadas como o demostran, na nosa Portada, os artigos “Un aniversario máis” e “VII Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero”.
Tamén ofrecemos na Portada unha breve reflexión sobre este terceiro aniversario de Foeminas titulado “E que cumpras moitos máis.”. Neste espazo ademais expoñemos a sección habitual Contemporáne@ dedicada á frautista galega Alicia Val Basanta e unha entrevista realizada por Cristina Corral Soilán á recoñecida cociñeira Beatriz Sotelo Sequeiros quen acaba de recibir un premio polo seu traballo.
Historia de Mulleres presenta a primeira parte da vida da mundialmente coñecida pintora Maruja Mallo e na Galería de Arte un artigo sobre Nancy Spero de Luz Darriba.
Mullerciclopedia achéganos a crítica do libro de poemas “Esencia de trementina” de Cristina Corral Soilán realizada por Esperanza Carballos. Este libro foi recentemente publicado e presentado e conta cun enorme valor afectivo para a nosa revista.
Para rematar, poderán gozar das nosas seccións tradicionais como “Viaxeiras”, “Foeminas panorámica,” “Mullerecetario” e “Noticias” con novas e renovadas achegas.