Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de renovar a súa Xunta Directiva. O novo presidente, Miguel Toval, de Edicións Embora, releva no cargo a Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, no remate do seu mandato de catro anos.
O presidente saínte, Henrique Alvarellos, fixo balance deste período á fronte da Asociación, e nel destacou «a estabilidade económica da AGE, o incremento de editoras asociadas ata alcanzar case que o seu máximo histórico con 47 empresas agremiadas, a posta en marcha de accións formativas profesionais durante todo o ano, a colaboración continua cos outros colectivos da cadea do libro como a AELG e a Federación de Librarías, e a conmemoración, tamén neste período, dos cen anos de edición moderna en Galicia (1924-2024) e dos 40 anos da fundación da propia Asociación (1983)».
A renovación da directiva da AGE produciuse no marco dunha asemblea extraordinaria celebrada presencialmente e por videoconferencia, e convocada expresamente con esa finalidade. A lista encabezada por Miguel Toval foi a única candidatura presentada e resultou elixida por unanimidade. Previamente, o presidente saínte fixo balance da xestión da súa executiva nos catro últimos anos, polo que recibiu o recoñecemento dos asistentes.
Canda Miguel Toval, a actual dirección da AGE complétase con Francisco Alonso, de Xerais, como vicepresidente; Paz Castro, de Kalandraka, como secretaria; Ana Guerra, de Obradoiro, como tesoureira; e como vogais, Edurne Baines, de Belagua; Celia Recarey, de Irmás Cartoné, Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora e Marcos Calveiro, da Editorial Galaxia.
Trátase dunha directiva integradora que inclúe membros da anterior etapa e suma tamén dúas novas incorporacións. Destaca ademais pola variedade das editoras representadas, tanto na súa procedencia xeográfica –Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña e Vigo– como na temática das súas respectivas producións: literarias e xeneralistas, libro educativo, grandes proxectos e literatura infantil e xuvenil.
O libro galego ten por diante varios retos: superar o índice de vendas actual, definir unha estratexia de internacionalización da produción editorial galega e concretar en medidas e plans específicos o recoñecemento do libro galego como sector estratéxico.
A Asociación Galega de Editoras ofrece á Administración a súa colaboración para a elaboración dun Plan Lector para o libro galego que contribúa non só á mellora dos índices de lectura senón tamén á superación dese paupérrimo 8% de venda de libros en lingua galega.
A Asociación Galega de Editoras continuará así mesmo na Xunta Directiva da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), á que pertence dende xuño do 2020.”
Arquivos da etiqueta: Henrique Alvarellos
Vídeo da presentación en Vigo de Os pozos elegantes das clavículas, de María Álvarez Landesa
Vigo: presentación de Os pozos elegantes das clavículas, de María Álvarez Landesa
Compostela: XXI Simposio O Libro e a Lectura. O libro galego nas librarías, o 18 de setembro
A Coruña: actividades do 8 de agosto na Feira do Libro 2024
Conxo: “As voces do bosque. Un paseo literario pola histórica Carballeira de Conxo”, guiado por Quique Alvarellos
Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2024

A novena edición dos Premios Follas Novas do Libro Galego pechou a súa edición deste ano coa tradicional gala que deu a coñecer aos ganadores en cada unha das trece categorías destes galardóns. A gala celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela serviu de repaso da intensa e prolífica actividade do mundo do libro durante o ano 2023. Os premios reivindican a excelencia acadada en 2023 en librarías e editoras e destacan tamén os papel das autoras galegas que dominaron en case todas as categorías.
A Gala dos Follas Novas volveu representar o excelente momento creativo da comunidade do libro en Galicia e volveu poñer de manifesto a necesidade de que esta creatividade sexa acompañada por politicas que incrementen a visibilidade e a presenza do libro e da literatura galega na sociedade. A gala foi presentada polo actor Xosé Barato “acompañado” por unha intelixencia artificial entremetida nas intervencións do presentador. A música para esta nova edición correspondeu a SAL, o proxecto musical de Diego Salgado e Pablo Pazo, guitarra e baixo, arredor do mundo do soul. O xurado desta novena edición estivo formado por Andrea Barreira, David Cortizo, Beatriz Fariñas, Lorena Gómez, Carlos Negro, Arantxa Nogueira e María Villaverde.
Os premios Follas Novas están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), co apoio da Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e CEDRO.
No nome das tres asociacións impulsoras do premios falou Cielo Fernández, presidenta da Federación de Librarías de Galicia. A presidenta salientou na súa intervención o momento que vive o sector “podemos afirmar que un ano máis somos quen de manter a espléndida diversidade do noso ecosistema, tanto editorial coma libreiro, e que a calidade da produción escrita en galego segue a ser moi alta.” No mesmo sentido puxo o Follas Novas como exemplo da creatividade artística de Galicia “Os libros e as persoas finalistas nesta gala dan boa conta disto, e sabemos que, ademais das presentes hoxe aquí, hai outras escritoras, ilustradoras, xornalistas, debuxantes, activistas e promotoras culturais, editoras e libreiras, que están a desenvolver un traballo diverso e de calidade.”
Cielo Fernández anunciou unha serie de actividades que se porán en marcha nos vindeiros meses e que servirán para dar máis presenza á comunidade do libro no país e que incrementarán a colaboración entre as tres asociacións convocantes do premio. Tamén apuntou que o ano vindeiro, décimo aniversario dos Follas Novas, haberá novidades nos premios e na gala.
Premios honoríficos
Os galardóns desta edición son para a Libraría Eixo, pola Federación de Librarías de Galicia; o finado editor Francisco Porrúa, pola Asociación Galega de Editoras; e o escritor vasco Joseba Sarrionandia, nomeado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega como Escritor Galego Universal.
Libraría Eixo
A Federación de Librarías de Galicia premiou nesta edición á Libraría Eixo, que acaba de cumprir 25 anos desde que Javier Ibáñez abrira as súas portas en Ourense en 1999. Desde ese momento, a libraría converteuse nun axente cultural para a cidade, ofrecendo un catálogo de 25.000 títulos e realizando actividades destinadas a dar a coñecer o mundo literario e a crear unha comunidade lectora na cidade.
Francisco Porrúa
A Asociación Galega de Editoras quere recoñecer este ano a quen foi un dos máis importantes editores de fala hispana no mundo. Francisco Porrúa, nacido en Corcubión en 1922 e finado en Barcelona en 2014, foi tradutor e editor en Arxentina e fundador dunha das principais editoras de ciencia ficción, Minotauro. Foi editor de Cortázar, Bradbury, Tolkien e Ballard, e tivo unha importancia decisiva na publicación de Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez. Tamén foi editor de Editorial Sudamericana e Edhasa.
Joseba Sarrionandia
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), poeta e tradutor vasco, tamén coñecido como Sarri. Formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott. xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika. É membro da Euskaltzaindia e tradutor de Eliot ou Pessoa. Ten publicado arredor de corenta títulos de narrativa, poesía, ensaio ou literatura infantil. Ademais, Sarrionandia foi un dos tradutores ao éuscaro dos clásicos da literatura galega.
GAÑADORAS/ES DOS PREMIOS FOLLAS NOVAS 2024
PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
Ser Cetáceo. O fascinante inverno do animal de fondo. Francisco Xosé Fernández Naval. Editorial Bululú.
PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
O cento voando. Amores, alianzas e monogamias. Andrea Nunes Brións, Ánxela Lema (coord.). Edicións Xerais de Galicia.
PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
Cinco corujas. Susana Sanches Arins. Através Editora.
PREMIO Á OBRA INFANTIL
A botella de lentellas. Leticia Barbadillo. Edicións Xerais de Galicia.
PREMIO Á OBRA XUVENIL
Burbullas de calma serena. Andrea Maceiras. Cuarto de inverno.
PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
Maruja Mallo. Enigmaticamente única. María Canosa e Bea Gregores. Editorial Bululú.
PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
Fago o que podo. Afra Torrado. Rodolfo e Priscila.
PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
Colección Candemaia. Edicións Laiovento.
PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
Deiche os ollos e miraches as tebras. De Irene Solá. María Alonso Seisdedos. Kalandraka.
PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
Retratos de vodas, partos e funerais. Silvia Penas. Editorial Galaxia.
PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
Festas de gardar. Díptico para a resistencia. Lorena Conde. Cuarto de inverno.
PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
O gran libro dos nosos montes. Blanca Millán. Cumio Editorial.
PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
Espazo Lectura de Gondomar.
Lugo: presentación de Lugo blues, de Claudio Rodríguez Fer
Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2024 en Compostela (II)
Estes son algúns dos vídeos do acto central do Día de Rosalía de Castro 2024 en Compostela, que tivo lugar o 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO. A crónica videográfica completa pode verse aquí.
– Recital poético. Francisco Tobar, da A. C. Solfa:
– Recital poético. Celsa Astray, da Asociación do Traxe Galego:
– Recital poético. Henrique Alvarellos, Asociación Galega de Editoras:
– Recital poético. Patricia Porto Paderne, Federación de Librarías de Galicia:
– Recital poético. Luís Pérez, Alcaldía de Ribeira:









