Emma Pedreira, Carlos Negro e Héctor Cajaraville, Premios Xerais 2018

En Vigo, o sábado, 2 de xuño, anúnciase o ditame da XXXVª edición do Premio Xerais de Novela, a Xª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.

Kusuma de Héctor Cajaraville
Premio Merlín de Literatura Infantil, 2018
O xurado da XXXIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 33 obras, formado por: Uxía Martínez Recamán (comercial-promotora de libros), Alba Piñeiro Estévez (profesora e crítica), María Sánchez Lires (ilustradora), Maribel Tato Sánchez (libreira da libraría Cartabón de Vigo), Antonio Yáñez Casal (escritor) e o crítico e escritor Miguel Vázquez Freire, que actuou como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Cariandre”, “Kusuma” e “Tabardilla”.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Kusuma», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Cajaraville e corresponde ao título Kusuma.
Kusuma
No seu ditame, o xurado da XXXIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil sinalou que Kusuma é unha fermosa fábula ecoloxista protagonizada por unha faisán asiática obrigada a fuxir da agresividade do mundo industrializado. A fábula critica tamén o rexeitamento das poboacións inmigrantes, reivindica o respecto ás diferenzas e a valoración do traballo en grupo: “Se non nos axudamos entre nós, non somos nada”. Neste sentido, é unha historia de superación, de amizade e de aventuras cunha dupla mensaxe: que os prexuízos son o modo máis inxusto e equivocado de enfrontarnos ao descoñecido e que a coraxe e a afouteza sempre reciben a súa recompensa.
Alén destes valores, a obra destaca polo rico léxico descritivo de especies animais e do contorno vexetal.
Héctor Cajaraville ao coñecer o fallo dixo:
“O meu comezo na literatura en galego foi pola porta grande, non se pode pedir máis: a primeira novela que escribín, De remate, gañou o premio Xerais en 2015. E desde entón varios dos meus libros mereceron recoñecementos noutros certames, sobre todo ao comezo do meu percorrido como escritor.
Agora, coa perspectiva destes tres anos, sei o difícil que resulta todo aquilo que no seu momento me parecía case natural. E grazas a todo o que aprendín neste tempo sei que gañar un premio como o Merlín, sen dúbida o máis prestixioso e o de maior repercusión de todos os que se entregan na nosa lingua a unha obra para o público infantil, é un pequeno milagre.
Porque a literatura infantil e xuvenil galega vive un período de esplendor como nunca vivira, con autores (e autoras, sobre todo) que gañan premios en todas as partes e que ven a súa obra traducida aos idiomas da nosa contorna, e non só. E iso quere dicir que entre as máis de 30 obras presentadas a este certame seguramente había unha morea de marabillas.
Por iso, poder formar parte, aínda que sexa de xeito tanxencial ou secundario, dun momento de eclosión coma este, xerado por unha literatura como a galega, tan pequena en dimensión pero tan grande en calidade, prodúceme unha sensación de gratificación e recompensa que non agardaba cando, non hai tanto tempo, decidín embarcarme nesta viaxe fascinante da escrita.”

Aplicación instantánea de Carlos Negro
Premio Jules Verne de Literatura Infantil, 2018
O xurado da X edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 22 obras, formado por: Isabel Armesto Rodríguez (comercial-promotora de libros), Diana Fernández Gómez (editora do blog “Bolboretas no bandullo”), Mª Paz Fernández Pereiro (profesora, asesoría Bibliotecas Escolares), Alba González Fernández (estudante de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo), María Manuela Ordóñez Fernández (estudante de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo) e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica Isabel Mociño González, que actúa como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Avatar <04”, “Tres catorce dezaseis” e “Un laio de harmónica”.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Avatar <04», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Carlos Negro e corresponde ao título Aplicación instantánea.
Aplicación instantánea
No seu ditame, o xurado da Xª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil sinalou o seguinte:
Ante presenza das pantallas e da tecnoloxía, a sociedade actual precisa máis ca nunca a poesía. Por iso o xurado valora desta obra, entre outros aspectos: a orixinalidade, a calidade literaria, a forza da linguaxe e a súa riqueza, a posta en valor da figura feminina e o seu empoderamento, así como da cultura e lingua galegas. Tamén a crítica social e a visión por veces descarnada da realidade, a procura consciente da complicidade dunha lectora activa na construción dun discurso potente, apelativo e de intervención que non deixa a ninguén indiferente. Unha obra que salienta pola conexión con outras voces literarias, nun rico e estimulante diálogo que leva a novas lecturas. Por último, estamos ante unha obra que rompe calquera visión estereotipada da poesía e a converte nun berro de rebeldía e reafirmación.
Carlos Negro explicou que:
“Recibir o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil por unha obra como Aplicación instantánea, ademais dunha inmensa alegría persoal, confirma que existe un espazo lector para a poesía xuvenil en lingua galega, e que ese reto literario, a pesar dos seus riscos, constitúe unha aposta por unha poesía mutante e transformadora, que nace dos espazos de socialización da mocidade, convertendo as redes sociais e as aplicacións móbiles nun campo de xogo da linguaxe literaria.
Como autor, agradezo de corazón que o xurado se inclinase por estes versos que buscan, a través do xogo de máscaras dos avatares, unha análise crítica e plural das relacións humanas no mundo contemporáneo. Supón tamén, dentro da miña traxectoria persoal, a culminación dun proxecto creativo que se iniciou con Makinaria, continúa con Penúltimas tendencias e Masculino singular, e culmina agora con Aplicación instantánea. E quero manifestar o meu agradecemento a Xerais por ser partícipe, a nivel editorial, desta aventura fascinante que trata de levar a poesía aos institutos de toda Galicia. Grazas.”

Besta do seu sangue de Emma Pedreira
Premio Xerais de Novela 2018
O xurado da XXXV edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 37 obras, formado por: Santiago Lopo (escritor, gañador da edición anterior), David González Domínguez (editor do blog “Palabras de Gatsby”), Vitoria Ogando Valcárcel (catedrática xubilada), Claudia Morán (xornalista), Patricia Porto (libreira da libraría Lila de Lilith de Santiago) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás, que actúa como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Anxos Roubados”, “Canicha”, “Cecimbre” e “Ego sum”.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Canicha», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Emma Pedreira e corresponde ao título Besta do seu sangue.
Besta do seu sangue:
No seu ditame, o xurado da XXXVª edición do Premio Xerais de Novela sinalou que Besta do seu sangue supón unha proposta de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros. Ao tempo, salienta o uso dunha linguaxe poética e a transparencia que repousa na transmisión dunha atmosfera de desacougo e angustia ao abordar, con orixinalidade, unha historia inspirada na figura de Blanco Romasanta, co fondo dunha revisión xenérica de figuras da mitoloxía galega.
Emma Pedreira declarou:
“Cústame moito asimilar os cambios. Entre as miñas moitas fobias e teimas a neofobia dirixe un pouco as miñas fases vitais. Se cadra por iso emprendo a través das liñas outros percorridos e mudo de pel. Así que asimilar este enorme Premio Xerais vaime levar o que a dixestión da boa que tragou o elefante.
Sen que se me tome por soberbia quixera dicir que estou afeita aos premios –mesmo se me acusou de coleccionalos- pero eu do que falo é de ir abrindo portas e chegando a lugares e esta do Premio Xerais de Novela é unha porta pesada e con rotundos ferrollos, nunha fortaleza no cimeiro dunha montaña. Un lugar que pintaba inexpugnable para min durante todos estes anos en que me trataba de ti a ti coa poesía e de vostede coa narrativa.
Entendo o medo das valentes e a responsabilidade das fortes. Sinto iso neste mesmo momento: medo e responsabilidade. Medo polo que a visibilización deste premio implica para min e para as escritorAs nesta lingua, pola de preguntas e múltiples sentidos polos que vou ir pasando. Responsabilidade porque esta novela, Besta do seu sangue, pequena pero profunda e escura como un pozo, defende unha tese que non é nova pero si molesta e que trata de debuxar coa ficción os lugares que deixa a realidade que se perdeu entre as liñas e os silencios. Darlle voz a unha personaxe cruel e tratar de comprender o seu momento, sen desculparlle a conduta e os feitos, sen tratar de producir compaixón, só un achegamento, é unha responsabilidade. Todo, en fin, queda reducido a medos e máis medos que se compensan cunha rotunda emoción estourante. Agradecida. “

A festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañadoras.

Vigo, 2 de xuño de 2018″

Obras finalistas dos Premios Xerais 2018

Os Premios Xerais fallaranse o sábado 2 de xuño