Santiago: A Berenguela, opereta de Nani García sobre un texto de Manuel María

O sábado 3 de marzo, ás 19:30 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, con entradas a 6 euros para adultos e 3 euros para cativos (pódense comprar desde o xoves 23 de febreiro), represéntase A Berenguela, de Nani García, unha opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes sobre un texto de Manuel María. A proposta que fai a Compañía A Xente das Palabras para este clásico da literatura infantil galega é a dunha posta en escena lida interpretada pola actriz María Inés Cuadrado, cunha introdución ao estilo de narración oral onde dun xeito lúdico, participativo e con exemplos prácticos se destaca a capacidade expresiva de música como código de linguaxe que comunica emocións. A palabra do poeta da Terra Chá está enmarcada pola composición musical de Nani García para o cuarteto de clarinetes Xerión integrado por Joaquín Meijide, Rafa Espido, Suso Sanchez e Juan Pérez potenciando a acción dramática e ofrecendo aos pequenos e grandes espectadores a posibilidade de disfrutar da música vencellada á palabra falada.