Arquivos da etiqueta: Hugo Torres
O CDG levará a escena a súa produción Neorretranca e posmorriña cun elenco integramente feminino
Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) contará cun elenco integramente feminino para a súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, que se estreará o vindeiro 11 de abril no Salón Teatro de Santiago de Compostela baixo a dirección escénica de Gena Baamonde. As intérpretes Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde foron as seleccionadas para encarnar todos os personaxes das dúas pezas que lle darán forma ao espectáculo: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.
As dez superaron un proceso de selección ao que se presentaron medio cento de aspirantes e conforman un elenco moi variado en canto á formación e á traxectoria das súas integrantes en ámbitos como o teatro, as artes do movemento ou o audiovisual. O vindeiro luns iniciarán os ensaios xunto a Gena Baamonde e o resto do equipo artístico, tamén maioritariamente feminino.
Así, xunto ao persoal técnico do CDG, participarán nesta nova produción Marta Pazos, a cargo do deseño da escenografía; Saturna, do vestiario; Esther Quintas, da caracterización; Wilma Moutinho, da iluminación; Ailén Kendelman, da música e do adestramento vogal; María Cabeza de Vaca, da coreografía e do adestramento físico; e Rosa Moledo, da asesoría lingüística. Contarase, ademais, con Iria Azevedo como asistente de dirección; Carmen Triñanes, de escenografía; María Alonso Velázquez, de música e adestramento vogal, e Hugo Torres, de produción.
O común denominador dos dous textos de Neorretranca e posmorriña é a identidade galega, sobre a que ofrecen dúas olladas diferentes a modo de colaxe. En palabras da súa directora, Sinfonía en sol maior ou non preséntase como unha “fantasía aberta ao xogo escénico, catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”, mentres que Boisaca ou a divina desgraza é “humor negro en cemiterio turístico nun tour completo polos límites da vida”.
-Resolución do tribunal de selección.”